Mostrando entradas con la etiqueta trail galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta trail galicia. Mostrar todas las entradas

sábado, 25 de octubre de 2025

CxM Canóns do Sil (19-10-2025)

🏃‍♂️ Trail Canón do Sil 2025 – Onde todo comezou

Aquí foi onde comezou todo...

Esta foi, hai xa moitos anos, a miña primeira carreira como “trailero”. E, curiosamente, foi tamén o lugar onde pechei o círculo este ano, volvendo a Parada de Sil despois de completar o Trail Ribeira Sacra só unha semana antes.

Chegaba coa ilusión intacta e coa idea de dar o máximo para tentar subir ao podio de idade, non só nesta proba, senón tamén na Copa Galega de Carreiras por Montaña.


🌧️ A chegada a Parada de Sil

Viña canso, si, pero con mellores sensacións ca en Luíntra a semana anterior.
Durmín no coche —cada vez gústame máis esta “moda camper improvisada”— e, cando abrín os ollos, caía unha boa molladura. Polas sete da mañá chovía con forza e custoume erguerme, pero acabei almorzando e preparando o material con calma.

O día prometía ser húmido, así que escollín ben: zapatillas Tomir 2.0 de NNormal (agarre total), chuvasqueiro novo, e cinto no canto da mochila. Sen bastóns, que tocaba correr lixeiro.


🏁 A saída

A saída, pasada por auga. A chuvia era moderada e o inicio, costa abaixo. Non tiven présa: preferín saír tranquilo, no pelotón de cola, mantendo o meu ritmo. O obxectivo era claro: chegar enteiro e desfrutar.

Entramos pronto nas carballeiras e nos camiños de Parada de Sil, preciosos pero esvaradíos. As pedras molladas e cubertas de musgo obrigaban a máxima precaución: unha caída ou un nocello torcido podían arruinar a carreira.

A primeira subida foi un auténtico quilómetro vertical, durísimo. Pouco a pouco fun collendo ritmo e adiantando corredores. Entre eles, Diego Seoane do Brutanzos, que sufría na subida pero sabía que baixando me pasaría coma un raio.

O entorno era espectacular: camiños húmidos, natureza en estado puro. No cumio formamos un pequeno grupo espallado e comezamos o descenso cara Entrambosríos. Alí conectei con Jaime López Basanta, co que compartín varios quilómetros antes de afrontar o segundo gran ascenso.


🏔️ Subindo ao Pico Meda

Aquí comezaba de verdade a carreira para min.
Baixo a chuvia, atopei o meu ritmo “tractor Barreiros”: constante, sen présa pero sen pausa. Así fun gañando metros cara o Pico Meda, mentres o vento e o frío facían das súas.

De súpeto, calambres nos adutores, xemelgos e cuádriceps. Ollos abertos. A cabeza fría. O vento e a humidade tampouco axudaban, pero decidín tomalo con calma e pensar en positivo. Baixei o ritmo, agardei... e aos poucos foron desaparecendo.

A chegada a Caxide foi un alivio. Non mirei atrás, pero intuía que mantía distancia con Diego e Jaime.

 No avituallamento de Castro, unha parada rápida para mesturar auga co Endurance Fuel Tailwind e... sorpresa: Rubén Roca, do Running Sport Trail, colócase ao meu lado. Fago un tramo con él ata a zona coñecida como "As Zetas", onde pouco a pouco vai quedando atrás.

Dende ese momento, fun a por todas. Xa se escoitaba o son da meta, e aí non había marxe para relaxarse. Mirei unha vez atrás, acelerei e crucei a meta feliz e esgotado, coa sensación de ter completado unha carreira redonda.




📊 Datos da carreira 

  • 🏃‍♂️ Distancia: 33 km

  • 📈 Desnivel positivo: 2200 m+

  • 📉 Desnivel negativo: 2200 m-

  • ⏱️ Tempo: 3:50:26 h

  • 💚 Pulsacións medias: 144 (máx. 176)

  • 🏆 Posición: 10º xeral – 2º veterano B



⚡ Alimentación

  • 💦 2 Endurance Fuel Tailwind (1 con cafeína)

  • 🏁 Recovery Tailwind sabor chocolate


👟 Material empregado

  • Camiseta sen mangas AD Jarnachas 

  • Manguitos Tailwind

  • Pantalón Decathlon

  • Calcetíns Lurbel

  • Zapatillas Tomir 2.0 de NNormal

  • Cinto Abutres

  • Gorra


📍 Dous trails en dúas semanas, dúas experiencias únicas na Ribeira Sacra. Volver a Parada de Sil foi, máis ca unha carreira, un regreso ás orixes. O lugar onde todo comezou… e onde as lendas seguen medrando. 💚




Quito



   





  

 





sábado, 3 de febrero de 2024

Maratón das seimeiras (27.01.24). Trail Terras de Burón

A Fonsagrada ten 
moito que ensinar


Gran fin de semana que pasei na Fonsagrada, especialmente co ambiente e colegueo do día anterior. 

Estou firmemente pensando que estas carreiras hai que disfrutalas dende o día anterior. 

Con saída dende A Coruña ás 17 horas do venres, aló fomos compartindo vehículo Marcos Varela (o chofer), Martín Pardo, Roberto Vázquez máis eu. A viaxe faise moi amena falando de carreiras, aventuras e traballo (todos nós somos bombeiros), o que ven sendo "arranxando o mundo".

Xa na Fonsagrada, tiñamos habitación de 4 na pensión Cantábrico, polo que metemos os "cachibaches" todos na habitación e fomos recoller o dorsal. Hai boa tarde e non tardamos en darlle ganancia á hostelería local. Non tardamos tampouco en xuntarnos cos jarnachos, cos cales íamos cear. E que tan ben o pasamos, ademáis de cear moi ben no restaurante Cantábrico (o mesmo nome que a pensión pero non teñen nada que ver en canto a empresa). Esto xa parecía unha festa co ben que o pasamos, pero había que ir durmir.

Sobre ás 22.30 horas xa estábamos na habitación, con todo preparado para antes da saída (almorzo colocado, roupa e material para a carreira ben colocado para non perder moito tempo).

Durmir, o que ven sendo durmir, non durmimos moito, xa que nunha pensión, chea de "runners" e con algúns con gañas de festa, pois... tivo que sair Marcos a pedirlles que baixasen a voz para intentar polo menos, descansar. Tardei eu algo máis en ir ao baño e pecharlle a porta da habitación aos "amigos" e xa de paso, comentarlle que non eran horas de fuliada. Sobre as 00.20 horas pararon de facer ruido os fenómenos.

Ás 6.00 toca diana e todo arranca para comezar o día. Almorzo forte, material e roupa no seu lugar e con tempo suficiente para poder ir ao baño antes da saída e (crucemos os dedos) non ter que parar en carreira. Tivemos sorte 😅.

7.40 horas xa estamos na cámara de chamadas, onde entramos os primeiros. Hai unha boa temperatura para correr e non vai chover. 

Pouco a pouco vai entrando xente, e saudámonos coma de costume, cun sorriso e con moita alegría de volver a ver a xente do trail. 



SAÍDA:
Colócome no medio do grupo para non estorbar. O que ven sendo, o lugar que creo que me corresponde...

Por diante, todo tipo de fauna, galgos, rebecos, algún castrón...

O maratón en liñas xerais era, a primeira parte tiraba cara abaixo e a segunda metade cara arriba, en liñas xerais, recalco.

Ata o primeiro avituallamento (Aldomán - km11), recordo ir moi rápido, entre pistas, camiños e sendeiros á beira do río e moi corrible. Neste tramo, coincido con Adrián López varias veces, cara arriba adiantaba eu, cara abaixo adiantábame Adrián. Tamén recordo de pasar a Fito

Entre Aldomán e Airixín (km15), o terreo vólvese espeso, cun sendeiro espectacular que nos vai levando pola beira dun río e onde vemos espectaculares estampas, onde destaca a seimeira de Vilagocende. Aquí xa temos lama a barrer, a humidade da zona e a choiva de días pasados xa se nota no sendeiro. 

