viernes, 5 de junio de 2015

Raid Gallaecia (series mundiais)

"Unha experiencia incrible nun entorno espectacular"

"Daba gusto atopar amigos e coñecidos en todos os lugares, aparecían de debaixo das pedras"

Tres semanas despois, decido realizar a crónica da aventura. Non o fixen antes por cansancio?? porque quizáis tiña demasidas cousas que contar?? Algo de todo, de ahí que esta sexa máis resumida, para non cansar ao personal.

A Istoria en sí iniciou aló por xaneiro, pero comezarei dende o sábado antes á carreira, onde nos desprazamos a Arzúa, para organizar todo o material e alimento para a gran aventura. Aínda que pareza incrible, fixo falta todo o domingo e o sábado pola tarde ata ben entrada a noite para tal organización. Non sabedes a cantidade de material necesario, organiza-lo e distribui-lo entre a caixa da bicicleta e a bolsa (bueno, e tamén porque andivemos mirando para as moscas).







Lúns a primeirísima hora, xa con todo cargado na furgoneta, arrancamos cara Cuntis, ás 9:15 temos o "check-in " e a proba de cordas. Vívese en toda a vila un ambiente internacional de competición. Idiomas e acentos distintos entrelázanse nas conversacións.
  

Martes, pouco antes das 9:00 da mañá, na pequena praza, vívese algo realmente bonito, algo especial, entre coñecidos falamos de algo único que temos que aproveitar. O obxectivo é finalizar a carreira, sen que problemas mecánicos e sobre todo físicos nos "chafen" esta experiencia. Adestramos para elo, así que con precaución e con sentidiño e sorte, deberíamos chegar ao obxectivo final, que non é outro que chegar á Praza do Obradoiro, onde está situada a meta.

Unha vez dada a saída ás 9:00 recordo que a nosa extratexia foi diferente ao resto da maioría dos equipos, comezando a picar balizas en sentido descendente (ao revés que a maioría de equipos). A orientación era boa, e sorprendeunos despois de ver os vídeos da proba como algún case afoga, cando nós mollámonos ata un pouco máis arriba da cintura. Todo ía ben e correctamente como tiñamos pensado, ata a última baliza desta sección. Aquí atragantóusenos bastante ata que conseguimos chegar á estrada ao outro lado do río. Despois foi de novo coser e cantar, pero xa perderamos bastante tempo no camiño.





De volta na praza de saída en Cuntis, arrancaríamos en Btt co fin de sección en Barrantes. Pero entre medias, teríamos unha orientación específica a pé, concretamente no monte da Escusa. O mapa de Btt complícase un pouco, posto que non estamos habituados aos mapas 1:50.000. 








No pavillón de Barrantes esperábannos as nosas bolsas. Estabamos desexando cambiarnos e comer algo quente, que non era moita cousa, posto que levábamos comida deshidratada que nada ten que ver coa "normal". Ás 20:30 h. saímos todos pertrechados cara o kaiak. Naquel momento, aínda que o sabíamos, non éramos conscientes de que tocaba remar toda a noite.  O rumbo estaba claro, sur da Illa de Arousa.
A marexada que atopamos era "boecha", polo que íamos mollados de arriba a abaixo. Xa no sur da illa e noite pechada, decidimos non facer a orientación a pé que alí había e continuar no kaiak, desta vez rodeando a illa polo oeste. No pescozo da illa (zona norte da illa), fixemos un pequeno parón para cambiarnos, beber e comer, para transportar os kaiaks pola estrada ata o porto. A partir de aquí cambiouse a marexada pola correntada, e todo isto, esquivando bateas. De repente, comezan a saltar muxos, que digo saltar, máis ben atacarnos, na cara, no peito, entran nas piraguas, temos que apagar os focos por uns minutos se non queremos naufragar por unha manada de muxos. Non tardamos en chegar a Vilagarcía de Arousa, onde nos esperaba unha pequena orientación a pé. Vennos ben para cambiarnos e coller calor. Unha vez feita, volvemos á piragua, rumbo á Illa de Cortegada, a cal bordearemos tamén polo seu lado oeste. Unha moi mala sorte, fixo que perdésemos buscando unha das balizas ... un mundo. Aquí pasou a anécdota que mellor recordo desta aventura, pero só se contará en persoa (canto rimos despois mi madriña).

As horas pasaban e a meta desta sección aínda estaba lonxe. O río traía unha forte corrente e o cansancio era evidente. Xa se estaba facendo de día e estabamos a punto de chegar. Ás 8 da mañá, arribamos en Pontecesures. Aínda que non estaba prevista, algúns metémonos unha ducha, xa non sei se estaba fría ou quente, pero fixo que despertásemos un pouco. Montamos a bici, comemos e arreando para a seguinte sección (tocaba btt). 

Pontecesures-Baiñas.
Esta quizáis foi a etapa máis rápida que fixemos. O obxectivo era entrar na sección de kaiak, que tiña hora de corte ás 17 h. Chegamos 15 minutos antes. A alegría fixo que nos despistásemos no tempo e cando nos demos conta, perderamos na transición máis do previsto. Embarcaríamos nas piraguas no encoro da Fervenza para baixar o Xallas. Había máis marexada e estaba peor o tempo no encoro que na etapa da Illa de Arousa. Cal foi a sorpresa nosa que cando chegamos á primeira baliza desta sección, a organización páranos por seguridade e non poderemos continuar polo río. Tócanos ir a patas ao cambio de sección, sito na praia do Ézaro.




A estratexia fallou. Pero se é por seguridade, admítese. Mirando as horas, o cansancio e o mermado do equipo, decidimos non facer o trekking do Monte Pindo e descansar as 3 horas obligatorias, para sair sobre as 3 da mañá en bicicleta e ter o tempo suficiente para facer a sección de trekking entre Fisterra e Muxía. 





Ás 3 da mañá xa estabamos arrancando. De novo, volvemos a errar co mapa de bici en 1:50.000. Pillounos unha choiva na parte alta do Pindo que nos puxo pingando. Traballo nos costou chegar á baliza do monte de Cee. Xa se estaba facendo de día, ás 8:30 chegamos ao porto de Fisterra

Vemos que poucos equipos levamos diante, 3 ou 4. Quizáis moitos decidiron facer a sección do Monte Pindo, pero nós, coñecedores desta terra, sabíamos que esta era a etapa que marcaría un antes e un despois no raid. Despois de almorzar, que falta nos facía, arrancamos cara Faro Fisterra, lugar onde se atopaba a primeira baliza desta sección, despois foi todo moi ben, intentando sairnos o máximo posible das zonas de area e sendeiros con mal firme, posto que serían moitos quilómetros e os pés íano pagar caro.

Estabamos desexando chegar á Praia de Nemiñalugar onde tiñamos previsto comer. E vaia se comemos, pedimos unhas tapas de guiso, e aproveitamos para comer un xeado, que ben merecido o tíñamos. Sorprendeunos non cruzarnos con ningún equipo. Pasamos Faro Touriñán, e intentamos dende aquí ir pola mesma curva de nivel, para non coller a subida da Praia de Moreira, a cal coñezo, polo que decidimos ir pola parte de arriba da aldea. Error, o camiño debuxado no mapa non existe. Esto fainos perder moito tempo e sair campo a través do desaguisado. Así que a xogada volveu a fallar. Continuamos bastante ben, ata que nun momento xa non recordo a zona (quedeime durmido andando) e menos mal que Diego se vai orientando ben polo Camiño dos Faros.

Xa vemos Muxía, o que non esperabamos era ter o ambiente de recibimento que tíñamos alí. Dicir que por todo o camiño había xente coñecida que nos estaba a seguir. Non podo poñer nomes, porque son moitísimos, e quizáis me esquecera de algún. 

Falar un pouco, cambiarse, comer algo, lavarse, e seguinte sección. Toca btt Muxía-Ponte do Porto, para adentrarse nun bucle en Camariñas e facer un trekking polo cemiterio dos ingleses. Como nos "empanemos" de novo co mapa, non chegamos, polo que decidimos non facer dito bucle e en Ponte do Porto coller cara Vimianzo e Negreira, fin desta etapa. Tal era o cansancio que en Cereixo, paramos a durmir 30 minutos. O lugar non sei se era o propio ou non, pero durmimos no cemiterio.

