jueves, 16 de octubre de 2025

Trail San Xil de Casaio (27-09-25)

O que puido ser o non foi


San Xil de Casaio, era unha carreira que me aconsellaron varios jarnachos e, aínda que pequena, merecía moito a pena escoitando as críticas traileiras.

Tivo que cambiarse de data por mor do papeleo e as autorizacións e finalmente pasou para setembro. Isto axudou a que se inscribisen máis amigos e así, alugar uns apartamentos e disfrutar dunha fin de semana inesquecible.

Venres despois de xantar, saímos cara Casaio. Quedar queda no cú do mundo (como outros moitos lugares) pero ao ir compartindo vehículo, faise máis ameno, máis aínda se estamos falando continuamente de carreiras.

Unha paradiña nun bar de estrada para xuntarnos os dous vehículos que saíamos á mesma hora, foi o preludio do ben que o íamos pasar durante esta fin de semana sen contar aínda a carreira. 

Chegada a Casaio. Pensei que a vila era máis pequena o cal me sorpredeu. Unha vila que semellaba cun gran auxe en épocas pasadas, pero que agora (como case toda a Galicia rural) quedan "os vellos". Casas abandonadas xúntanse con algunha casa rehabilitada. Respírase naturaleza e, se non fose que está "a tomar polo cú", non estaría mal ter unha vivenda no lugar. Parece acolledor.

AO LÍO. Recollida de dorsal e bolsa do corredor e tirando para o bar a xuntarnos toda a expedición Jarnacha. Despois cada un xa se foi indo para cear "in proceso" nos apartamentos. 

DÍA DE CARREIRA. Non parece que haxa moito frío e o día tira a que vai haber calor, polo que o outfit vai ser "de tiras". O almorzo, foi deses de trenza de hoxaldre do Mercadona e algunha cousiña máis. Non me lío con esto (polo de momento).

SAÍDA. Non somos moitos, é unha carreira pequena. Dicir que semanas antes, esta foi unha das zonas que o lume arrasou con todo. Esta foi tamén unha das razóns polas que nos decidimos a vir a Casaio, axudar á economía local coa nosa presenza e levar da mellor maneira posible este atentado medioambiental. 


Dase a saída puntual e a carreira xa comeza tirando cara abaixo. Imos situándonos onde podemos, nese vagón medio. Por diante xa tiran Xenxo e Iván Redondo entre outros, seguidos por Álvaro e Batman. Anda preto de min David Eiroa

Non tardamos en entrar nunha bonita zona cun sendeiro que xoga entre pedras e carballos, por fragas de montaña. Xente da organización por todo este percorrido polo potencial perigo que pode haber se caemos por alí abaixo. Vou disfrutando, sobre todo do bonito que é. Nunha destas, torce un xeonllo David Eiroa co que ía neses intres e xa nos distanciamos un do outro. Baixamos cara unha bonita fraga á beira dun regato. Unha chulada.



Pero a partir de que saímos desta fraga vemos ás montañas queimadas. Ao lonxe non se avista máis que pistas de zahorra anchas, das canteiras de pizarra. Todo está arrasado polo lume. Aínda que non se ve a balizaxe da proba, intúo que non vai haber outra alternativa que ir polas pistas. E así é. Sí recordo subir a un pico que non chegou a afectarlle o lume. Aquí collo a Álvaro e outro chaval, que deixo xusto no avituallamento de auga, onde collemos unha longa pista que nos vai levar a antiga Mina dos ingleses, completamente queimado o seu poblado. 



Dende aquí, máis do mesmo, subidas e baixadas por pistas anchas. A 3km de meta, unha forte subida antes de chegar a Casaio, podo mirar cara atrás para ver a distancia cos meus perseguidores. Aínda que creo que é suficiente, non me fío e sigo tirando. Xa estamos a poucos metros de meta e vou pensando que había moitos anos que non lle esixía esas velocidades de carreira ao meu corpo.
Chegamos, con boa cara e satisfeitos.

POSTCARREIRA. Para toda a vila, participantes e acompañantes, tiñan preparado "de todo". Bebida, panceta, chorizo á brasa, empanada, ... postre (iso si, café non), Tivemos a sorte de coller unha mesa de madeira xusto na meta, e alí nos fixemos fortes ata que todo rematou.

Agora xa será todo disfrutar da fin de semana co club Jarnachas. 

Disfrutamos da casa, da compañía e mesmo dunha ruta pola aldea e unha pequena adega dun veciño que nos explicou moitas historias do lugar. Sen dúbida isto foi algo que imos recordar. En agradecemento por esa sabiduría e historia, invitámolo a cear coa súa señora. 

CONCLUSIÓNS que poido sacar da carreira. Tiña moitas expectativas polo bonito que me dixeron que era esta carreira, pero finalmente tiveron que cambiar o percorrido polos lumes que se produciron semanas antes. Falando coa organización, tiñan pensado un fermoso percorrido por outra zona, pero tal e como quedou a serra, era imposible. Está claro que o percorrido deste ano non era bonito nin atractivo, pero non había outra forma de facelo. Tamén vos digo que estou satisfeito de participar e poñer o meu gran de area nestes intres complicados para a zona. Seguro que a carreira do vindeiro ano cambiará de novo de percorrido


DATOS

🏃 32 km

📈 1550m+

⏱️ 3.17.59h

💚139

🏆 1º vet. B (4º absoluto)



SENSACIÓNS
Moi boas despois de perder todo o físico no verán. Os ritmos aos que fun, había moito tempo que non os desenrolaba e impresionado de levalos tanto tempo constantes.


ALIMENTACIÓN



3 Endurance Fuel Tailwind (1 con cafeína)
1 Recovery Tailwind (ao finalizar)






MATERIAL:

Zapatillas Hoka
Camiseta sen mangas AD Jarnachas
Calcetíns Lurbel

 


  

  

  

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario