Realidades difíciles de conseguir
Aínda que non tiña moi claro a miña participación nin tempo para adestrar semellante proba (265km con 9000m+ www.utcm.run), caín na tentación de correr algunha etapa solta simplemente por acompañar a un corredor de élite, aínda que fose na liña de saída, a unha persoa que, sen conocela físicamente, parecía que nos coñecíamos de toda a vida. Non era outra que Diego Pazos, o corredor da "pajarita".
Moitos non saberíades quén era (agora xa supoño que si), pero para mín é un ídolo como pode ser Killian ou Luís Alberto entre moitos outros. A historia non vola vou contar porque non é o caso desta crónica, pero podo dicirvos que é moi fermosa.
Bueno, o caso é que a primeira e segunda etapa coincidían en sábado e domingo e estaba libre, así que tiña que estar si ou si.
O venres foi a presentación en Cabana de Bergantiños, ao lado de Ponteceso, e esa era a mellor das oportunidades para coñecer persoalmente a Diego e ao resto de participantes e voluntarios. Con Diego Pazos foi coma un reencontro e co resto dos participantes, non tardamos 5 minutos en sentirnos cómodos (é o que ten este deporte).
Trala presentación e cea, onde debatimos sobre a carreira e o desafío, todos para cama que ao día seguinte comezaba a carreira.
SÁBADO 15 (Caión-Malpica de Bergantiños. 258km e 970m+)
Éramos poucos na saída pero a aventura era fascinante, así que non nos importou. Saímos cunha sonrisa e coa incognita de saber o que nos depararía esta aventura. Nos primeiros quilómetros xa comezamos a ver ónde se situaba cada un e cal podía ser a estratexia xeral.
Diego Pazos foi pouco a pouco collendo distancia e recordo que na praia de Razo xa non o víamos ao lonxe. Eu optei por ir con Giulio, un rapaz de Ibiza, influencer que tamén me quedou marcado dende esta aventura.
O ritmo era moi suave e cómodo, que me deixaba disfrutar da paisaxe desta Costa da Morte que non coñecía tan polo miúdo. Eu sabía que a etapa de mañá (Malpica-Ponteceso) era moi esixente, polo que o ritmo era bo.
Non tardamos en meternos na ruta "Os pinos do mar", un fermoso percorrido por pistas que nos deixaban descansar os nocellos e xeonllos. Había que reservar o chasis que esto aínda estaba comezando.
E por fin, vemos moi preto Malpica. Tocaba baixar dende Pedra Queimada ata o porto, e fixémolo xuntos, entrando na meta da primeira etapa xuntos, Giulio máis eu. Alí estaba esperando Diego Pazos que, como gran profesional, esperaba aos seus rivais en meta.
Pouco a pouco ían chegando o resto de participantes.
Picar e beber algo en meta, ducha e despois decidimos comer na praia de Seaia, tranquilos e disfrutando do día.
Pero o corpo sabía que tiña que descansar e que mañá era outro día. E aló marchamos todos, cada un para o seu aloxamento.
DOMINGO (Malpica de Bergantiños - Ponteceso 46,3km e 1715m+)
Aquí contaba con ventaxa. En moita parte deste percorrido adestrei no verán, polo que sabía ónde podía ir mellor e pior. O meu obxectivo hoxe era aguantar o ritmo de Diego Pazos, sabedor de que mañá lúns xa non ía correr.
Así foi, saímos de Malpica cara cabo San Adrián, nun día fresco pero impresionados vendo o amencer. Non tardamos en distanciarnos Diego máis eu, poñendo terra de por medio. A etapa era longa, con desnivel e algunha zona moi técnica. Para min, a etapa máis bonita de todas elas. O ritmo era alto pero podía con él. As conversas con Diego foron moi fructíferas, mentres eu facíalle de guía e explorador da Costa da Morte. E así fomos, pasando polos diversos avituallamentos, onde podía ver xente do Club Abellariza de Ponteceso que tan ben nos tratou, unha ledicia.
E si, así fomos ata que pasando a praia da Barda -Corme-, méteseme un pincho no pé e teño que parar a sacalo. Pasaba xa do km30, pero dende alí, xa no volvín ver a Diego, e iso que o intentei por algún momento. Non foi ata o avituallamento de Faro Roncudo onde o atopei, él saíndo e eu chegando. Finalmente, dende a Praia da Hermida -Corme-, xa non volvín saber máis del ata a meta.
Moitos dos meus seguidores comentáranme de que sacase unha foto con él no "descanso so guerreiro", un lugar máxico onde soio descansar cando adestro polo lugar. Inspírame paz, descanso e mútome coa natureza. Este lugar non é outro que a Punta da Facha. Pero cando eu cheguei alí, xa había tempo que Diego pasara e eu xa estaba desexando rematar a etapa.
Aínda quedaba Balarés e subida ao Alto das Travesas (antenas) que se me fixo un mundo. Despois, baixar polo camiño da Vitureira e malecón. Xa estábamos na casa e fin do traxecto. Cal é a miña sorpresa que vexo que toda a etapa a fixera en 5 horas e pouco, pero máis sorpresa foi o recibimento en meta, con toda esa xente e Diego esperando. Unha ledicia.
Dende aquí, houbo un parón ata o xoves ...
XOVES 20 (Muxía-Fisterra. 50,2km e 2050m+)
A etapa máis longa e con máis desnivel de todas. Digamos que a etapa raíña.
Chegaba fresco despois de non asistir ás etapas anteriores, e o obxectivo unha vez máis era saber máis de cómo se manexa un corredor élite. O resto dos corredores xa levaban moitos quilómetros nas pernas, polo que non tardamos en cada un coller o ritmo desexado e, o meu, ía ser o de Diego Pazos ata onde poidese.
Como na etapa 2, as conversas que podíamos ter entre os dous eran deste deporte e cómo afrontar as carreiras. Os 3 grandes desniveis que tiña a etapa ían quedando atrás. No primeiro chegamos a ver a Íñigo (un xoven rapaz do País Basco que non tardaremos en escoitar del) e Giulio na base do Monte Cachelmo. Xa non volvemos saber máis deles.
Como na etapa 2, as conversas que podíamos ter entre os dous eran deste deporte e cómo afrontar as carreiras. Os 3 grandes desniveis que tiña a etapa ían quedando atrás. No primeiro chegamos a ver a Íñigo (un xoven rapaz do País Basco que non tardaremos en escoitar del) e Giulio na base do Monte Cachelmo. Xa non volvemos saber máis deles.
Os quilómetros ían pasando e sentíame ben a ese ritmo imposto por Diego. Xa se lle notaban os quilómeros enriba, ou eso creía eu.
De vez en cando atopábamos Pablo Lista, que se acercou en varios puntos a saber cómo íamos e a animarnos.
De vez en cando atopábamos Pablo Lista, que se acercou en varios puntos a saber cómo íamos e a animarnos.
Eu traía unha dor de estómago dende o primeiro avituallamento que foi agrandando conforme avanzaba a carreira e xa pola praia do Rostro corría con dificultade, mentres o meu compañeiro seguía con ese ritmo, ese mesmo co que comezou, como se non lle afectasen os quilómetros. Eu agradecía os avituallamentos, xa que él o tomaba con calma mentres eu chegaba uns metros máis atrás. Pero onde realmente me atopaba mal foi pouco antes de chegar ao cabo da Nave (antenas), onde xa Diego me sacaba un cento de metros. No avituallamento só collín auga e saín canda él, xa só esperaba rematar a etapa. As baixadas facíanse jodidas, en especial a que nos leva á praia Mar de Fora. Dende moito antes xa todo eran ánimos por parte de Diego Pazos para que seguise co ritmo imposto. E pasamos Fisterra en dirección ao faro.
No terreo chan e grazas a que él reduciu o ritmo (non me cabe duda), ía acercándome e xuntándome con él, máis no último repeito era imposible levar ese ritmo. Xa só quedaba a baixada que nos levaba a Faro Fisterra. Alí, ao lonxe, xa víamos o arco de meta. E alí fun, baixando máis a presa do que o corpo quería, e alí estaba baixando amodiño Diego. Desta si que entraríamos xuntos, pois así o quixo él. Eu acabei reventado e o chavalín aínda se puxo a bailar na meta. Incrible.
Esperamos polo resto de participantes como norma e despois ducha, masaxe e a durmir. Aínda quedaba a derradeira etapa.
baixando dende cabo da Nave |
fundido despois do esforzo |
VENRES 21 (Fisterra- O Pindo. 40,8km e 1644m+)
Día chuvioso o que nos tocou e con neboa, moita neboa. Os primeiros quilómetros dende o faro ata sair de Fisterra fixémolos xuntos para non perdernos. As condicións climatolóxicas ían ter un papel importante hoxe. O que debía ser unha etapa para ver o mar dende puntos máis altos, converteuse nunha fazaña para chegar san e salvos a meta. Foi no avituallamento do campo de fútbol de Cee onde o grupiño se rompeu. As forzas que nos quedaba a cada un de nós xa eran distintas e cada un tirou ao seu ritmo. A neboa era tal que non se veía a 20 metros. Eu intentei seguir a Diego, deixando por detrás a Campanero (preparador físico de profesión e atleta que adestra por esta zona do Pindo), pero nun momento de confusión nun cruce, vexo que o gps se me bloquea e que non vexo marca algunha do percorrido. Tirando de imaxinación, collín o móbil onde levaba o track, pero entre unha cousa e outra, pasaron moitos minutos. Chovía a rabiar, neboa e ... e o teléfono que se volve tolo ao choverlle na pantalla. Amodiño fun capaz de chegar a un cruce onde atopei ao voluntario Manu (que estaba en todo, xunto cos outros voluntarios). Díxome que Diego pasara había 10 minutos, polo que estimei que tamén tivera dificultades. Moito máis adiante, a cousa complicouse noutro cruce. Non atopaba o camiño correcto. E grazas a deus, apareceu Campanero no mesmo lugar e xuntos proseguimos o camiño. Xa de forma suave e pensando en acabar sen levar un golpe. Non foi fácil. Nunha das zonas máis elevadas da etapa, non se veía nin a 5 metros e a dificultade de ver as balizas de sinalización complicábase. Entre os dous fomos capaces, pouco a pouco de coller o bo camiño e, aínda así, tivemos unha sorpresa de última hora. Uns 50 metros de toxo atlántico esperándonos ata a altura dos xeonllos. Mi madriña que maneira de picar. Por fin chegamos a un tramo de estrada antes da presa do Ézaro. Dende aquí xa tiña Campanero memorizado o percorrido, xa que coñece a zona como a palma da man. Pero ollo, aínda quedaba a subida á Moa e a súa baixada ata O Pindo. Non foi fácil entre a chuvia, o vento e a néboa. Aló arriba atopamos a Antonio Amboade sacando fotos (pingando coma un pito). Pero o que me preocupaba a min era a baixada, xa que as Salomon ían slip total e o día non estaba para historias. E aínda baixado amodo, caín tres veces e nunha delas, enriba da toxeira. O que vos dicía, a ver se chego vivo á meta.
E por fin, vistamos as primeiras casas da vila e cando nos damos conta estamos na súa praia, co arco de meta ao fondo. Por fin chegamos si. E chegamos xuntos. Bicos e abrazos e a ducharse que morremos co frío. Aínda nos daría tempo ver chegar ao resto de participantes.
E como era o derradeiro día, xa comín no mesmo lugar que o resto de amiguetes que acaba de facer nesta semana. E que ben se comiu na Morada da Moa (O Pindo). E así estivemos ata a noitiña, entre cafés e xeados. E finalmente, fomos para unha cea de confraternidade que se montou. Risas, risas e máis risas e comer por suposto. E aínda houbo tempo para a camiseta de finisher e unhas entrevistas que nos fixo Giulio para o seu canal de youtube.
Unha experiencia incrible cunhas persoas incribles. Mágoa de non poder facer todas as etapas para saber ónde está o límite. Aínda así, moi feliz por formar parte desta experiencia.
E para finalizar vénme unha frase á cabeza ... "droja en el colacao", así estou/estamos os que imos correr pola natureza, porque a natureza engancha co fermosa que é.
Estou á espera de recibir máis fotos (da última etapa) que publicarei ao pé desta páxina cando cheguen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario