domingo, 19 de abril de 2026

Trail Costa Doce 2026 (25.01.2026)

 Sen choiva pero

con barro, moito barro


1. Espectativas antes de comezar

2. Espectativas xusto antes da saída

3. Espectativas durante os primeiros km

4. Espectativas nos km finais

5. A realidade final 🏁

Co pouco volume (por non dicir "ningún") que traía, viña a desfrutar da carreira, da paisaxe e de non mancarme.

Levo uns meses coa cabeza noutras cousas 📚 e iso réstalle tempo ao deporte.

O mellor de todo, desfrutar e pasar un anaco en compañía dos traileiros/as.
Pero a cousa cambiou xusto antes da saída. O dilema de todo trailero "Eu hoxe veño de tranqui..." e outras mentiras que nos contamos 😄.

E algo pasou na miña cabeza para darlle semellante volta.

1. A alegría de sempre: Outra vez na liña de saída do Trail Costa Doce de Sada. Reencontros, risas con amigos e ese ambiente que tanto nos engancha. Ata aquí, todo normal

2. O "Clic" interno: De súpeto, sen saber moi ben como, as miñas pernas lévanme á primeira fila. Xusto aí, ao lado dos que saen disparados.

3. A loita interior: "Pero se eu vin pasalo ben e pasar o día...", dicíame a min mesmo. Pero a mente comezou a traballar... e as gañas de guerra puideron máis.

Modo Kamikaze activado: Decidido. Imos intentar aguantar o ritmo do grupo dianteiro ata que o corpo aguante. Un plan sen fendas (ou unha tolemia en toda regra 😕).

E así foi como saímos... co corazón a mil e con ganas a tope 🚀.

E de súpeto... no medio da batalla 🏃🔪


Se vos falaba do "modo kamikaze" o que pasou nos primeiros quilómetros do Costa Doce foi a confirmación de que a cabeza non sempre manda sobre o corazón (ou sobre as pernas).

🚀 A saída: Saímos polas rúas de Sada coma auténticos Miuras. Sen mirar atrás, sen gardar nada. 

📉 O primeiro cribo: Chegou a primeira costa e puxo a cada un no seu sitio. As distancias empezaron a marcarse e, para a miña sorpresa, eu estaba alí: na cabeza de carreira. (Aínda que a única cabeza que corría era a miña, porque o sentido común quedara no coche 😟).

O pacto co demo: Algo dentro de min dixo: "Todo para adiante ata que rebentes". Sabía que o momento de "pedir papas" ía chegar, o que non sabía era cando.

🥈O soño do segundo posto: Sen darme conta, antes do km 4 xa ía segundo da xeral. E así aguantei, esperando cada metro, ata ben pasado o km 27.

⚠️A realidade: Pero ollo, non vos quero enganar. A épica ten un prezo: dende o km 20 o meu corpo xa estaba negociando a rendición e as pernas pesaban como o chumbo.

O trail é así: un equilibrio constante entre a gloria e o sufrimento extremo.


Onde o corpo para, a cabeza empuxa...

A partir do km 27 o Costa Doce púxome a proba. Unha caída tonta desatou os cambreos e tocou negociar cada metro 📉.

Perdín postos, pero non a rabia. A falta de 200m saquei forzas de onde non había para entrar xusto por diante dun grande como César Rodríguez Ventureira. ¿O resultado? Un esforzo que valeu un 2º posto veterán e 5º da xeral

Había moito tempo que non sentía esta dor nas pernas... pero o barro de Sada sabe a gloria.






   

 

    
 

  






sábado, 25 de octubre de 2025

CxM Canóns do Sil (19-10-2025)

🏃‍♂️ Trail Canón do Sil 2025 – Onde todo comezou

Aquí foi onde comezou todo...

Esta foi, hai xa moitos anos, a miña primeira carreira como “trailero”. E, curiosamente, foi tamén o lugar onde pechei o círculo este ano, volvendo a Parada de Sil despois de completar o Trail Ribeira Sacra só unha semana antes.

Chegaba coa ilusión intacta e coa idea de dar o máximo para tentar subir ao podio de idade, non só nesta proba, senón tamén na Copa Galega de Carreiras por Montaña.


🌧️ A chegada a Parada de Sil

Viña canso, si, pero con mellores sensacións ca en Luíntra a semana anterior.
Durmín no coche —cada vez gústame máis esta “moda camper improvisada”— e, cando abrín os ollos, caía unha boa molladura. Polas sete da mañá chovía con forza e custoume erguerme, pero acabei almorzando e preparando o material con calma.

O día prometía ser húmido, así que escollín ben: zapatillas Tomir 2.0 de NNormal (agarre total), chuvasqueiro novo, e cinto no canto da mochila. Sen bastóns, que tocaba correr lixeiro.


🏁 A saída

A saída, pasada por auga. A chuvia era moderada e o inicio, costa abaixo. Non tiven présa: preferín saír tranquilo, no pelotón de cola, mantendo o meu ritmo. O obxectivo era claro: chegar enteiro e desfrutar.

Entramos pronto nas carballeiras e nos camiños de Parada de Sil, preciosos pero esvaradíos. As pedras molladas e cubertas de musgo obrigaban a máxima precaución: unha caída ou un nocello torcido podían arruinar a carreira.

A primeira subida foi un auténtico quilómetro vertical, durísimo. Pouco a pouco fun collendo ritmo e adiantando corredores. Entre eles, Diego Seoane do Brutanzos, que sufría na subida pero sabía que baixando me pasaría coma un raio.

O entorno era espectacular: camiños húmidos, natureza en estado puro. No cumio formamos un pequeno grupo espallado e comezamos o descenso cara Entrambosríos. Alí conectei con Jaime López Basanta, co que compartín varios quilómetros antes de afrontar o segundo gran ascenso.


🏔️ Subindo ao Pico Meda

Aquí comezaba de verdade a carreira para min.
Baixo a chuvia, atopei o meu ritmo “tractor Barreiros”: constante, sen présa pero sen pausa. Así fun gañando metros cara o Pico Meda, mentres o vento e o frío facían das súas.

De súpeto, calambres nos adutores, xemelgos e cuádriceps. Ollos abertos. A cabeza fría. O vento e a humidade tampouco axudaban, pero decidín tomalo con calma e pensar en positivo. Baixei o ritmo, agardei... e aos poucos foron desaparecendo.

A chegada a Caxide foi un alivio. Non mirei atrás, pero intuía que mantía distancia con Diego e Jaime.

 No avituallamento de Castro, unha parada rápida para mesturar auga co Endurance Fuel Tailwind e... sorpresa: Rubén Roca, do Running Sport Trail, colócase ao meu lado. Fago un tramo con él ata a zona coñecida como "As Zetas", onde pouco a pouco vai quedando atrás.

Dende ese momento, fun a por todas. Xa se escoitaba o son da meta, e aí non había marxe para relaxarse. Mirei unha vez atrás, acelerei e crucei a meta feliz e esgotado, coa sensación de ter completado unha carreira redonda.




📊 Datos da carreira 

  • 🏃‍♂️ Distancia: 33 km

  • 📈 Desnivel positivo: 2200 m+

  • 📉 Desnivel negativo: 2200 m-

  • ⏱️ Tempo: 3:50:26 h

  • 💚 Pulsacións medias: 144 (máx. 176)

  • 🏆 Posición: 10º xeral – 2º veterano B



⚡ Alimentación

  • 💦 2 Endurance Fuel Tailwind (1 con cafeína)

  • 🏁 Recovery Tailwind sabor chocolate


👟 Material empregado

  • Camiseta sen mangas AD Jarnachas 

  • Manguitos Tailwind

  • Pantalón Decathlon

  • Calcetíns Lurbel

  • Zapatillas Tomir 2.0 de NNormal

  • Cinto Abutres

  • Gorra


📍 Dous trails en dúas semanas, dúas experiencias únicas na Ribeira Sacra. Volver a Parada de Sil foi, máis ca unha carreira, un regreso ás orixes. O lugar onde todo comezou… e onde as lendas seguen medrando. 💚




Quito



   





  

 





viernes, 17 de octubre de 2025

Trail Ribeira Sacra 2025

48 km pola maxia da Ribeira Sacra


A Ribeira Sacra ten algo especial. A súa beleza natural, o peso da súa historia e o coidado das súas xentes fan que cada carreira por estes lugares sexa moito máis ca un simple reto deportivo. A Trail Ribeira Sacra é un deses eventos que deixan pegada: por organización, por percorrido e polo ambiente que se respira. Esta é a crónica da miña volta, sete anos despois, a unha das probas máis fermosas de Galicia.

🌟 A mellor proba de Galicia

Non é unha frase baleira: o percorrido pola contorna de Nogueira de Ramuín e todo o que rodea esta carreira fan que sexa, posiblemente, a mellor proba de trail de Galicia. Sete anos despois da miña primeira participación, moitas cousas cambiaron… e todas para mellor.

O trazado, a paisaxe, a historia, a organización… Todo se combina para crear unha experiencia que vai moito máis alá dunha simple carreira.


🚗 A viaxe cara Luíntra

O sábado ás 17:30 puxen rumbo a Luíntra. Máis de dúas horas de estrada en solitario, coa mente a medio camiño entre o cansazo e as ganas de desconectar. A idea era durmir no coche, así que fun cargado de lotes e material.

Nada máis chegar, o ambiente xa facía presaxiar unha gran xornada. O primeiro en atopar foi a Paco Barrera, un corredor cordobés ao que sigo en Instagram. Tras un saúdo e unhas palabras, fun recoller o dorsal e a bolsa do corredor.


🎉 Ambiente e previa

A zona de entrega de dorsais era xa unha festa: música, animación e xente do trail galego e tamén moitos participantes chegados de fóra. Pinta ben, pensei. E non me equivocaba.

Atopo a Maneiro, Xosé María, Edy, Querentes… e paso un bo anaco con eles antes de buscar sitio para aparcar. Ao final, deixo o coche preto do tanatorio, xunto a Maneiro e Xosé María. Cea na furgoneta de Maneiro, charla, partido da selección… e unha axuda inesperada: deixei o frontal na casa, pero Maneiro prestoume un. Salvado!

A noite foi tranquila e dormín sorprendentemente ben. Ás 6:15, en pé: almorzar, café e preparación.

Outfit: xa facía calor antes de saír o sol. Decido correr con camiseta sen mangas, manguitos, mochila e cinto. Nos pés, as Hoka Mafate Speed 4.


🏁 A saída

Ás 8:00 en punto dáse a saída. Cinco minutos antes xa estou alí, buscando a Maneiro e loitando por acender o frontal. Todo o mundo o coñece, así que non foi difícil atopalo.


A carreira arrinca costa abaixo, rápido para min, que só quero desfrutar e chegar ata onde o corpo aguante. A primeira metade é técnica, a segunda máis corrible… se tes pernas.

Non empezo cómodo: molestias no estómago, pulsacións altas, sensación rara. Pero isto é longo e espero mellorar co paso dos quilómetros.


🥾 A carreira tramo a tramo

A paisaxe compensa todo. Durante un bo treito corro con Querentes e Adrián López, pero acabo collendo mellor ritmo nas subidas e adiántoos. No avituallamento do Mirador da Lampa (km 10,5), repoño auga e froita e únome a Iván Barca e Yago Breijo, ata que tamén os deixo atrás.

O percorrido é sinxelamente espectacular, e non podo evitar pensar por que deixei pasar tantos anos sen volver.

No Mosteiro de Santo Estevo (km 17) adianto a Yasmina, primeira muller, e antes xa a Carolina Niño, segunda. A animación do público —entre eles Tina e Roberto Balado— dáme un plus. Agora si, o corpo responde.

A calor aperta e nas baixadas toca extremar precaución. Vou acompañado dun corredor que coñece ben o percorrido e me vai avisando do que vén.

No Mirador do Pé do Home, coa calor asfixiante, Pablo Pinto e Lidia axúdanme co Endurance Fuel e hidrátome ben. Sen sombra á vista, tócame sufrir.

Máis adiante, Dani de Cruz, María Cambre e Miguel Portal anímanme cando máis o necesito. Antes da subida máis alta, o xerente do Caserío da Castiñeira ten unha ducha improvisada… bendita auga!


🏃‍♂️ Últimos quilómetros e meta

No km 36,8 paso polo avituallamento en 16ª posición. No km 43,5, Edy Fabeiro fai un pit stop perfecto. Vou cun rapaz, Miguel Vilar, do Atletismo Baiona. Pasado o avituallamento, póñome por diante e, ao saber que tamén é bombeiro (Consorcio de Pontevedra), motivámonos mutuamente.

Ata o km 46,7 todo vai ben, pero un tirón obrígame a baixar o ritmo. Con outro corredor preto (en realidade, Yasmina), apreto os dentes e consigo entrar en meta antes dela… por pouco.

🎯 Resultado final: 4º veterano e 18º da xeral.


🏁 Meta e post-carreira

A organización da Trail Ribeira Sacra coida ata o último detalle. Nada máis cruzar a meta hai avituallamento, bebida e unha carpa con cadeiras para descansar. Sentar, comer, beber e compartir a experiencia con Miguel foi un pracer.

Unha ducha quente confirma que non chegou aínda moita xente. E o mellor estaba por vir: un fin de carreira de luxo con polbo, fabada vegana, queixos, embutido, cervexa, froitos secos, bicas e ata un cortador de xamón traballando sen descanso. Música en directo e ambientazo. Outro nivel.

Non é de estrañar que xa estea pensando en volver o ano que vén… E por certo, a bolsa do corredor tamén está noutro nivel.


📊 Datos técnicos e sensacións

  • 🏃‍♂️ Distancia: 48 km

  • 📈 Desnivel positivo: 3230 m+

  • ⏱️ Tempo: 6:24:57

  • 💚 Pulsacións medias: 143

  • 🏆 Clasificación: 4º veterano – 18º xeral




Sensacións:
Chegaba con moitas dúbidas: pouco descanso, estrés acumulado e hidratación mellorable. Mesmo durmir no coche non axudaba. Viña desconectar… e conseguino. A pesar dun inicio difícil, fun atopando ritmo e disfrutei dunha carreira incrible. Tanto que o luns xa me inscribín nos Canóns do Sil, última proba da Copa Galega de Montaña. A ver que pasa…

🍌 Alimentación durante a carreira


  • 6 Endurance Fuel Tailwind (1 con cafeína)

  • Froita nos avituallamentos (laranxa, sandía, plátano)

  • 250 ml de Coca-Cola no último avituallamento

  • Recovery Tailwind sabor chocolate en meta



🧰 Material empregado

  • Camiseta sen mangas AD Jarnachas

  • Manguitos Tailwind

  • Pantalón Decathlon

  • Calcetíns Lurbel

  • Zapatillas Hoka Mafate Speed 4

  • Mochila pequena (china)

  • Cinto Abutres

  • Diadema de tela

  • Frontal (prestado por Maneiro)

  • Bastóns Leki

📍 Trail Ribeira Sacra 2025 foi moito máis ca unha carreira: foi unha experiencia completa, unha aventura entre amigos e unha viaxe ao corazón da Ribeira Sacra. Un evento que lembra por que amamos correr no monte.


🏁Clasificación