Unha vez chegados a Vimianzo e pasados pola baliza que había no castelo, xa cos bares abertos, almorzamos de lo lindo. Non sei os kilos de pasteis que tomamos, pero o pasteleiro fixo o día con nós. Que ben sentou. 

Antes de chegar a Negreira, volvemos a durmir 20 minutos nun monte, eran as 2 da tarde. Aquí tivemos outra anécdota cun home e un fouciño, non digo máis. 

E chegamos a Negreira, cunha calor de espanto. E con esa calor e cunha fonte preto, que mellor que votarse un lavado completo. Había que estar limpo e fresco, que ía sendo hora. 
Quedaba a última etapa que nos levaría á Praza do Obradoiro. Un trekking longo cunha orientación específica no Monte Pedroso, xa na entrada á cidade de Compostela. Saíndo de Negreira xa sabíamos que íamos chegar. Eran as 18:30 h. do venres. Os ánimos reflexábanse nas nosas caras.




Tiñamos previsto chegar sobre ás 5 da mañá ao Obradoiro, pero a música da festa e a vista da cidade, fixo que os ánimos se levantasen e só pensar en que podíamos durmir nunha cama esa noite, fixo que apurásemos o que podíamos nese intre. E chegamos. Un silencio sepulcral en todas as rúas, e comezamos a chegar á praza do obradoiro e o silencio fíxose festa, festa rachada. Alí estaban esperando un cento de amigos, cantando, apraudindo e dándonos os derradeiros ánimos desta etapa. Mi madriña a que armaron ás 3 da mañá. Orgulloso desta xente. E alí estaba o meu fillo e a miña muller, ás 3 da mañá. A emoción percorreu todo o corpo e toda a Praza do Obradoiro.








E aquí remata esta primeira aventura ... ... ...











lunes, 4 de mayo de 2015

A Travesía do Xalo

E á sexta edición puiden participar. 

Non ía ser unha carreira calquera.
Estaba marcada no calendario.

Dende xaneiro, unha vez sabida a participación na gran aventura das series mundiais de raid de expedición, había que facer un calendario de preparación e a falta de competicións era a anécdota principal en dito calendario, polo que esta carreira era perfecta para desfogarse, pero con cabeza.

Levantámonos cedo para almorzar ben. Estivo toda a noite chovendo a cubos. O monte estaría duro. Aló fun, sobre as 8:20 xa estaba no lugar da saída. O coche ben aparcado, cerca por si había que coller algo de última hora e esas cousas. Atopo xente e xente coñecida e como teño pouca leria,  non daba chegado á recollida de dorsais (menos mal que cheguei cedo).

Hoxe estrenaba equipación do club Brigantia. Estaba ilusionado. Sentíame ben. 

Decido poñerme debaixo do arco de saída, en primeira fila, máis que nada para sair na foto, coas cores do club. A estratexia xa estaba máis que pensada e os máis achegados sabían do que ía facer ou alomenos o intuían. 

A golpe de bomba de palenque dase a saída e vou collendo posición, non coñezo cómo é o percorrido e tampouco quería atoparme cun tapón ás primeiras de cambio. Vou ben. No quilómetro 2,3 estou no lugar onde quero estar, coa carreira rota xa por diante. En nada me pasará Pedro Nimo. Sempre controlando as pulsacións, adianto a varios corredores, síntome a gusto con esos ritmos. No segundo avituallamento dannos referencias, 3 e 4, cousa que replico dicindo que por diante deben ir sete ou oito, ao cal o que ben comigo (Emilio Montilla) contesta dicindo que non, que somos o terceiro e cuarto. Subidón, diante van Fernando Arca (como non) e Pedro Nimo.

A Montilla sácolle tempo nas baixadas, pero acércase nas subidas. Decido ir en parella con él, e aos de atrás, nin os vemos. Está lesionado e non vai disputarme a terceira praza, polo que sigo ao seu ritmo, vou cómodo. No último avituallamento vexo ao meu compañeiro de equipo Antonio, que tivo que deixar a carreira ao lesionarse ao principio e dame ánimos, sigo a gusto, comezamos a baixada de pedras en parella, Montilla e mais eu, moi técnica e hai que estar moi pendiente de onde pisas, tanto que cando nos damos conta, non atopamos sinais do percorrido, miramos para arriba e alí estaban. Hai que volver a subir. A miña sorpresa é cando nos colle o quinto clasificado naquel momento (Stivel). Despois do esforzo intenso para remontar de novo o camiño perdido, teño que recuperar folgos, cousa que aprobeita para impoñer un ritmo máis forte. A miña fortaleza mental decae, cousa que aproveita para impor un forte ritmo para min. A duras penas consigo colle-lo de novo. 

Dame información de que Fernando Cancelo ven por detrás moi forte. Do compañeiro de penas anterior xa non sei nada, agora comeza outro novo esforzo con Stivel. Tiro cara abaixo, onde atopo tamén a Iván Brea que está animando nun cruce. 

Aínda queda moito para a meta pero non podo deixar de loitar agora. Unha gran pendiente na que sigo tirando e ao chegar arriba, aínda non foi capaz de xuntarse Fernando con nós. Stivel cree que xa non poderá collernos (non sabía o canso que ía eu xa). Para abaixo impón un gran ritmo e decido non segui-lo. Agora non podía decaer de repente e mellor un cuarto posto que un décimo. Á falta de un quilómetro e pouco cólleme Fernando Cancelo no que intercambiamos algunhas verbas, "jódeme collerte aquí" -díxome-. A duras penas consigo seguir o ritmo imposto por él, consigo colle-lo nas baixadas, aínda que nas subidas se escapa. Á falta de 500 metros estamos xuntos, o ritmo é asequible. A falta de 300 metros digo "vou" e salgo con un ritmo máis alto, Fernando non me sigue. A chegada está chea de xente aplaudindo, Un subidón. 

Chega Fernando Cancelo, creo que houbo un pacto non falado, un "pacto entre cabaleiros".

Ninguén contaba comigo nunha posición tan adiantada. Eu puiden soña-la, puiden, non o sei. 

Contento coma un neno cun caramelo

Despois hidratarse e esperar aos compañeiros, Diego non tarda en chegar (posto 18) e despois chegaría Priscila con Tanis. Chegan informacións de que Ana Varela ven de 2* feminina. Que maneira de estrenar as camisolas. Curro, Vicky, Iván, ... dios que bonita é a camisola. Lo flipas. 

E despois a celebra-lo todos xuntos, churrasco, cervezas, viño, sorteos, unha festa do trail. Case que me atrevería a dicir que esta é unha das Catedrais do Trail en Galicia, tanto pola carreira como polo ambiente que existe.


















P.D. Finalmente, e unha vez descargado o GPS, perdín nese tramo perdido 1:12 min. Quén sabe se este erro puido valer un podium.
 

martes, 24 de febrero de 2015

Media maratón Coruña21

 "Non me gusta a min o asfalto,
pero desta vez atrapoume".

Todo comezou cando Diego Lanchiñas me dixo que Martín Varela ía competir na Coruña21 cunha cadeira de rodas de atletismo que eles mesmos construiran. Ía ser a primeria vez que isto ía pasar na cidade da Coruña e propúxome acompañalos a eles e a Álvaro Illobre.

Obviamente, non o dubidei, sabendo que este era un gran paso para a humanidade. E así foi como me atopei na parte dianteira da saída.

Minutos previos á saída, os cinco atletas nos seus postos





Ás 10:00 da mañá deuse a saída a

5 persoas,
5 ilusións,
5 historias,
5 vidas, é dicir,
5 atletas que ían facer historia.








Álvaro Illobre e Martín Varela preparándose para a saída






Unha mañá chuviosa, con algo de frío, pero respirábase ilusión. Ilusión nas caras de todos os corredores, ilusión nas caras da xente do proxecto ENKI (FUNDACIÓN María José Jove e FUNDACIÓN Abrente). 










Álvaro Illobre a escasos metros de tomar a saída








"Logo veu a carreira,
a súa carreira."




Os atletas pasando por Praza Pontevedra














Martín Varela chegando á meta









E finalmente veu a liña de meta.












Pola noite, disto que a cabeza che segue recordando cousas, pensaba, ¿¿sería suficiente o que fixo esta xente para polo menos saia nos noticieiros?? ¿a xente sabrá que esta é a realidade??




Estos atletas, o proxecto ENKI fixo o máis difícil, poñer a primeira pedra do que pode ser a mellor das realidades, a mellor das sociedades.

Queda moito camiño por andar, pero o esforzo e a ilusión desta xente fai que a velocidade sexa ... de maratón.



martes, 21 de octubre de 2014

Raid de Camariñas (18-10-14)

"Fun con poucas ganas, case que podería dicir,
por comprisimo"

Ía ser un máis dos raids e aventuras que levo feito este ano. Un máis no día do meu cumpreanos (que é coma un día calquera pero no que as amigas e amigos felicítante, por ser un ano máis vello). Case que diría xa, na baixada no estado de forma físico e mental. Fun con poucas ganas, case que podería dicir, por comprisimo, posto que me comprometera hai tempo a participar cos meus compañeiros Ana Varela e Diego Lanchiñas. Coa cabeza pensando noutras cousas, chegamos a Camariñas coa intención de pasalo ben e coñecer este anaco da Costa da Morte.

"O de pasalo ben, pasou a ser competición pura e dura
pasados os 40 primeiros minutos do raid". 
SECCIÓN 1: ORI-URBANA.  Sería por compromiso?? , sería porque era na Costa da Morte ??, sería porque tiña gañas de marchar antes de comezar??. A orientación urbana, saiu máis mal que ben, sendo fácil como creíamos que era, tivemos varios erros de nenos.

SECCIÓN 2: TREKKING: O caso foi que pasada á praia de Lago, e antes de chegar a unha baliza que había nun muro, a cabeza dou unha volta e decidín impoñer un ritmo máis forte, posto que parecía que andabamos moi cómodos. Collemos pois a goma e puxémonos a tirar (era a primeira vez que o facíamos e a verdade, non foi gran cousa), pero serviu para impoñer un ritmo máis vivo. Nesta segunda sección de trekking, o campo aberto cara Cabo Vilán, déixanos ver aos equipos que perseguimos, o cal me chama a atención que indo moi cómodos, vaiamos aí. E vendo tamén cómo ese grupete de equipos, se pasa o cruce idóneo para coller a baliza. Debe ser que a zona a coñezo un pouco máis que eles, gracias á ruta "Camiño dos Faros", polo que non teño duda de que collo o camiño correcto. O ritmo debe ser bastante vivo, posto que Ana comeza a pedir "papas". Ahí comeza o traballo de equipo. E coma sempre, a quén lle toca axudar aos compañeiros??? ... Non, a min non. A min non me miredes, que eu levo o mapa para orientar. Diego Lanchiñas, unha vez máis será o encargado de facer de "sherpa" dos humanos  (e ben contento que o fai).


Finalizada esta sección de trekking, entramos na SECCIÓN 3: BTT. Saída dende Camariñas e cambio de sección en Camelle. Un percorrido lineal no que poñemos un ritmo moi bo e no que pasado o cementerio dos Ingleses, teño un pequeno baixón de enerxía, que fai que o que pida papas agora sexa eu. A cousa pasa en pouco tempo e imos pasando polos puntos de control de forma precisa. Incluso trazamos rumbo nunha das balizas monte a través caendo xusto nela. Imos compaxinándonos ben como equipo ata a chegada a Camelle. Alí vemos poucas bicicletas, esto dinos que imos na parte dianteira.



Saímos a esta SECCIÓN 4: TREKKING polos montes de Camelle. Mirando o mapa, vexo que o imos facer moi ben se as forzas nos deixan. E así foi. Algún pequeno erro pola confianza, pero nada grande. 

Chegada de novo ao punto de cambio de sección, toca comer algo. Foi menos do esperado, xa que nos damos conta que imos 5^ e acabamos de ver ao 4^ sair en btt. Arrancando, que tampouco temos que comer coma nunha festa. 

SECCIÓN 5: BTT. Con tramos moi duros pero tamén con tramos moi moi rápidos. Non foi nada mal. 


SECCIÓN 6: KAIAK - BTT. Sabemos que imos 5^, e sabemos tamén que só se realizará un tramo do kaiak e que continuaremos cun percorrido Btt ata a meta, polo que o mellor é conservar ese posto se podemos. Aínda que remamos coma dous borrachos (a piragua non se mantiña dereita nin querendo) tíñamos a suficiente ventaxa como para poder conservar dito posto. E así foi. A min costoume sair da piragua, con calambres nas pernas, pero unha vez enriba da bicicleta desapareceron. Chegamos a Camariñas, chegamos á meta. Sabemos que, como mínimo, temos o 5^ posto, posto que pasamos por todas as balizas. Agora toca ducha (por fin en auga quente, é o que ten chegar entre os primeiros) e despois unhas birras, que disque son moi hidratantes. Esperamos, como debe ser, á entrega de trofeos e despois deleitámonos cuns ricos pinchos de confraternidade, postos polo Concello de Camariñas e Conservas Boya. Ricos, ricos. 

Conclusións finais: fixemos un raid moi bo, cunha boa orientación e un bo ritmo. O raid foi moi moi rápido. Tíñamos un equipo igualado. 5* posto en categoría Élite. 



jueves, 25 de septiembre de 2014

Ancares3Trails

A emoción chegou minutos antes de pechar a meta do maratón. Fixéronnos chorar, fixéronnos ver que o mais importante non é gañar, senón conseguir os nosos propios obxectivos. Jana (e Diego Lanchiñas), gracias por darnos este final de etapa. 


A historia deste reto comezou un día en que recibín unha invitación polo facebook de Paco Abella. Non era a primeira vez que falaba no seu muro da beleza desa zona. O caso é que, primeiramente pensei, "este saberá moito de xadrez pero ¿que saberá de carreiras?", pero por outra banda pensei "algo ten que ter para que mo mande". Aló fun mirar o enlace e atopeime cunhas imaxes espectaculares dos Ancares. Pero para facer esas fotos, hai que subir moi arriba de nuestroseñor. Cando vin os desniveis e que o Ancares3Trails constaba de 3 probas, sentín unha atracción especial. 3 etapas: 


Unha media maratón con 850 metros de desnivel +. Con saída en Pereda de Ancares, pasando por Candín, Sorbeira, Villasumil, Espinareda, Suertes e chegada de novo a Pereda de Ancares. 






Unha carreira nocturna de 11,5 km cun desnivel de 450m positivo. Comezaba ás 20:30 horas, con saída dende Pereda de Ancares, para pasar por Tejedo de Ancares ata a antigua Ferreiría, e cunha pendente de "la leche" e un descenso rompedor ata Pereda.



E un durísimo maratón cun desnivel acumulado de 2750 m. por sendeiros de alta montaña. Con saída en Pereda de Ancares, ascenderíamos ao Cuiña para baixar logo a Suarbol e cruzar Balouta para ascender o Miravalles e unha vez arriba, unha baixada empinada ata Tejedo de Ancares e chegada a Pereda de Ancares.

Visto o regulamento e as características, non fixo falta facer moita forza para que alguén se apuntase. Ahí estarian Jana e Diego Lanchiñas. Decidimos facer un equipo mixto para ver as posibilidades en grupo. Unha semana antes, os coñecidos que ían a participar xa os contábamos por dúcias (Almu, Dani, Javi, Rivas, ...) , así que a fin de semana ía ser espectacular. Encontraríamonos con xente de sempre pero tamén con esos mozos cos que convivín o Ultra Trail Camiño dos Faros, alí estaba o Jabalí do Sacho, Superfresh, Javier Estevez, Rafa o asturiano, ...




A CARREIRA:
Chegada ao camping de Pereda aló polas 12 da noite do venres. Xa estaba todo o mundo deitado, menos nós. Tendas de campaña e a dormir algo. 

Sábado ás 8 da mañá en pé. Almorzo e recollida de dorsais e obsequios. Ás 10:30 horas daríase a saída. Estratexia: correr o máis rápido que se poda reservando un chisco para non dar vergonza nas seguintes etapas. 

Resultado: 13 posición cun tempo de 1:50:40 (9 senior). Non o creo nin eu. Comezo a pensar que me pasei e que o vou a pagar na nocturna e sobre todo no durísimo maratón do domingo. De repente, escoito pola megafonía que chega a primeira muller, era Jana jajjaja. Fantástico, estamos máis que contentos por ela. E cando poñen as clasificacións, vemos que estamos de primeiros en equipos mixtos. Andaaaa. Flipando estamos. 

Rápidamente imos andando a comer á vila, creo que no único restaurante que hai. Alí comemos en familia cos caravanistas (Rivas, Almu, Dani, Javi, Marco, Alberto ... a tropa enteira). E despois non hai quen nos saque a siesta. 



Nocturna: o obxectivo comeza a cambiar e pensamos que podemos optar por un podium en equipos mixtos, polo que decidimos en equipo. Eu ao meu rollo, a tolear e Diego acompañará a Jana a facelo o mellor posible. Dase á saída e saio coma un tolo, para intentar coller unha boa posición antes de que o camiño se estreite. Coller collina, pero cheguei desfondado ao quilómetro 4. Tocaba conservar e non mancarse. A subida durísima pero a baixada perigosísima, máis aínda co frontal que levaba. O pobre non alumeaba máis que un bagalume. Nesa baixada, pasáronme 5 coma lóstregos. Finalmente quedei de 19 na xeral (15 senior) cun tempo de 00:59:47. En pouco tempo chegan Jana e Diego, nun final de carreira espectacular entre Jana e outra corredora. Os resultados son bos para a clasificación por equipos mixtos. A ver cómo nos levantamos mañá. Polo de agora, toca comer en familia entre caravanas. Que ben o pasamos. Alí nos xuntamos unha boa tropa. As pernas e o cansansio vanse notando e o obxectivo destas horas é subirlle o ánimo aos máis cansados e mentalizar a Jana que o seu obxectivo sexa acabar e entrar nos cortes de hora. Aínda que parece débil de mente nun primeiro momento, logo daste conta que é túzara e terca e que consigue o que se propón.

Domingo ás 6 da mañá en pé. Nunha hora saimos ao maratón. Teño as pernas cansas e doridas. Hai frío. Almorzamos, cola-cao, sobaos e un café. Non sei se comería pouco para o que nos queda. 
Ás 7 dase a saída e eu aínda buscando un guante que me falta (material obrigatorio). Segundos antes logro entrar na saida. O obxectivo de equipo é que eu vou a facer tempo e Diego e Jana intentarían acabar o maratón, sempre pensando en pasar os cortes de hora.

Decido levar o frontal do día anterior que, aínda que non alumea moito, pesa menos que o outro e en nada farase de día. Aproveito a lucería do resto do pelotón e vou collendo posición. A primeira subida forte decido ir a "rebufo". Queda moito e visto o perfil da etapa, debe ser matadora. Non estou moi a gusto onde estou e decido tirar un pouco na subida ao Cuiña, pero o Cuiña non dá chegado, pregunto e pregunto e sempre me din "alí atrás", pero o alí atrás nunca chega.



O cresteo por esas montañas é precioso, e máis aínda ver amanecer por ahí arriba.


Polos corredores que adelanto, debo ir na parte dianteira do pelotón. Por fin toca a baixada. Moi técnica pero vou a ritmo. Na entrada de Suárbol, vexo a Javi que se retirara o día anterior. Visto o tempo que eu levo por ese punto, dígolle que van ter difícil pasar o corte xa aquí. A subida ao Cuíña é moi dura, e a baixada moi moi técnica. Minutos despois recordo que o corte está nas 3 horas e media, polo que teñen marxen para pasalo. No avituallamento vexo un pobo ilusionado e colaborador, unha xente amable e acolledora cos participantes. Da gusto. Non paro moito, posto que acabo de ver sair un bo grupo de corredores. Na subida da vila, xa me acerco a eles, adelantándoos antes de finalizala. Prácticamente xa vou só. Vou reventado e aínda non estou na metade da carreira. Teño fame e xa non me entran as barritas nin geles. En Balouta, hai un avituallamento sólido e líquido. Hai que chegar como sexa. Adelántanme 2 corredores. Esto quere dicir que os de atrás veñen máis fortes. Balouta non chega. A 1 Km intento avanzar máis rápido pero nada. Por fin Balouta. Por fin avituallamento. Xente aplaudindo e dando ánimos que se agradecen. Métome na Palleira (lugar do avituallamento) e métome un bo banquete (sandía, plátano, frutos secos, auga, veña sandía, e plátano, e frutos secos). 6 minutos tragando. Adelántanme ahí dentro 7 persoas alomenos. Non me preocupa. O caso agora é chegar. Penso en Jana e Diego. Tanto que lles comín a cabeza e agora penso que os acabo de meter nun compromiso demasiado grande, entrar nos cortes e finalizar o maratón. E aínda queda o máis duro, o Miravalles uufff.

Toca sair de novo, dende Balouta ao pico do Miravalles, non hai descanso, todo é subida. Subida que cada vez ten máis desnivel. Chego a un punto que non vexo ben por onde continua o percorrido e cando levanto a cabeza, puuuuff. Vexo aló arriba corredores zigzagueando pola montaña. Jooooder.

Bueno, paciencia. Morto, vou morto e de repente escoito o meu nome e un "esto non é nada para un da costa da morte", carallo eso é tocar o orgullo. Era Blas sacando fotos, unha persoa que non coñecía persoalmente, só de ser "amigos" do facebook. Avísame que quedan 200 metros para coronar, pero que a pendiente é matadora. Paciencia.
Cando vexo a corda para subir un tramo xa me collera Bardanca de Carballo, un rapaz que xa viñera o ano pasado e que coincidimos en etapas do Camiño dos Faros. A subida foi durísima, pero a baixada pode matarme. A pendiente é unha animalada, baixando de lado, pero parece que baixo ben, vou sacando máis distancia aos perseguidores e adelanto a un par de corredores que me pasaron na encherola de Balouta. Son consciente que agora é todo cara abaixo, así que decido coller un ritmo e aguantalo. Aguantalo ata que dou cos fuciños no chan. Costou recuperarme, cando estaba a escasos 100 metros dun corredor, que ao final souben que era a primeira fémina. Chego ao último avituallamento líquido e dinme que quedan 6 km (parecéronme 12). Non daba chegado. E iso que xa viña avisado polas notas que me dera Felipe Oza días antes. Ao final, acabo cun tempo de 06:10:01. Moi contento. Son finisher. 12 na xeral total cun tempo de 9:00:28. Flipante. Super cansado, pero moi satisfeito. 

Agora penso no calvario que pode estar pasando Jana e Diego. Van chegando corredores e persoas que estaban nos lugares de corte e informan que pasaron os dous cortes. O de Suarbol con 10 minutos de antelación e o de Balouta con algo máis de media hora. O problema, o Miravalles. Se continuaron, non hai marcha atrás e a dificultade é grandísima. Os retirados van chegando á meta. Decido escribir unha mensaxe ao mobil de Diego para sacarlle presión (sei que estos dous tolean tanto ou máis ca min). Minutos despois recibo a chamada de Diego, pensando que virían fora de tempo que Jana o estaría pasando moi mal coa súa lesión do día anterior, pero non, dime que están a 3 km e que chegarán en tempo. Que cabróns. Eu xa estou saboreando a rica paella, chorizo, viño, empanada xunto con Jabalí, Superfresh, Almudena e outros. Cando lles digo que entrarán en tempo, todo son alegrías. Pero fannos esperar. Faltan 45 minutos para o peche de meta e nada, 30 min, 15 minutos, 10 minutos. Nada, non chegan ata que chegan. Ahí veñen, faltando 8 minutos para o peche de meta. Jana desfeita, de lado e coa pata coxeando, e Diego animándoa. Teñen o recibimento que se merecen. Un gran número de corredores e familiares se agolpan na meta para darlle os merecidos aplausos. As emocións convírtense en lágrimas e abrazos. Tantas que ata o mesmo spiker se pon a chorar. E non sería él só nin nós, mesmo xente da vila que se acercara a ver o final se emocionou. Sencillamente sensacional. 
Agora tocaba comer algo e descansar. E por suposto ducharse. 

Chegou a entrega de premios e ahí xa a bordamos. 1 posto en equipos mixtos. 

Obxectivo cumprido. 


P.D. adicada a miña familia, da que lle restei tempo para poder adestrar e marchar as fins de semanas competir. Quérovos.