Entre Airixín e San Martín de Suarna (km25). Seguimos con ritmo moi alto e aínda non chegamos á metade do percorrido. Pasamos por un fermoso lugar, a Pena do inferno, cunha ponte colgante que hai que pasar amodo, xa que se menea bastante. Logo, outra vez a zoupar pola outra beira do río Suarna. Nesta zona, adianto a Miguel Portal, que ata aquela non o vira en carreira. Fun un bo anaco falando con él, cando o terreo o deixaba, falando de estratexias de carreira ata que pouco a pouco, fun deixándoo atrás.

Non tardei en baixar o ritmo, xa que a carreira comeza a ascender moi suave. E aí, polo km19, temos o cronometraxe intermedio. Ollo, coas coñas, levamos 900m+ e sen enterarnos. A partir de aquí, sí que a cousa se pon máis seria e o desnivel vaise facendo maior. Comeza o tempo de camiñar rápido. E é aí polo km20, cando vexo ao lonxe a dous corredores, xusto antes de coller á esquerda monte arriba. Son capaz de acercarme o suficiente para ver que son Iván Montes e Sergio Pensado. Aquí pasou algo, e supoño que petaron no grupo dianteiro. Efectivamente, Sergio comenta que non se atopa ben físicamente. Logo de pasalo, consigo conectar con Iván pouco antes da metade do cortalumes (ao lonxe e xa case no alto, vexo 3 corredores máis).
Despois de preguntarlle a Iván quenes son eses corredores que vemos no alto do cortalumes, sigo co meu ritmo e Iván vaise quedando un pouco. Non tarda en contactar de novo comigo na baixada e continuamos xuntos un bo anaco. E de súpeto, nunha forte baixada empinada saíndo da estrada á esquerda, comeza a temblar o chan, miro cara atrás e ben coma un lóstrego Sergio Pensado. O primeiro que fago é buscar unha escapatoria para que non me leve por diante. Mi madriña a maneira de baixar deste fenómeno 🙆‍♂️.

Cando a cousa se tranquiliza, volvemos a estar xuntos, polo menos ata o avituallamento de San Martín de Suarna. Aquí collo auga e métolle un anaco de plátano. Saio diante...

Avituallamento de San Martín de Suarna (km25). Chegamos aquí os 3 prácticamente xuntos (Iván, Pensado mais eu). Eu collo auga rápido e saio, polo que lles collo unha pequena distancia. Durante un bo tempo, vou só, pero nunha desas subidas abertas, distingo dúas de tres siluetas, eran Maneiro e "o letrado" Xosé María. Non me precipito en ir a collelos, xa que as forzas non son moitas e aínda queda case a metade da carreira. Sobre o km27 xa contacto con eles, non sen esforzarme e facer moitas veces "a goma". Despois de tantearnos varias veces, paso por diante o túnel que cruza a estrada, pero non tardan de novo en collerme. As forzas son similares. E así imos ata o seguinte avituallamento.

Avit de Queixoiro (km33,5-ida). Xusto antes de chegar a este avituallamento, e na entrada da aldea, dunha curva aberta de dereitas, déuseme por mirar cara atrás (signo indiscutible de que as forzas comezan a flaquear) e vexo non moi lonxe a Miguel Portal que ven fresco e con moi bo ritmo. Non tarda en pasarme xusto despois do avituallamento e xa non penso nin en facer un amago de seguilo. Ahh, e vou por detrás do letrado e de Maneiro que me sacan uns 100 metros.

Polo km35 Maneiro párase un momento e logro contactar con él. Durante un bo anaco imos xuntos. 

Avit. de Queixoiro (km38-volta). Dende aquí a meta, só recordo que nunha desas subidas polo monte, vemos a Sangiao e pouco a pouco imos acercándonos a él. Eu consigo adiantalo e seguir co me ritmo. Por diante, non levo moi lonxe a Xosé María "o letrado" e por detrás, por detrás xa non miro, pero vanse quedando Sangiao e Maneiro. Bueno, sí que miro. En Paradanova, xusto antes de pasar o túnel da estrada, miro cara atrás, pero non vexo a ninguén. Por diante, xusto ao meternos na pista de zahorra, ao saír do túnel, nunha gran recta, miro cara adiante... e xa non vexo a Xosé María. Quitoume neste anaco moito tempo. Vense as primeiras casas da Fonsagrada, así que hai q apretar o cu e rematar canto antes. E así é como chego ás rúas que me levan cara meta. O cansancio xa vai a menos, sabendo que a meta está cerca e que mereceu a pena o sufrimento final. Contento de chegar e ademáis, cun tempo moi inferior ao que pensaba (que era entre 5:15 e 5:30 h.).


🏃🏼 44 km
📈 2325m+
📉 2325 m-
⏱️ 4:50:00 horas
💚 140 ppm (❤️ 176 máx)

💦 4 endurance fuel de Tailwind sabor neutro
🏁 Recovery sabor chocolate 🍫 Tailwind

👟 Tomir de NNormal
       (da tenda de confianza Marathon Running Shop)








clasificación xeral








  


 












domingo, 17 de diciembre de 2023

Trail do Cervo (09.12.2023). Trail do Maneses

 

Fomos á lameira de

Campo Lameiro


A participación foi meditada, posto que ata un par de horas antes do peche de inscrición aínda non tiña claro que puidese ir. 

Pero aló fun, co GPS para que me dirixise ao lugar. A verdade é que nunca souben onde quedaba Campo Lameiro. Despois de erguerme ás seis da mañá, aló fun cun tempo algo revolto e sabendo que o monte tería auga polo que chovera días antes e a noite anterior sobre todo. 

Faláranme que era o concello onde máis chovía de Galicia e que a temperatura nos altos do monte ía ser baixa. 

Despois de parar 2 veces o coche para ver se realmente me estaba mandando o GPS ao lugar exacto, cheguei con tempo para incluso, recoller o dorsal, tomar un café e poñer o traxe de faena tranquilamente.


COMEZAMOS

Despois duns exercicios de quecemento e mobilidade, puxémonos na liña de saída. Quizáis ía algo abrigado, con mallas longas, camiseta térmica, buff e chubasqueiro. Algún mirábame raro...

A saída foi rápida e "en seco", non caía auga. Antes de que chegase a facer o primeiro quilómetro xa vin que me sobraba o chubasqueiro, polo que non mo pensei e recollino como puiden para meter no cinturón. Non tardei tampouco en percatarme da cantidade de auga que tiña o monte, nin de onde lle ven o nome a este concello, había lameira para todos e todas. 

Bueno, pois non tardei tampouco moito en ver ás velocidades que se sae nos trails curtos (si, esta é a primera carreira da pretempada e non traía nin km e pouco adestramento feito).

Non era capaz de coller un bo ritmo, e canto quería tirar un pouco, subíanseme as pulsacións máis do debido, polo que durante os 6 ou 7 primeiros quilómetros fun facendo "a goma" con varios corredores.

Tamén ía con moita precaución posto que nalgún lugar costábame atopar a baliza de señalización do percorrido (demasidas cousas que atender). 

E foi precisamente a partir dese quilómetro 7 onde atopei un corredor que levaba un ritmo moi similar ao meu. Era Carlos Guerra Magán, do Club Atletismo Cambados. Eu creo que andivemos intercambiando posición continuamente, pero dende aquí a distancia entre nós nunca superou os 100 metros. 

E así foi como chegamos ambos a un avituallamento e nos din que imos cuarto e quinto. Iso quere dicir que non íamos tan mal (eu pensei que irían sobre uns 9 ou 10 por diante). Pois coa tranquilidade de que a carreira comezaba xusto antes do cortalumes, sobre o km 8, aló fomos os dous pouco a pouco e cando nos demos conta, vemos ao trío de cabeza, aos cales pasamos nun plis plas, coroando o alto Abel Barros (Atletismo Moraña), eu e Oscar. Non tardamos en escaparnos cara abaixo Oscar mais eu. 

Aínda que me quixen escapar nalgunha ocasión, teño que recoñecer que nalgún cruce costoume ver as balizas, polo que decidín ir acompañado o máximo posible, posto que 4 ollos ven máis que dous. 

E así foi como entre lameira e lameira, río, sendeiro e monte, fomos chegando a Campo Lameiro, tan rápido que cando lle preguntei a Oscar o que faltaría, él me contestou que xa estábamos preto da meta e que faltaba menos dun quilómetro.

E así foi, chegamos ao asfalto e xa víamos o arco de meta. Aquí, con tantos quilómetros xuntos, e sen preguntarlle, supuxen que o mellor sería entrar os dous da mán. Oscar non comentou nada, polo que entendín que estaba dacordo, e así foi como entramos en meta.

O "problema" para a cronometraxe era saber a quen poñía primeiro o cal, tanto me tiña e foi a máquina de cronometraxe a que determinou que o dorsal de Oscar entrara primeiro. E aquí remataba este trail curto para min, onde non pensaba nin por asomo que puidese entrar no podium nin moito menos atoparme como me atopei. 

E foi rematar a carreira e poñerse a chover. Ducha, pinchos, conversas cos amigos traileros e con veciños de Ponteceso e entrega de trofeos. Dende que comezou a chover, marchei dalí sen que parase. Mi madriña. 


DATOS:

🏃‍♂️ 16.6 km      📈 815m+     📉815m-

⏱ 1:46:03 h

🏆 2º absoluto (entrando con el 1º)

💚153 ppm (💓 189 ppm)

💧 1 tailwind (+1 tailwind antes) + 1 recovery Tailwind chocolate ao finalizar


👟 Tomir de NNormal

🛍 Marathon Running Shop 






Quito


 





domingo, 25 de junio de 2023

Chandrexa Trail (18-06-2023)

Unha "muesca" menos,

por fin fomos a Chandrexa


Hai moitos, moitos anos que tiña esta carreira marcada e nunca lle "tocaba", ata este ano. Non o dudei, por fin podemos ir. 

A cousa non pintaba moi ben, xa que o mércores antes, esguincei un nocello pero tiña que ir si ou si, ver esas montañas e carreira que tan ben falaban dela. 

Tiña a intención de durmir no coche xa que dende Coruña a Chandrexa hai ou seus kms. Ao final, tiven acompañamento na viaxe e tamén na "habitación", o gran Rubén Espadas.

Ao chegar a Chandrexa, xa de noite, tiñamos unha aula esperándonos para durmir, con baño incluído no recinto. Coma nun hotel vamos.

Veña, imos ao tema.

Ás 6 da mañá toca a alarma para levantarse. Almorzamos nuns pupitres, tranquilamente e preparámonos para a carreira tranquilamente. 

O día parece que ven con calor, pero pode que non tanto como pensabamos, xa que está un pouco nubrado. 

SAIDA

Levando o nocello como levo, vendado e con medo a pisar mal, pois saio no medio do pelotón, a disfrutar da paisaxe e de levar un ritmo que me permita acabar a carreira sen escarallarme. 

A saída pica para arriba dende o primeiro metro e o ritmo que poñen os de diante xa é de escopeta de balas. Vou detrás do grupo "élite" feminino (imaxe) ata aló polo km2, que decido ir adiantando, tendo un pelín de ritmo máis.

Pouco a pouco vou subindo postos, moi pouco a pouco.

Dende a saída vexo que non levo as sensacións que me gustarían, as pulsacións máis altas do normal co mesmo ritmo, o corpo que prefire andar en lugares que podía ir trotando, unha sensación de calor (isto era normal) que non estou acostumado, bueno, que menos mal que o obxectivo que levaba non era moi esixente. 

Non tardo en dobrar o nocello, aló polo km5 e aquí comecei a pensar que, aínda me quedan 30 km e que o obxectivo é non acabar mancado principalmente.

Noto que nas subidas, andando, vou acercándome aos corredores de diante, incluso logro adiantar a algúns, pero nas baixadas, volven a pasarme, xa que vou case andando por mor de ferir o nocello. 

Teño a sensación, pola paisaxe e o percorrido, que estou correndo por Asturias. Isto non é monte, onde acostumo correr, senón que isto é montaña. E así vou toda a carreira, pensando no fermoso e variado percorrido que nos ofrece a organización. 

Chega un momento, xa non recordo que km, que podo distinguir ao lonxe a José Santiago dos Corzos de Ortegal, a Miguel Portela do Bestarruza e a Antón Doval do Toxos&Birras. Aos dous últimos logro collelos ata en dúas ocasións ao final de dúas subidas, pero escápanse baixando lóxicamente. 

As baixadas fágoas sempre pensando en onde pousar o pé ferido, co que en poucos km comezo a ter algún músculo que se vai agarrotando ao non facer a pisada limpa. 

Por momentos hai zonas que deixan correr que tamén se disfrutan e outras zonas, sobre todo baixando, que non saben onde pisas, chea de topeiras. Aquí era onde tiña máis precaución, e aínda así, algún que outro berro metín por forzar o nocello demasiado. 

Recordo tamén outras baixadas con auga, que tamén baixei con moito coidado. Aínda así, estrañoume coller algún corredor por estas zonas, xa que o meu ritmo era pésimo. 

No último tercio de carreira, logro xuntarme cun par de corredores. Un deles, do Cornelios, Diego Dominguez Crespo, ao que adiantara había tempo, pasoume coma un foguete nunha das baixadas e conseguín xuntarme de novo con él neste último tramo. A Diego recórdoo como único corredor que me pasou dende que aló polo km2 collese ese ritmiño que me levaría a meta. 

No penúltimo avituallamento, en baixada, vexo de Jano do Jarnachas, que estaba seguindo á súa muller Alba. Alí levaba un ritmo que me gustaba para finalizar e logo de repostar auga, saio detrás desta parella de corredores. Cando a cousa picaba para arriba, fun pouco a pouco acercándome a eles ata facer un trío. E despois dalgunhas dúbidas e facendo un pouco a goma, decido forzar un pouco o ritmo. Consigo trotar para arriba e pouco a pouco vou deixándoos atrás. Chego a unha zona de subida onde fai un calor excesivo e onde noto un pouco de mareos, polo que baixo un pouco o pistón e miro cara atrás. Non lle saco moito, pero xa é unha distancia destacable. 

Toca baixar, creo que cara meta. Xa deixei o último avituallamento atrás e non parei nel. Pensei, en calquer momento me volven a pasar baixando, pero o percorrido xa non era tan técnico e o meu ritmo era bo para chegar. 

Xa vexo o arco da saída. Só queda subir ata a meta, pero non teño forzas nin para mirar cara atrás, polo que lle pregunto á xente que está animando se ven alguén por aí atrás. Tranquilízanme dicindo que non se ve a ninguén, polo que subo a última costa andando, que tampouco pasa nada. Ao chegar a meta, noto que me mareo un pouco, non sei se do calor ou do esforzo, pero xa estamos sans e salvos en meta. 

O terceiro tempo, coma sempre, top. 

Por certo, laveime en auga fría e non me sentou mal jajaj. 

Finalmente na posición 20 e 4º veterán, por detrás de Maneiro que non o vin en toda a carreira. 


DATOS:

🏃🏼 34 km 📈 2350 m+ 📉 2300 m-

⏱️ 4:23:10 horas

🏆 20 absoluto (4º vet)

💚 143 ppm (❤️ 182 máx)


💦 3 Tailwind (2 de cafeína) + 1 litro 💦+ gel + 1 pastilla sales + Recovery sabor chocolate 🍫

👟 Vectiv Infinite Thenorthface

🛍️ Marathon Running Shop