sábado, 26 de marzo de 2016

Black Night Raid (Rioja Alavesa)

Máis horas de ida e volta en autocaravana
que o tempo para desfrutar da aventura.

Venres, cumpre de meu querido fillo Marcos. Despois de festechar a festa cos seus amiguiños, saímos destino Kripan ás 20:10 horas. Quedábanos un longo camiño por estrada ata chegar ao destino. 

Parada para durmir e cear. Coa casa a costas, parece todo máis sinxelo. Claro que sempre estaba enriba nosa papá Marcos (O patrón), para que todo fose pola liña. Tocada durmir, e houbo quen o fixo si, outros escoitábamos un "concerto da sinfónica" a cargo de Diego Lanchiñas. Vaia noite me dou.

Sábado pola mañá, toca levantarse cedo, almorzo e de volta á estrada. O tempo comezaba a poñerse chuvioso.

Chegada a Kripan (Álava) cedo, con tempo suficiente para preparar as caixas dos equipos para deixar nas transicións e vestirse.

Ás 16 horas, dase a saída. Por diante quedaban 3 etapas. A estratexia que levamos é dividir as seccións en tempo, unha vez vistas as puntuacións por balizas e o tempo que pode durar coller ditas balizas. Así, tocaría, 2 horas para a sección de trekking, 3 horas 30 minutos para a de bicicleta e 1 hora e media para a última de trekking.

Imos por partes:



TREKKING + TIRO CON ARCO: 17 km con 1000 m+.
Saímos dos primeiros, nada de perder tempo, posto que había só 7 horas para rematar o raid co maior número posible de puntos. Chegamos primeros á primeira baliza, os 2 equipos Brigantia (Nordés e Xerión), Continuamos para a seguinte, onde xa cada un vai para un lado. Chegamos á baliza do Tiro con Arco. 3 frechas, 3 erros, toca facer un extra para conseguir os puntos. Finalmente damos coa solución á pregunta e continuamos, A partires de aquí, comeza a estratexia, e comezamos a deixar balizas que consideramos lonxanas e que non entraban na estratexia. Un trekking precioso, e o mellor de todo, sen toxos coma en Galicia. Esto permitiunos orientar de forma distinta ao que estabamos acostumados, collendo rumbos e lendo outras cousas dos mapas que, en Galicia case nin o percibimos. 

BTT: 65 km con 1300 m+
Destacaba a escala 1:35.000 que nunca víramos, pero que solventamos con creces mentres poidemos. 
Pronto nos demos conta que esta etapa ía ser moi complicada polo barro e pola auga. Era prácticamente imposible cambiar de piñón coa lama que levaba o cambio. Nalgunhas pistas, a bicicleta parecía un tabique de barro. 

O frío comezaba a meterse nos osos e as dificultades ían a máis, polo que a concentración fixo que nos desorientásemos por momentos de forma "ilóxica", ainda que o solventamos moi ben, cun Diego máis concentrado ca min, e iso que non levaba mapa. Comezamos a coñecernos en carreira. 

A tos volvía de forma xeralizada e incluso algún flema con sangue. A cousa non pintaba ben por momentos, pero había que acabar. De alí non me ían sacar en ambulancia. O ritmo era bo a pesar de todo, polo que o entusiasmo estaba ahí.

CARREIRA A PÉ + RAPEL + BULDER + ORI. DE MEMORIA: 12 km + 250 m+
Unha bonita carreira a pé pola vila de Oión e arredores. Volvemos a coincidir co Brigantia Nordés. Facemos todas as probas especiais e picamos varias balizas antes de chegar a meta cun pouco de holgura no tempo. Finalizamos coa alegría de dalo todo e pensando en que tanto a orientación como o ritmo foron moi bos. Agora habería que esperar ás clasificacións, e sobre todo, ducharse canto antes para non enfermar máis do que estamos. 

Ao descargar o sportident, xa vemos que hai un equipo por diante nosa, e non é precisamente o Brigantia Nordés, que ía con máis ritmo que nós. Na nosa cabeza pasa pois, estar entre o 4º ou 5º posto, pero definitivamente comezamos a ver que a estratexia que levábamos non era a correcta, e así o vemos máis tarde cando vemos que era máis convinte facer a primeria e terceira sección completa (tiña máis puntos con menos tempo) e facer unha btt máis lineal. 
Finalmente, un 8º posto que sabe a pouco, sabedores que fomos o 5º equipo que máis balizas collemos.

Sacamos moitas cousas positivas por non decir TODAS, menos o resultado. 



4 comentarios: