sábado, 26 de marzo de 2016

Black Night Raid (Rioja Alavesa)

Máis horas de ida e volta en autocaravana
que o tempo para desfrutar da aventura.

Venres, cumpre de meu querido fillo Marcos. Despois de festechar a festa cos seus amiguiños, saímos destino Kripan ás 20:10 horas. Quedábanos un longo camiño por estrada ata chegar ao destino. 

Parada para durmir e cear. Coa casa a costas, parece todo máis sinxelo. Claro que sempre estaba enriba nosa papá Marcos (O patrón), para que todo fose pola liña. Tocada durmir, e houbo quen o fixo si, outros escoitábamos un "concerto da sinfónica" a cargo de Diego Lanchiñas. Vaia noite me dou.

Sábado pola mañá, toca levantarse cedo, almorzo e de volta á estrada. O tempo comezaba a poñerse chuvioso.

Chegada a Kripan (Álava) cedo, con tempo suficiente para preparar as caixas dos equipos para deixar nas transicións e vestirse.

Ás 16 horas, dase a saída. Por diante quedaban 3 etapas. A estratexia que levamos é dividir as seccións en tempo, unha vez vistas as puntuacións por balizas e o tempo que pode durar coller ditas balizas. Así, tocaría, 2 horas para a sección de trekking, 3 horas 30 minutos para a de bicicleta e 1 hora e media para a última de trekking.

Imos por partes:



TREKKING + TIRO CON ARCO: 17 km con 1000 m+.
Saímos dos primeiros, nada de perder tempo, posto que había só 7 horas para rematar o raid co maior número posible de puntos. Chegamos primeros á primeira baliza, os 2 equipos Brigantia (Nordés e Xerión), Continuamos para a seguinte, onde xa cada un vai para un lado. Chegamos á baliza do Tiro con Arco. 3 frechas, 3 erros, toca facer un extra para conseguir os puntos. Finalmente damos coa solución á pregunta e continuamos, A partires de aquí, comeza a estratexia, e comezamos a deixar balizas que consideramos lonxanas e que non entraban na estratexia. Un trekking precioso, e o mellor de todo, sen toxos coma en Galicia. Esto permitiunos orientar de forma distinta ao que estabamos acostumados, collendo rumbos e lendo outras cousas dos mapas que, en Galicia case nin o percibimos. 

BTT: 65 km con 1300 m+
Destacaba a escala 1:35.000 que nunca víramos, pero que solventamos con creces mentres poidemos. 
Pronto nos demos conta que esta etapa ía ser moi complicada polo barro e pola auga. Era prácticamente imposible cambiar de piñón coa lama que levaba o cambio. Nalgunhas pistas, a bicicleta parecía un tabique de barro. 

O frío comezaba a meterse nos osos e as dificultades ían a máis, polo que a concentración fixo que nos desorientásemos por momentos de forma "ilóxica", ainda que o solventamos moi ben, cun Diego máis concentrado ca min, e iso que non levaba mapa. Comezamos a coñecernos en carreira. 

A tos volvía de forma xeralizada e incluso algún flema con sangue. A cousa non pintaba ben por momentos, pero había que acabar. De alí non me ían sacar en ambulancia. O ritmo era bo a pesar de todo, polo que o entusiasmo estaba ahí.

CARREIRA A PÉ + RAPEL + BULDER + ORI. DE MEMORIA: 12 km + 250 m+
Unha bonita carreira a pé pola vila de Oión e arredores. Volvemos a coincidir co Brigantia Nordés. Facemos todas as probas especiais e picamos varias balizas antes de chegar a meta cun pouco de holgura no tempo. Finalizamos coa alegría de dalo todo e pensando en que tanto a orientación como o ritmo foron moi bos. Agora habería que esperar ás clasificacións, e sobre todo, ducharse canto antes para non enfermar máis do que estamos. 

Ao descargar o sportident, xa vemos que hai un equipo por diante nosa, e non é precisamente o Brigantia Nordés, que ía con máis ritmo que nós. Na nosa cabeza pasa pois, estar entre o 4º ou 5º posto, pero definitivamente comezamos a ver que a estratexia que levábamos non era a correcta, e así o vemos máis tarde cando vemos que era máis convinte facer a primeria e terceira sección completa (tiña máis puntos con menos tempo) e facer unha btt máis lineal. 
Finalmente, un 8º posto que sabe a pouco, sabedores que fomos o 5º equipo que máis balizas collemos.

Sacamos moitas cousas positivas por non decir TODAS, menos o resultado. 



jueves, 3 de marzo de 2016

Trail do Castelo -Quiroga-

Unha carreira épica
nun lugar emblemático.

O ambiente trailero do venres á noite non hai quen o pague. Alí alégrache a noite, máis que a cea, a compañía, o ver amigos que ves de trail en trail, o coñecer aos amigos dos teus amigos que comparten a mesma aficción e que nun abrir e pechar de ollos, parece que os coñeces de toda a vida. Eso non hai quen o pague.

Pero había que pensar no día da carreira. Había que ir durmir, e nesta ocasión escollín o albergue. Alí coincidín tamén con xente coñecida (Marquíz e Pousada) e xente que tiven o gusto de coñecer e que, por unhas ou por outras, coñecíamonos polas redes sociais (coñecidos 2.0).

Toca levantarse a eso das 6:30 horas, teño a equipación preparada para estar ok en 5 minutos. Así que 6:45 xa estaba almorzando.

Minutos antes da saída
Ás 8 dábase a saída. Non as tiña todas comigo coa equipación, sobre todo co goretex, pesado e gordo. Incluso levaba un chuvasqueiro por si era incómodo ao longo da carreira.

3. 2. 1, saída e collo sitio, polo menos para que non me colla un embudo as primeiras de cambio. Pero aos 2 km xa vexo xente sacando roupa, e eu non tardei en facer o mesmo. Perdo posicións e métome no "trenecillo" que, aínda que o ritmo é máis lento do previsto, tampouco é malo.



Con Rubén Seco chegando ao avituallamento 1
Pasado o avituallamento 1 e xa mollados de pasar varias veces os regatos, entramos en zona nevada (una preciosidade correr nese ambiente). Pero non tardamos en equivocarnos nunha baixada no km 10 (5 minutos). Dun grupiño de 8 persoas, aparecemos buscando a seguinte marca uns 30 corredores, pero ao final fomos capaces de atopar e continuar no percorrido. Polo que podo intuir, ese grupo tiña que ser dos de adiante. Alí estaban experimentados traileros do ultra e do trail (Lolo Díez, Fernando Cancelo, Pablo López Calaza e Rubén Seco entre outros). Sigo adiantando xente e atópome ben. Non tardo en poñer de novo o goretex, posto que comeza a nevar e hai unha pequena brisa. Comeza o primeiro cresteo e a néboa comeza a cubrir todo. A neve supera os 10 centímetros e as balizas comezan a verse cada vez peor, polo que decido sprintar para coller ao grupo de adiante e non perderme e sobre todo, por si me pasa algo estar con alguén que me auxilie e viceversa.

A baixadiña da cota, se las trae, moi técnica e perigosa. Continúo adiantando xente sen subir o pistón, polo que as cousas van ben.

Perfil do Trail do Castelo -Quiroga-










Non tardamos en chegar ao km 20, na aldea de Outeiro, lugar onde paro o necesario para encher un botellín de auga e comer uns frutos secos e froita. Saio coa sorpresa que os do ultra van a subir o Montouto. Esto faime pensar en algunha xente que estaba inscrita ao ultra que, coas condicións climatolóxicas que vin ata ese km 20, podía pásalo moi mal e oxalá non lle sucedese nada. 
Neste punto vexo subir a Lolo Diez (ultra) e diante levo a Rubén Seco (trail) e outro trailero. Por detrás, alcanzo a ver 3 máis. Nun quilómetro en liña recta, poderemos estar 5-6 corredores.
Pasado o río Vilarmiel, xuntámonos 3 persoas no que só coñezo a Rubén, e iremos un longo treito distanciados uns metros uns dos outros.

No avituallamento 3 (Rugango, km30), volvemos a xuntarnos estos 3 corredores, e co esforzo da baixada e o parón para recuperar forzas, sinto un pequeno mareo de un par de segundo, nada anormal, pero que será o primeiro dos avisos. Nada máis arrancar e dándome ánimos Rubén Seco, noto como os aductores comezan a avisarme do esforzo que, xunto co piramidal que traía medio renqueante, fan de min un "chiquilicuatre", aínda que intento seguir a Rubén, xa non son quen de continuar a ese ritmo se quero rematar o trail, unha vez que me paro para atar ven os cordóns (xeados). Dende aquí xa non comezo a mirar cara adiante, senón que miro cara atrás, para ver ónde veñen os perseguidores. Quedaban aínda 15 Km de pendentes, auga, neve e frío.

Chegada a Paradaseca, onde estaba o último dos avituallamentos, e toca subir a última cota do día e baixala ata Quiroga. Alá fomos. E mesmo nesa cota, comecei a ter algo de frío que, xunto co cansancio acumulado, facíase jodida, pero máis jodida ía ser a baixada. Parecía que ía "rompendo ovos". Os cuadriceps "pedían papas", ía roto de pernas e o terreo era moi falso, polo que todo fose por non petar cos osos no chan. Nunha destas, pásame un corredor (Luís Miguel Fustes), era o mellor dos males, aínda levaba ben ventaxa coma para que só me adiantase un corredor. A baixada era cada vez maior, e nunha destas, pásame coma un lóstrego outro corredor, era Adolfo Garrido. Este foi visto e non visto. Aínda quedei un anaco pensando se o imaxinara ou se era realidade.

km 42, último repeito da carreira
Non daba chegado a ver Quiroga, e eso era malo. No km 42 volta a adiantarme outro corredor (Miguel Dorado), no último repeito do día que, aínda que me animou a seguir con él, as pernas non querían, polo que llo agradecín pero "machiño, o corpo é o que manda". Cal foi a miña sorpresa que, cando chegamos ao asfalto no núcleo de Caspedro, vexoo a uns 200 metros e con suficiente terreo chan, polo que de aquí ao final, hai que dalo todo, e así fixen, adiantando a Miguel e mirando xa ónde se atopaba o arco de meta.



E alí chegamos despois de 5 horas e 41 minutos.








martes, 26 de enero de 2016

I trail Costa Doce (Sada)



O primeiro do ano e con ganas de ver os progresos nos adestramentos. Este trail estaba marcado como fase dunha progresión (aos 40 anos comezo a adestrar con cabeza, é o que hai).
E que mellor carreira que unha organizada polo CAS, un grandísimo club, cunhas grandes persoas que, como era de esperar, poñerían toda a carne no asador para que o trail saíse perfecto. E así foi. Un club volcado co deporte, unha vila e un concello volcado con este tipo de actividades. Chapeau.

Despois dunha cea de promoción a noite anterior, na que só a nós se nos ocurre pedir un lacón con grelos, e despois de estar toda a noite desperto e viaxando ao baño, levanteime cansado, pero coa mente en face-lo o mellor posible. 

Despois dun almorzo completo, a chegada a Sada fíxose corta e ao sair do coche, unha calor tropical ás 9 da mañá sorprendeume. O ambiente era exquisito e non tardei en poñerme de cháchara e repartir saudos.

Uns minutos de concentración e quecemento, repasando o obxectivo: top10. 

A carreira saiu moi rápida, como cabía esperar, pero o grupo principal logo se alineou e foi quedando sen xente. Fernando Cancelo estaba noutra "liga" e marchouse xa no primeiro quilómetro (como cabía esperar), e o grupo ía quedando sen xente importante para cubrir os outros dous caixóns.

grupo km 5
No km 5 (avituallamento) as distancias, aínda que mínimas, ía poñendo a cada un no seu lugar, ainda que a desconfianza seguía ahí. Neste punto, recordo que houbo un pequeno parón entre os 3 que perseguiamos a Cancelo, polo que non dubidei en acelerar un pouco, pois sentíame mellor con outro ritmo. Aínda que me acercaba de vez en cando a Fernando Cancelo, era sóamente unha "ilusión óptica" (cando o sendeiro tiraba cara arriba), posto que él ía máis que sobrado. 

baixada á praia
Pouco a pouco, o primeiro ía sacando ventaxa e os dous compañeiros de grupo ían quedando máis atrás, ata que chegamos á baixada á praia (corda). Unha vez saín da praia e mirei para atrás, non vín rastro dos perseguidores, polo que eso dicíame que xa lle levaba polo menos, cuarenta segundos de ventaxa. Non podía relaxarme, posto que estas carreiras danche moitas sorpresas ata que non pasas o arco de meta. 

Sobre o km 19 recordo que comecei a andar un anaco, e aínda quedaban 5 km, "Se chegaches aquí, non desvanezas", "nunca tan cerca tiveches un podium", "os obxectivos están para consegui-los" -dicíame.

E así foi coma no último avituallamento sabía que, se non tiña ningún lesión, o podium estaba cerca. Estaba en terra de ninguén. Por diante, nin rastro do primeiro, por detrás, nin rastro dos perseguidores. 

entrevista despois de meta
entrada triunfal en meta
Cando me vín polas rúas de Sada, parecía o neno máis feliz do mundo. E ahí chegamos, pasando o arco de meta en 2ª posición. 

Despois viñeron as felicitacións, as fotos, os abrazos, as cervezas e as medallas. E os callos claro. 






podium absoluto
Este é un deporte que une, que socializa, que cando rematas nunca vas cabreado con ninguén. 
Que coñeces os lugares máis sorprendentes da nosa terra, lugares con encanto que, se non é por eses sendeiros, nunca chegarás a coñece-los. Lugares onde respiras vida, respectas á naturaleza e faste partícipe dela. 

Esa debe ser a esencia deste deporte.





Fotos de: Runningplus e La Voz de Galicia.



clasificación final masculina


XXII Carreira Popular de Carral

intres antes da saída
22 de novembro de 2015 quedará marcado no meu calendario como a primeira carreira na que vin correr ao meu fillo Marcos. 

O día non estaba para tirar foguetes, con choiva intensa pero coa ilusión de ver a Marcos cun dorsal no se peito. Se o pai estaba ilusionado, o fillo aínda o estaba máis. A súa cara reflexaba unha alegría e unhas gañas de disfrutar da carreira que nunca o imaxinaría.

A súa carreira parecíalle curta (100 m), polo que houbo que explicarlle que para o ano que ben xa lle tocaba máis distancia. 









E claro, ao rematar, pareceulle curta, sendo coma é un "fuguillas". E a súa recompensa, unha fermosa medalla de chocolate, que non quixo comer ata ensinarlla a súa nai. 














chegando á meta (foto:funningplus)


Agora tocábame a min. Despois de deixa-lo con María Souto (moitas gracias), para que eu poidese sufrir a carreira. 

Carreira moi divertida e aconsellable. Un cross de asfalto diría eu. E polo que se viu, saiu. moi ben, sendo xa das últimas carreiras do ano. Finalmente, 6ª posición absoluta, cun tempo de 00:32:24. 

Por suposto, para repetir. Unha das clasicas.




Pero a alegria non rematou ahí. Nesta mesma curva estaba animándome o meu fillo Marcos. Que alegría. Ao pasar a meta, ensinoume o trofeo que lle deron por ser o 2º clasificado. Máis contento que un cuco, e coa ilusión de ensinarlle á súa mamá o ben que o pasou. Xa está pensando na seguinte.



martes, 27 de octubre de 2015

IV Trail Jarnachas (Concello de Arteixo). 25-10-15

Levo semanas en caída libre en canto a físico, xa que rematei a tempada hai semanas, pero este trail, digamos que era compromiso participar.

Ata o martes desta semana era imposible preparar nada por diversas causas, polo que o plan era, adestrar 3 días e medio, pero no primeiro dos días, paseime de rosca e collín unha forte sobrecarga, polo que non se puido facer nada máis, soamente esperar a que fose desaparecendo.

Sábado de charla con Luís Alberto Hernando. Unha pasada de persoa. Ahí estiven con moitos coñecidos e esto subiume a moral e a chispa. Isto e por suposto toda a charla, vendo a vida e as cousas das que nos falaba o campión do mundo. Pois ben, todo isto fixo que a noite antes da carreira prácticamente non durmín nada.

DOMINGO DE TRAIL:
Cheguei cedo para recoller o dorsal, algo raro en min, pero estaba preto da casa e iso sempre é un punto a favor.  Comezábase a respirar ambiente de trail, saúdos e máis saúdos. Hai moita xente que só a vexo nas carreiras.

Cola para ir ao baño e despois do efecto "bífidus", quentar un pouco e mentalizarse da carreira.

Dase a saída, na que o ritmo polo paseo ata antes de entrar no monte é infernal, intento buscar o grupo de corredores que poidan ser similares a min para non tolear nos primeiros km.

O ritmo tivo que ser moi bo, posto que ía Luís Alberto a uns 60 metros do grupo no que ía, e un pouco máis adiante coñecidos do trail galego, como Martín Lestón, Moncho Muíños, Fernando Cancelo e Tourís, que saíu coma un lóstrego, que lle pasou factura máis adiante.

