🏃♂️ Trail Canón do Sil 2025 – Onde todo comezou
Aquí foi onde comezou todo...
Esta foi, hai xa moitos anos, a miña primeira carreira como “trailero”. E, curiosamente, foi tamén o lugar onde pechei o círculo este ano, volvendo a Parada de Sil despois de completar o Trail Ribeira Sacra só unha semana antes.
Chegaba coa ilusión intacta e coa idea de dar o máximo para tentar subir ao podio de idade, non só nesta proba, senón tamén na Copa Galega de Carreiras por Montaña.
🌧️ A chegada a Parada de Sil
Viña canso, si, pero con mellores sensacións ca en Luíntra a semana anterior.
Durmín no coche —cada vez gústame máis esta “moda camper improvisada”— e, cando abrín os ollos, caía unha boa molladura. Polas sete da mañá chovía con forza e custoume erguerme, pero acabei almorzando e preparando o material con calma.
O día prometía ser húmido, así que escollín ben: zapatillas Tomir 2.0 de NNormal (agarre total), chuvasqueiro novo, e cinto no canto da mochila. Sen bastóns, que tocaba correr lixeiro.
🏁 A saída
A saída, pasada por auga. A chuvia era moderada e o inicio, costa abaixo. Non tiven présa: preferín saír tranquilo, no pelotón de cola, mantendo o meu ritmo. O obxectivo era claro: chegar enteiro e desfrutar.
Entramos pronto nas carballeiras e nos camiños de Parada de Sil, preciosos pero esvaradíos. As pedras molladas e cubertas de musgo obrigaban a máxima precaución: unha caída ou un nocello torcido podían arruinar a carreira.
A primeira subida foi un auténtico quilómetro vertical, durísimo. Pouco a pouco fun collendo ritmo e adiantando corredores. Entre eles, Diego Seoane do Brutanzos, que sufría na subida pero sabía que baixando me pasaría coma un raio.
O entorno era espectacular: camiños húmidos, natureza en estado puro. No cumio formamos un pequeno grupo espallado e comezamos o descenso cara Entrambosríos. Alí conectei con Jaime López Basanta, co que compartín varios quilómetros antes de afrontar o segundo gran ascenso.
🏔️ Subindo ao Pico Meda
Aquí comezaba de verdade a carreira para min.
Baixo a chuvia, atopei o meu ritmo “tractor Barreiros”: constante, sen présa pero sen pausa. Así fun gañando metros cara o Pico Meda, mentres o vento e o frío facían das súas.
De súpeto, calambres nos adutores, xemelgos e cuádriceps. Ollos abertos. A cabeza fría. O vento e a humidade tampouco axudaban, pero decidín tomalo con calma e pensar en positivo. Baixei o ritmo, agardei... e aos poucos foron desaparecendo.
A chegada a Caxide foi un alivio. Non mirei atrás, pero intuía que mantía distancia con Diego e Jaime.
No avituallamento de Castro, unha parada rápida para mesturar auga co Endurance Fuel Tailwind e... sorpresa: Rubén Roca, do Running Sport Trail, colócase ao meu lado. Fago un tramo con él ata a zona coñecida como "As Zetas", onde pouco a pouco vai quedando atrás.
Dende ese momento, fun a por todas. Xa se escoitaba o son da meta, e aí non había marxe para relaxarse. Mirei unha vez atrás, acelerei e crucei a meta feliz e esgotado, coa sensación de ter completado unha carreira redonda.
📊 Datos da carreira
-
🏃♂️ Distancia: 33 km
-
📈 Desnivel positivo: 2200 m+
-
📉 Desnivel negativo: 2200 m-
-
⏱️ Tempo: 3:50:26 h
-
💚 Pulsacións medias: 144 (máx. 176)
-
🏆 Posición: 10º xeral – 2º veterano B
⚡ Alimentación
-
💦 2 Endurance Fuel Tailwind (1 con cafeína)
-
🏁 Recovery Tailwind sabor chocolate
👟 Material empregado
-
Camiseta sen mangas AD Jarnachas
-
Manguitos Tailwind
-
Pantalón Decathlon
-
Calcetíns Lurbel
-
Zapatillas Tomir 2.0 de NNormal
-
Cinto Abutres
-
Gorra
📍 Dous trails en dúas semanas, dúas experiencias únicas na Ribeira Sacra. Volver a Parada de Sil foi, máis ca unha carreira, un regreso ás orixes. O lugar onde todo comezou… e onde as lendas seguen medrando. 💚






Miña nai estás feito un lobo, parabens
ResponderEliminarGrazas amigo. Se se traballa, ao final as cousas van saíndo. Un saúdo
Eliminar