Mostrando entradas con la etiqueta aventura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aventura. Mostrar todas las entradas

sábado, 31 de mayo de 2025

Backyard Ultra de Castro Caldelas (24.05.25)

 Todo un descubrimento


Hai probas nas que che teñen que axudar para inscribirte, ben porque están moi lonxe, ben porque o formato sáese do normal e eu son moi simple, polo que sexa.

Esta é unha delas, un formato único no que non gaña o máis rápido, senón que gaña o que máis resiste. 

Non ía eu moi preparado para facer moitos km despois de dúas semanas intensas de traballo e pouca preparación. Tampouco foi de descanso polo estrés e as poucas horas de descanso.

O caso é que tiven a sorte de poder durmir en Castro Caldelas cos meus compañeiros de equipo, Carliños e Tania, aos que dou as grazas por facilitarme todo para a carreira. 

Aínda que cheguei moi tarde o venres, aí polas 23 horas, tiven tempo de cear e durmir algo antes de levantarme para o que me esperaba. 

Teño que dar as grazas tamén a Arturo Piñeiro, que me facilitou un lugar dentro do castelo onde ter o meu material e comer e beber algo entre loops. 

Arturo formaba parte do Comando Boimorto que, xunto comigo e os dous castróns de Boimorto, Adrián e Norris, formábamos un equipo xeitosiño para participar na modalidade "por equipos".

Bueno, que me lío. 

Con moito material no meu punto de avituallamento, tanto de roupa e calzado como de comida sólida e líquida, íamos comezar esta aventura que non sabía moi ben como afrontala.

 
SAÍDA

Como non sabía nin como era o circuito, púxenme por detrás dos que sí o coñecían. No primeiro loop (volta) fun sacando conclusións do percorrido, así como mirando moito o reloxio. 

Para quen non sepa de que consta a carreira dígolles que é un circuito de 6.7km con 250m- e outros 250m+ que hai que facer en menos dunha hora. Parece fácil verdade, pois non o é (ou sí, depende de quen o vexa). Se non chegas antes desa hora, quedas descalificado/a e se non están no caixón de saída no momento que toca a campá, tamén quedas descalificado/a. E así ata que só queda un participante que ten que dar unha volta máis que o último descalificado (DNF)

Vale, pois seguimos. No segundo loop, fun collendo referencias que me servisen para o que quería facer e controlando os lugares nos que podía mancarme. 

O percorrido hai que dicir que é moi chulo e ten zonas moi esixentes, como a chamada "diagonal", un sendeiro "de xabalí" que ascende por unha carballeira e que ten caída lateral. Pero antes disto, tamén hai unha baixada de pedras bastante esbaradiza. Ten tramos de pista ancha baixo os carballos e un tramo de asfalto para voltar ao castelo, lugar de saída e chegada. 

Xa me diredes vós onde atopades unha proba que saia e chegue a un castelo medieval. Aaamigos, aquí está outro dos encantos desta proba. 

Bueno, imos polos seguintes loops, do terceiro ao quinto, xa fun mirando onde pisar e onde non debería pisar e xa ía controlando esos pasos intermedios do que vos falaba. 

A partir do loop 5 xa parecía un robot, todo ía como o tiña na miña cabeza. Por certo, o calor xa apretaba de carallo. 

Dicirvos tamén, ao caso do calor, que no primeiro loop fixen a volta cunha camiseta de manga curta e para o segundo loop xa a cambiei por unha camiseta sen mangas.

Estaredes pensando, a ver se nos fala da alimentación e da hidratación, pero iso fareino un pouco máis abaixo. 

No loop 10, xa estaba pensando no 12, cando me ía cambiar de roupa e calzado.

Durante esta primeira parte da carreira (ata o loop 12), fun coas zapatillas Tomir 2.02, 2 pares de calcetíns lurbel, 2 pantalóns curtos do decathlón e camiseta do club Jarnachas, de manga curta e sen mangas. Ah, e unha gorra para o sol. Tamén me botei crema solar, que xa pegaba.

Durante a segunda parte da carreira (do 13 ao 25), cambiei de zapatillas, poñendo as Hoka Mafate, 2 pares de calcetíns Lurbel, 2 pantalóns curtos do decathlón e 2 camisetas (Bombeiros Coruña e Brigantia Aventura), ambas de manga curta. Seguín coa gorra cando facía falta. 


Sumamos?:


2 pares de zapatillas (NNormal Tomir 2.02 e Hoka Mafate)

4 pares de calcetíns (Lurbel track e distance)

4 pantalóns de Decathlón

4 camisetas (unha sen mangas e as outras de manga curta)

1 gorra


E imos logo coa alimentación e hidratación.

A base da miña alimentación e hidratación, como moitos/as sabedes é Tailwind, unha combinación perfecta de carbohidratos e electrolitos que fan do producto unha hidratación perfecta. Fácil de usar, moi soluble en auga e con distintos sabores, tanto con cafeína como sen cafeína. Ao Tailwind, en cada fin de loop, solía meterlle un mordisco do que me apetecese... un puñado de cacahuetes, unha galleta, un anaco de plátano... todo a demanda, cando tivese gañan del, sen presión. 

Recordo facer os softs de Tailwind 500ml durante as finalizacións dos loops, neses 4-5 minutos que me quedaban entre loop e loop. Para o percorrido correndo, levaba un soft de 250ml que ía tomando pouco a pouco, ben de Tailwind ou de auga. Si que recordo que a partir de certa hora, levei o de 500ml porque xa non me chegaba o de 250ml.


Polo tanto, canto tomei de Tailwínd?:


Do loop 1 ao 10:
7 Endurance Tailwind (melonlime, limón, natural) e 1 Recovery Tailwind (chocolate) no loop 10. Para min é unha maravilla o recuperador en este tipo de probas longas. 

Do loop 11 ao 19: 4 Endurance Tailwind (melonlime, tropical (caf) e colorado cola (caf) e 1 Recovery (chocolate)

Do loop 20 ao 25: 2 Endurance Tailwind (natural e colorado cola (caf) e 1 Recovey (chocolate) ao rematar.


Como vedes, tomei cafeína nos loops nocturnos, recordo que comecei sobre as 2 da mañá. Alguén me preguntou cómo levaba o de non durmir, supoño que pola toma de cafeína e polos turnos de traballo que teño. A verdade é que o levei moi ben. Sentinme moi a gusto correndo pola noite. Unha noite maravillosa para correr, sen vento e sen frío algún. 

E foi precisamente pola noite cando notei a cantidade de DNF de corredores, houbo un momento que eramos 35 e, de repente, caemos a uns 10 máis ou menos. Por certo, dentro deses 10 íamos aínda os catro do Comando Boimorto, polo que asegurábamos o primeiro posto por equipos, que tiña premio de 300€ en produtos da tenda RunManiak que colabora coa carreira. 

E así íamos chegando ao obxectivo que levaba dende un principio, as 24 voltas ou loops. A verdade é que moi sorprendido de chegar a elas. Serían as 100 millas. E houbo un momento antes, aí polo loop 22, no que eramos só 5 corredores e pasóuseme pola cabeza, ir ata reventar, que a propia carreira me botase fora, pero por outro lado pensei tamén que non hai que ser avaricioso polo que puidese pasarlle ao corpo, que este mes que entra hai que traballar...

E así foi como finalicei o loop 24 pero, vin que nesta última volta, dous do quinteto chegaron algo "tocados" e pensei... "e se paran?", sabía que Arturo e Ibón non o ían facer, ían moi soltos, pero desconfiei dos outros dous compañeiros da noite. E foi así como decidín saír ao loop 25, pero sorpresa, todos andaban xogando xa coas estratexias, pois este dous corredores colleron ritmo nun pispás... e foi así como decidín facer este loop25 cun ritmo un pouco máis vivo e chegar de primeiro ao Castelo de Castro Caldelas, pois ía ser o meu último loop. Alí me quedei, no "bochinche", na "cantina" como lle queirades chamar, cun sorriso de orella a orella sabendo que cumplín co meu obxectivo con creces e chego de cafeína ata as orellas 😂. Moi feliz e contento e dándolle a noraboa á organización e voluntarios polo bo traballo realizado. 

O bo rollo entre os participantes, a intensidade que xenera a carreira dentro do castelo antes da saída ao seguinte loop, o avituallamento da organización (outro punto moi forte da carreira), todo suma en positivo. Máis que satisfeito da miña carreira, da proba, da organización e do ambiente. Non hai nada negativo que poida dicir, así que... xa sabedes onde tedes que probar para os vindeiros anos, que non vos dé pereza, que iso é unha festa do trail. 


  

 



 


 




martes, 21 de octubre de 2014

Raid de Camariñas (18-10-14)

"Fun con poucas ganas, case que podería dicir,
por comprisimo"

Ía ser un máis dos raids e aventuras que levo feito este ano. Un máis no día do meu cumpreanos (que é coma un día calquera pero no que as amigas e amigos felicítante, por ser un ano máis vello). Case que diría xa, na baixada no estado de forma físico e mental. Fun con poucas ganas, case que podería dicir, por comprisimo, posto que me comprometera hai tempo a participar cos meus compañeiros Ana Varela e Diego Lanchiñas. Coa cabeza pensando noutras cousas, chegamos a Camariñas coa intención de pasalo ben e coñecer este anaco da Costa da Morte.

"O de pasalo ben, pasou a ser competición pura e dura
pasados os 40 primeiros minutos do raid". 
SECCIÓN 1: ORI-URBANA.  Sería por compromiso?? , sería porque era na Costa da Morte ??, sería porque tiña gañas de marchar antes de comezar??. A orientación urbana, saiu máis mal que ben, sendo fácil como creíamos que era, tivemos varios erros de nenos.

SECCIÓN 2: TREKKING: O caso foi que pasada á praia de Lago, e antes de chegar a unha baliza que había nun muro, a cabeza dou unha volta e decidín impoñer un ritmo máis forte, posto que parecía que andabamos moi cómodos. Collemos pois a goma e puxémonos a tirar (era a primeira vez que o facíamos e a verdade, non foi gran cousa), pero serviu para impoñer un ritmo máis vivo. Nesta segunda sección de trekking, o campo aberto cara Cabo Vilán, déixanos ver aos equipos que perseguimos, o cal me chama a atención que indo moi cómodos, vaiamos aí. E vendo tamén cómo ese grupete de equipos, se pasa o cruce idóneo para coller a baliza. Debe ser que a zona a coñezo un pouco máis que eles, gracias á ruta "Camiño dos Faros", polo que non teño duda de que collo o camiño correcto. O ritmo debe ser bastante vivo, posto que Ana comeza a pedir "papas". Ahí comeza o traballo de equipo. E coma sempre, a quén lle toca axudar aos compañeiros??? ... Non, a min non. A min non me miredes, que eu levo o mapa para orientar. Diego Lanchiñas, unha vez máis será o encargado de facer de "sherpa" dos humanos  (e ben contento que o fai).


Finalizada esta sección de trekking, entramos na SECCIÓN 3: BTT. Saída dende Camariñas e cambio de sección en Camelle. Un percorrido lineal no que poñemos un ritmo moi bo e no que pasado o cementerio dos Ingleses, teño un pequeno baixón de enerxía, que fai que o que pida papas agora sexa eu. A cousa pasa en pouco tempo e imos pasando polos puntos de control de forma precisa. Incluso trazamos rumbo nunha das balizas monte a través caendo xusto nela. Imos compaxinándonos ben como equipo ata a chegada a Camelle. Alí vemos poucas bicicletas, esto dinos que imos na parte dianteira.



Saímos a esta SECCIÓN 4: TREKKING polos montes de Camelle. Mirando o mapa, vexo que o imos facer moi ben se as forzas nos deixan. E así foi. Algún pequeno erro pola confianza, pero nada grande. 

Chegada de novo ao punto de cambio de sección, toca comer algo. Foi menos do esperado, xa que nos damos conta que imos 5^ e acabamos de ver ao 4^ sair en btt. Arrancando, que tampouco temos que comer coma nunha festa. 

SECCIÓN 5: BTT. Con tramos moi duros pero tamén con tramos moi moi rápidos. Non foi nada mal. 


SECCIÓN 6: KAIAK - BTT. Sabemos que imos 5^, e sabemos tamén que só se realizará un tramo do kaiak e que continuaremos cun percorrido Btt ata a meta, polo que o mellor é conservar ese posto se podemos. Aínda que remamos coma dous borrachos (a piragua non se mantiña dereita nin querendo) tíñamos a suficiente ventaxa como para poder conservar dito posto. E así foi. A min costoume sair da piragua, con calambres nas pernas, pero unha vez enriba da bicicleta desapareceron. Chegamos a Camariñas, chegamos á meta. Sabemos que, como mínimo, temos o 5^ posto, posto que pasamos por todas as balizas. Agora toca ducha (por fin en auga quente, é o que ten chegar entre os primeiros) e despois unhas birras, que disque son moi hidratantes. Esperamos, como debe ser, á entrega de trofeos e despois deleitámonos cuns ricos pinchos de confraternidade, postos polo Concello de Camariñas e Conservas Boya. Ricos, ricos. 

Conclusións finais: fixemos un raid moi bo, cunha boa orientación e un bo ritmo. O raid foi moi moi rápido. Tíñamos un equipo igualado. 5* posto en categoría Élite.