Pero coas primeiras costas, a cousa íase poñendo no seu sitio. O campión do mundo Luís Alberto Hernando colle o seu ritmo e pouco a pouco vexoo desaparecer, estábamos sobre o km 5. No grupo no que estou,  decido poñerme diante e coller o meu ritmo, creo que acertadamente. Pasado o tunel da autopista, vexo ao lonxe de novo a Martín, Moncho e Luís Alberto, supoño que se tomarían un respiro. Pasado o primeiro avituallamento (km 7,5) xa só vexo a Martín "Piedras" Lestón un par de minutos. Unha baixada peligrosa, coma todas e a temida subida a Santa Leocadia. Costoume traballo chegar arriba, tanto que tiven que parar agarrado á corda un par de segundos polo sobreesforzo. Ahí arriba estaba o segundo avituallamento, onde puiden recuperar o pulso. Despois viña unha baixada de vértigo, onde teño a primeira caída que me deixa dolorido durante un bo anaco. Levaba moito tempo correndo eu só, sen presencia de ningún corredor, nin por diante nin por detrás, o que entendía que podía ser a tónica da carreira se todo fose normal. Pero como todos sabemos, nas carreiras non existe a normalidade.

Na pista da Medorra (polvorín), vexo ao lonxe a Tourís, que me leva uns 300 m. de distancia, na baixada, non tardo en atopa-lo, cun ritmo moi baixo e con moita precaución, todo o contrario a min. Non tardo en caer de novo, que pensei que rompera a clavícula, unha rama que se me meteu entre os dous pes e aló fun, a rolos polo monte abaixo.




Chego ao avituallamento 3 (km 17) e punto intermedio de control de tempos. Nótome cansado, pero supoño que seremos todos. Chega Tourís un pouco máis tarde e march do avituallamento cun ritmo trotón, sabedor que aínda quedan km. e desnivel dabondo. No percorrido aparece xente como Manuel Rey e compañía e Diego Lanchiñas e compañía, que me daban ánimos e folgos que se agradeceron, pero comezo a notarme raro, non era normal que estivese tan "derrotado" físicamente, comezaba a ter sensacións de cansancio raras. Aínda así, subín a bo ritmo a estas alturas de carreira. O peor viña na seguinte baixada, O Coto dos Corvos, na que o camiño estaba totalmente roto e os cuádriceps con demasiado lactato xa, as dores comezaban nas pernas. E antes de chegar ao km 20, outra nova caída sobre o hombro dereito, parece que as forzas comezan a fallar e a coordinación xa non anda ben.

Chego ao avituallamento 4, km 20, no que se unían de novo o trail longo e o curto. Preciso comer e beber, sobre todo isotónico do cal xa non queda. A parada fíxome máis mal que ben, posto que ao arrancar nótome máis pesado de pernas. Nun paso estreito pídenme paso, "somos do largo" .... ostias, ahí veñen "eu tamén"-costesteille. Deixoos pasar e xa lles digo que vou moi tocado. Chego ao camiño paralelo a autoestrada (Loureda) na que xa só podo trotar en llano. A partir de aquí a carreira fáiseme un inferno (km 22,7).

E nas pedras do km 25, na última baixada do día, antes de chegar ao paseo, alí me adiantan 2 corredores máis. Xa só quería rematar da forma máis digna. Os ánimos da xente no paseo déronme alentos suficientes para face-lo correndo e rematar extasiado. Iso ... e que escoites o teu nome pola megafonía na meta. Os aplausos alí agradecéronse ... e moito. 

Agora só quería isotónico e comida, comida, algo que levar á boca. Non tardaron os voluntarios en atopar froita suficiente para enganar ao estómago. 

En media hora xa todo eran risas e anécdotas cos corredores e corredoras. Iso sí, agradeceuse a auga quente e sobre todo o servizo de fisioterapia, hai que faltiña facía. Alí atopeime no ceo, e incluso vin un anxel.

Non finalizo sen agradecer a toda a organización polo traballo ben feito, e pola simpatía que desprenden. Ahí sempre terei uns amigos ... os jarnachos, e agradecer tamén a toda esa xente coa que intercambias anécdotas e máis anécdotas e que sin saber, fas un amigo en cada esquina. 

Voltaremos amigo Marán, voltaremos. 

P.D.
28 km. 1800m+
9º xeral: 3:20:47


jueves, 15 de octubre de 2015

SONraider 2015. Porto do Son

Alá fomos, coa intención de facer un gran raid. Equipo levábamo-lo, Diego, Pris e mais eu. Brigantia Xerión. Ía ser a guinda dunha gran tempada, 

Pero a cousa truncouse e xa traía pintas de truncarse. Me explico. 

Dan a saída do raid e eu aínda non chegara á saída. Claro, todos os equipos polas rúas de Porto do Son e o Xerión mirando ónde estaba o norte. Iso sí, íamos ter tempo de recuperar nesta primeira sección de 22 km de trekking. E como os tres somos grandes corredores, o orientador, neste caso eu, crín que íamos ben e con boa orientación. E así foi si, pero para mín, posto que o ritmo imposto era demasiado, e así o expresaron os compañeiros xa a dous km do cambio de sección, aló polo Castro de Baroña. Nesta primeira sección collemos todas as balizas menos unha, e pasándonos 15 minutos do tempo que poñía a organización para os mellores equipos. 

Estos míseros 15 minutos foron os que fixeron romper a estratexia que levábamos preparada. E foi como unha losa para nós ao longo do raid. Especialmente para mín, este factor foi decisivo posto que,  ao final víase que non estaba centrado na orientación e que o tempo fose desfasándose pouco a pouco. 

sección 2: btt e rappel. 30.7 km
Coa perda desos 15 minutos e a perda do tempo no cambio de sección, fai que decidamos dun principio non facer o rappel (que valía 4 ptos), e con elo, non ir a 3 balizas máis. A elección para ir á baliza obrigatoria 6, fixo que nos adentrásemos nun camiño que finalmente estaba pechado e tivésemos que dar volta ( no mapa non aparecía que estaba pechado). Aquí decaemos un pouco máis na concentración. 

sección 3: kaiak e trekking. 5.5 km
Aquí persoalmente, tiven tempo de descansar e relaxar un pouco a cabeza mentres non chegaban os "piragüistas" Pris e Diego e votar unhas risas con outros participantes e coa organización que tamén lle facía falta. 

O desfase horario que levábamos co previsto ao inicio do raid xa era moi grande. 

sección 4: btt. 27.5 km
A estas alturas xa intentamos ir o máis directos posibles á seguinte transición para comezar a última sección. Nin a orientación foi fácil nin o fixemos ben. 

sección 5: trekking. 14 km
Aquí podería estar a clasificación do raid. Moitos puntos e a disciplina que mellor imos con respecto a outros equipos. Non íamos mal, ata que Pris se cae e da co xeonllo nunha pedra. Parece que non poderemos seguir con ese ritmo. Seguiremos andando. 

Como xa levamos sufrido bastante, decidimos coller as balizas máis fáciles que estén pola liña recta trazada cara meta. E ali chegamos. Fin do raid.


Agora esperar a clasificación, que non pinta que sexa moi boa. Pero o traballo xa viña feito de toda a tempada. 



domingo, 4 de octubre de 2015

I Raid Vila das Neves-Marqués de Vizhoja (Campionato Galego)

Cita marcada no calendario, non só por ser Campionato Galego, senón tamén pola importancia de facer un bo resultado de cara ao campionato de liga.


26 de setembro. Esperábannos 93 km con 2810 m de desnivel +, repartidos en 5 seccións coas disciplinas de trekking, btt, kaiak, rappel e tiro con arco. 


O equipo Brigantia Xerión estaba composto nesta ocasión por Diego, Ana e Quito. Había tempo que non corríamos xunto, polo que non sabía cal era a condición física do equipo.


Non tardamos moito en saber cómo estábamos físicamente. Na primeira sección as sensacións son extraordinarias. 

De maneira xeral, a orientación saeunos moi ben (para o que sabemos) e o ritmo era moi bo. Agora só faltaba non caga-la na extratexia.

A primeira sección (ori semiurbán) xa deixaba ver que a carrera ía ser dura. O calor comezaba a apremiar e ía ser un punto a ter en conta. 

A segunda sección (btt) comeza a ensinarnos os grandes desniveis dos montes das Neves. Pero levamos un ritmo que sabemos que estamos nos primeiros postos. 

O trekking longo (3ª sección), creo que foi o punto de inflexión deste raid. Un precioso percorrido, con moitísima calor e parte da carreira sen auga para beber. Esto fixo que baixásemos o ritmo e que estivésemos atentos a calquer sitio onde poidésemos coller auga. Veume á cabeza o raid das series mundiais. Tiña unhas sensacións similares por momentos. Realmente este raid era digno dun Campionato Galego (duro, estratéxico, con navegación, con distintas alternativas para chegar ás balizas, ...). O ritmo era tan bo que sabiamos q si facíamos este trekking ben, podíamos estar no podium, una vez coincidido co equipo HG, que acababa de retirarse por deshidratación dun dos seus compoñentes. 

A 4ª sección (kaiak+rappel) foinos tan ben, que fomos o mellor equipo élite (manda carallo). Ana fixo o rappel, mentres que Diego máis eu fixemos o kaiak. Estábamos disfrutando co percorrido. O río super tranquilo, entre paredes de pedra, daba ganas de bañarse. Nesta sección  tíñamos na cabeza a necesidade de facer un gran posto neste raid que nos dese os puntos necesarios para conseguir a liga galega de raids na categoría élite. E estábamos na mellor das situacións.

Agora quedaba a última sección, unha btt na que teríamos que xogar coa estratexia e xa nos viña á cabeza un podium tanto no campionato galego como na xeral da mesma proba. 

E qué final. Na última baliza que tíñamos pensado coller, erramos no camiño que tíñamos que coller e xa decidimos non pica-la cando tíñamos moitas posibilidades de que estaba a 50 metros de onde estabamos. Pero agora o importante era entrar a tempo en meta. E aló fomos, a toda mecha cara  final, cando as forzas flaqueaban. 
E chegamos, extasiados e cansados, pero coa sorrisa de orella a orella. Agora só tocaba esperar ás clasificacións e ver que estábamos no certo, que nos saíra un gran raid. 

E alí esperamos, tomando unha cervexa nunha terraza da pequena pero fermosa praza da Vila das Neves. Un lugar con moito encanto e con moitas posibilidades para facer actividades da naturaleza.  







2º clasificados no Campionato Galego e 2º posto absoluto no raid.
ES PEC TA CU LAR.


A festa rematou coa entrega de trofeos e agasallos. Había moito tempo que non subía a un podium, e hoxe foi por partida doble. Tiña un sabor especial, por ser en equipo e por ser nun deporte tan especial e impresionante. Ós agasallos xa lle atopamos data para abri-los e os pinchos de confraternidade déronnos as forzas para disfrutar do subcampionato.

A organización estivo de 10, gran cantidade de voluntarios, aposta do concello e empresas implicadas no desenvolvemento da zona de influencia. Noraboa ao club organizador. Con nota o voso primeiro raid. Con nota ...



jueves, 1 de octubre de 2015

3 Horas Monumentales (Lugo)

Esta é unha desas carreiras que sabes delas pero que nunca compites non sabes moi ben porqué. 

O caso é que tiña libre esa fin de semana e unha chamada de novo do "Lanchiñas", coa súa palabrería e demáis, fixo que lle dese un SI, aínda sen saber quén sería o 3º integrante. A carreira consta de correr durante 3 horas a dar voltas pola muralla de Lugo en equipos de 3. Aos 3 días souben que o equipo sería: Diego, Quito e Agus Sousa. 

Eu tomaríao como un adestramento para o Campionato Galego de Raids, que se ía celebrar á semana seguinte en As Neves.


Ao chegar a Lugo, hai unha calor de la leche. No lugar da saída, hai moita xente coñecida coa que converso. Por un momento creo que todos menos eu son do club NoSportLimit, pero pouco a pouco aparece máis xente. O obxectivo era dar 18 voltas en total entre os 3, e xa sería moito facer unha máis. Sae Diego, que lle da o relevo a Agus e este a min. Cada volta son entre 9 e 10 min, polo que corremos 10 min, e descansamos 20. Ao principio todo son risas, pero a última hora xa as forzas disminuen e xa non ríamos tanto.

O adestramento ía ser de calidade, xa cho digo eu. E visto os resultados, foi moi estable. 


1ª volta: 3,27/km
2ª volta: 3,36/km
3ª volta: 3,37/km
4ª volta: 3,37/km
5ª volta: 3,37/km
6ª volta: 3,42/km










Finalmente, 5º clasificados na xeral, percorrendo 47,7 km.



Carreira mi divertida e distinta, o que lle da un atractivo especial. Quizáis repita algún ano máis.

martes, 29 de septiembre de 2015

BudiñoRaid -Terras do Louro



A ver se recordamos algo. 


Marchamos o día anterior para as Terras do Louro. Budiño esperábanos. Había moito tempo que non marchaba o día antes para unha competición e a verdade é que o ambiente raider é espectacular. Ahí temos tempo para conversar co resto dos equipos, saber cousas deles e tomar algo mentras conversamos. 

O equipo Brigantia Xerión, estaba composto nesta ocasión por Diego, Quito e Pablo Marcos (que sería o seu primeiro raid). 

Pola miña cabeza pasou toda a semana que, malo será que non esté a altura deles, posto que adestrara pouco e, para Pablo sería o seu primeiro raid e non estaría acostumbrado a tantas horas de competicion. Error. 

Bueno, o menda durmiu no coche e mandei aos compañeiros para o pavillón. Durmir, non durmín moito, pero algo descansei. O que sí durmiu foi o que debería estar máis nervioso, Pablo.




Ás 9 saída. Ás 9:01 hostión de Diego. Aparece coa man e toda a perna rascada. Empezamos ben.






Sección 1: Trekking con escalada. Con errores coma sempre para entrar no mapa, pero o ritmo era bo. A escalada no Faro de Budiño, con esas vistas, espectacular. A escalada, custou un pouco agarrarse á pedra nos primeiros metros. 


Sección 2: Btt e trekking. Non íamos mal vendo os equipos cos que coincidimos. O trekking, curto pero esixente sobre un mapa ortofoto, nun lugar precioso. Comezaba a gustarme a zona e estaba flipando con ela.  De volta á btt, fomos ao noso, concentrados e con bo ritmo. Flipante a vista dende o Castelo de Cans. As forzas comezaban a baixar. Nesta sección coincidimos bastante co equipo Gallaecia Tracktherace, polo que non íamos mal. 

Sección 3: Trekking. 7 km .Non o facemos, Ten hora de inicio e xa pasou. Comemos ben e hidratámonos ben. Calor a tope.

Sección 4. Btt. Vimos de facer 26 km con 1000 m de desnivel positivo e continuamos con bici, agora 23 km con 520 m+. Esta sección é máis asequible e vémonos con forzas. Estou impresionado co ritmo e a posición que levamos con este equipo "de circunstancias". Pablo aguanta e Diego fai de motor do equipo, sabe perfectamente a súa función e da todo o que ten para cumplir con elo. Eu teño a tranquilidade para orientar sen preocuparme. Esto funciona e véxolle futuro. Co ritmo que levamos e os erros que poidemos cometer, creo e confío en que imos nos primeiros postos.

Sección 5: Kaiak e rappel. Decidimos remar Pablo e mais eu e Diego faría as balizas a pé.
Para non remar nunca xuntos o ritmo é boísimo. Agradecín a neutralización do rappel na ponte que separa Galicia de Portugal. E o de caer enriba da piragua e non mollarme, tamén o agradecín, sabedor do mal que o paso cos calambres na piragua. Cando íamos por outra das balizas, decidimos non coller a baliza máis lonxana pero non vemos a Diego pola orilla. Votamos berrando máis de 20 minutos e confiábamos que dalgunha nos escoitase. Pero chegamos ao desembarco da piragua e alí non estaba. Esperamos e desconfiábamos que nos oíra. E esperamos, e seguimos esperando e o tempo votábase enriba. Co ben que o estabamos facendo e venme á cabeza que a acabamos de cagar pero bien. Son as 6 e non sabemos nada de Diego. Estanos collendo o frío e o o peor, que non queda prácticamente tempo para chegar en tempo a meta. Por fin aparece, máis de 20 minutos esperando por él. Error monumental, de partillos. Cando chegamos á transición somos os últimos, non hai vida alí. 


Sección 6: Trekking urbano. Non se fai. Sección pechada e non hai ninguén nela xa.

Sección 7: btt. 24 km con 600m+. Somos os últimos do raid pero temos unha chea de puntos, polo que temos menos de unha hora para chegar a meta, hai que intentalo e morrer no intento. Aló fomos, o máis recto posible para meta, e podemos coller un par de balizas que están polo percorrido elexido. No camiño comezamos a atoparnos equipos que se foron xuntando , nun momento ata 6 equipos. Nós tíñama-lo claro, e así fomos, confiando que coas neutralización chegásemos a tempo ao peche de meta. O ritmo era terrible a esas alturas de carreira. E chegamos por fin. 

Conclusións: Saín da casa co obxectivo de divertirme e coa mente en que o ritmo non sería moi grande, posto que Pablo nunca correra con nós nun raid. Conforme pasaban as seccións estaba cada vez máis metido na carreira e pensando, porqué non faría unha estratexia, estudiar algo os mapas e as balizas, porque o resultado podia ser espectacular. Ata finalizar o kaiak pensei nun bo resultado, incluso o podium. Non pensaba mal. Finalmente 4º que igualmente foi un boísimo resultado. Nunca pensei antes da carreira que poidésemos chegar aí. Hai potencial. 

Con respecto ao raid, pensei días antes que ... ir ata alá abaixo para ver canteiras, uffff, dábame pereza, pero todo sería polo equipo e por facer debutar a Pablo. Diego estaba moi ilusionado e sempre cumple, así que hai que estar.

A zona de competición era preciosa, uns montes limpos, cuidados, unhas pistas e sendeiros impresionantes, moi cuidados e con moita vida. Fli-pan-te. Quedei verdadeiramente sorprendido coa zona e co potencial que teñen alí para facer este tipo de actividades. A organización, o número de voluntarios, a implicación van facer que este raid sexa o primeiro de moitos. Parabénss.

Seguiremos coas ... 3 horas monumentales de Lugo. 

viernes, 5 de junio de 2015

Raid Gallaecia (series mundiais)

"Unha experiencia incrible nun entorno espectacular"

"Daba gusto atopar amigos e coñecidos en todos os lugares, aparecían de debaixo das pedras"

Tres semanas despois, decido realizar a crónica da aventura. Non o fixen antes por cansancio?? porque quizáis tiña demasidas cousas que contar?? Algo de todo, de ahí que esta sexa máis resumida, para non cansar ao personal.

A Istoria en sí iniciou aló por xaneiro, pero comezarei dende o sábado antes á carreira, onde nos desprazamos a Arzúa, para organizar todo o material e alimento para a gran aventura. Aínda que pareza incrible, fixo falta todo o domingo e o sábado pola tarde ata ben entrada a noite para tal organización. Non sabedes a cantidade de material necesario, organiza-lo e distribui-lo entre a caixa da bicicleta e a bolsa (bueno, e tamén porque andivemos mirando para as moscas).







Lúns a primeirísima hora, xa con todo cargado na furgoneta, arrancamos cara Cuntis, ás 9:15 temos o "check-in " e a proba de cordas. Vívese en toda a vila un ambiente internacional de competición. Idiomas e acentos distintos entrelázanse nas conversacións.
  

Martes, pouco antes das 9:00 da mañá, na pequena praza, vívese algo realmente bonito, algo especial, entre coñecidos falamos de algo único que temos que aproveitar. O obxectivo é finalizar a carreira, sen que problemas mecánicos e sobre todo físicos nos "chafen" esta experiencia. Adestramos para elo, así que con precaución e con sentidiño e sorte, deberíamos chegar ao obxectivo final, que non é outro que chegar á Praza do Obradoiro, onde está situada a meta.

Unha vez dada a saída ás 9:00 recordo que a nosa extratexia foi diferente ao resto da maioría dos equipos, comezando a picar balizas en sentido descendente (ao revés que a maioría de equipos). A orientación era boa, e sorprendeunos despois de ver os vídeos da proba como algún case afoga, cando nós mollámonos ata un pouco máis arriba da cintura. Todo ía ben e correctamente como tiñamos pensado, ata a última baliza desta sección. Aquí atragantóusenos bastante ata que conseguimos chegar á estrada ao outro lado do río. Despois foi de novo coser e cantar, pero xa perderamos bastante tempo no camiño.





De volta na praza de saída en Cuntis, arrancaríamos en Btt co fin de sección en Barrantes. Pero entre medias, teríamos unha orientación específica a pé, concretamente no monte da Escusa. O mapa de Btt complícase un pouco, posto que non estamos habituados aos mapas 1:50.000. 








No pavillón de Barrantes esperábannos as nosas bolsas. Estabamos desexando cambiarnos e comer algo quente, que non era moita cousa, posto que levábamos comida deshidratada que nada ten que ver coa "normal". Ás 20:30 h. saímos todos pertrechados cara o kaiak. Naquel momento, aínda que o sabíamos, non éramos conscientes de que tocaba remar toda a noite.  O rumbo estaba claro, sur da Illa de Arousa.
A marexada que atopamos era "boecha", polo que íamos mollados de arriba a abaixo. Xa no sur da illa e noite pechada, decidimos non facer a orientación a pé que alí había e continuar no kaiak, desta vez rodeando a illa polo oeste. No pescozo da illa (zona norte da illa), fixemos un pequeno parón para cambiarnos, beber e comer, para transportar os kaiaks pola estrada ata o porto. A partir de aquí cambiouse a marexada pola correntada, e todo isto, esquivando bateas. De repente, comezan a saltar muxos, que digo saltar, máis ben atacarnos, na cara, no peito, entran nas piraguas, temos que apagar os focos por uns minutos se non queremos naufragar por unha manada de muxos. Non tardamos en chegar a Vilagarcía de Arousa, onde nos esperaba unha pequena orientación a pé. Vennos ben para cambiarnos e coller calor. Unha vez feita, volvemos á piragua, rumbo á Illa de Cortegada, a cal bordearemos tamén polo seu lado oeste. Unha moi mala sorte, fixo que perdésemos buscando unha das balizas ... un mundo. Aquí pasou a anécdota que mellor recordo desta aventura, pero só se contará en persoa (canto rimos despois mi madriña).

As horas pasaban e a meta desta sección aínda estaba lonxe. O río traía unha forte corrente e o cansancio era evidente. Xa se estaba facendo de día e estabamos a punto de chegar. Ás 8 da mañá, arribamos en Pontecesures. Aínda que non estaba prevista, algúns metémonos unha ducha, xa non sei se estaba fría ou quente, pero fixo que despertásemos un pouco. Montamos a bici, comemos e arreando para a seguinte sección (tocaba btt). 

Pontecesures-Baiñas.
Esta quizáis foi a etapa máis rápida que fixemos. O obxectivo era entrar na sección de kaiak, que tiña hora de corte ás 17 h. Chegamos 15 minutos antes. A alegría fixo que nos despistásemos no tempo e cando nos demos conta, perderamos na transición máis do previsto. Embarcaríamos nas piraguas no encoro da Fervenza para baixar o Xallas. Había máis marexada e estaba peor o tempo no encoro que na etapa da Illa de Arousa. Cal foi a sorpresa nosa que cando chegamos á primeira baliza desta sección, a organización páranos por seguridade e non poderemos continuar polo río. Tócanos ir a patas ao cambio de sección, sito na praia do Ézaro.




A estratexia fallou. Pero se é por seguridade, admítese. Mirando as horas, o cansancio e o mermado do equipo, decidimos non facer o trekking do Monte Pindo e descansar as 3 horas obligatorias, para sair sobre as 3 da mañá en bicicleta e ter o tempo suficiente para facer a sección de trekking entre Fisterra e Muxía. 





Ás 3 da mañá xa estabamos arrancando. De novo, volvemos a errar co mapa de bici en 1:50.000. Pillounos unha choiva na parte alta do Pindo que nos puxo pingando. Traballo nos costou chegar á baliza do monte de Cee. Xa se estaba facendo de día, ás 8:30 chegamos ao porto de Fisterra

Vemos que poucos equipos levamos diante, 3 ou 4. Quizáis moitos decidiron facer a sección do Monte Pindo, pero nós, coñecedores desta terra, sabíamos que esta era a etapa que marcaría un antes e un despois no raid. Despois de almorzar, que falta nos facía, arrancamos cara Faro Fisterra, lugar onde se atopaba a primeira baliza desta sección, despois foi todo moi ben, intentando sairnos o máximo posible das zonas de area e sendeiros con mal firme, posto que serían moitos quilómetros e os pés íano pagar caro.

Estabamos desexando chegar á Praia de Nemiñalugar onde tiñamos previsto comer. E vaia se comemos, pedimos unhas tapas de guiso, e aproveitamos para comer un xeado, que ben merecido o tíñamos. Sorprendeunos non cruzarnos con ningún equipo. Pasamos Faro Touriñán, e intentamos dende aquí ir pola mesma curva de nivel, para non coller a subida da Praia de Moreira, a cal coñezo, polo que decidimos ir pola parte de arriba da aldea. Error, o camiño debuxado no mapa non existe. Esto fainos perder moito tempo e sair campo a través do desaguisado. Así que a xogada volveu a fallar. Continuamos bastante ben, ata que nun momento xa non recordo a zona (quedeime durmido andando) e menos mal que Diego se vai orientando ben polo Camiño dos Faros.

Xa vemos Muxía, o que non esperabamos era ter o ambiente de recibimento que tíñamos alí. Dicir que por todo o camiño había xente coñecida que nos estaba a seguir. Non podo poñer nomes, porque son moitísimos, e quizáis me esquecera de algún. 

Falar un pouco, cambiarse, comer algo, lavarse, e seguinte sección. Toca btt Muxía-Ponte do Porto, para adentrarse nun bucle en Camariñas e facer un trekking polo cemiterio dos ingleses. Como nos "empanemos" de novo co mapa, non chegamos, polo que decidimos non facer dito bucle e en Ponte do Porto coller cara Vimianzo e Negreira, fin desta etapa. Tal era o cansancio que en Cereixo, paramos a durmir 30 minutos. O lugar non sei se era o propio ou non, pero durmimos no cemiterio.

Unha vez chegados a Vimianzo e pasados pola baliza que había no castelo, xa cos bares abertos, almorzamos de lo lindo. Non sei os kilos de pasteis que tomamos, pero o pasteleiro fixo o día con nós. Que ben sentou. 

Antes de chegar a Negreira, volvemos a durmir 20 minutos nun monte, eran as 2 da tarde. Aquí tivemos outra anécdota cun home e un fouciño, non digo máis. 

E chegamos a Negreira, cunha calor de espanto. E con esa calor e cunha fonte preto, que mellor que votarse un lavado completo. Había que estar limpo e fresco, que ía sendo hora. 
Quedaba a última etapa que nos levaría á Praza do Obradoiro. Un trekking longo cunha orientación específica no Monte Pedroso, xa na entrada á cidade de Compostela. Saíndo de Negreira xa sabíamos que íamos chegar. Eran as 18:30 h. do venres. Os ánimos reflexábanse nas nosas caras.




Tiñamos previsto chegar sobre ás 5 da mañá ao Obradoiro, pero a música da festa e a vista da cidade, fixo que os ánimos se levantasen e só pensar en que podíamos durmir nunha cama esa noite, fixo que apurásemos o que podíamos nese intre. E chegamos. Un silencio sepulcral en todas as rúas, e comezamos a chegar á praza do obradoiro e o silencio fíxose festa, festa rachada. Alí estaban esperando un cento de amigos, cantando, apraudindo e dándonos os derradeiros ánimos desta etapa. Mi madriña a que armaron ás 3 da mañá. Orgulloso desta xente. E alí estaba o meu fillo e a miña muller, ás 3 da mañá. A emoción percorreu todo o corpo e toda a Praza do Obradoiro.








E aquí remata esta primeira aventura ... ... ...