domingo, 20 de junio de 2021

RiañoTrailRun 2021. 3 etapas (11-12-13/Xuño/2021)


 Obxectivo máis que cumprido

Íamos a por un top20 e
conseguimos entrar en podium


Despois de máis dun ano sen competir pola dichosa pandemia, era o momento de evaluarse e ver onde nos atopábamos en carreira. 

A cita xa estaba escollida dende o mes de outubro do ano pasado, así que había tempo para planificar a carreira. O obxectivo xa estaba escollido e a planificación comezou en decembro. Por fin, fixemos aquelo de "vísteme despacio que tengo prisa". E por suposto, a planificación, está para cumprila. 

Bueno, aló imos. 


RiañoTrailRun.

91Km con 7000m+ e 6850m-, repartidos en 3 etapas.

Etapa 1: 38km con 3081m+ e 2818m- dende Caín de Valdeón a Ermita del Pontón

Etapa 2: 29,9km con 2450m+ e 2684m- dende Valverde de la Sierra e Boca de Huérgano

Etapa 3: 22,7km con 1391m+ e 1330m- dende Salamón a Riaño


O xoves sobre as 11:30 horas saio cara Riaño, cunha calor digna do verán. Co coche cheo de lotes, paro a comer pasado Valcarce. Debaixo dun carballo, á sombra e fora do ruído das estradas, alí como tranquilo unha ensalada de pasta. Descanso un pouco tamén nesa tranquilidade.

A calor cada vez é maior e continuamos o camiño cara o Riaño Camp. Despois dunhas longas horas, xa se comezan a ver as preciosas montañas ás que imos achegándonos pouco a pouco e que me deixan coa cara de parvo, de espantado pola súa fermosura e os seus desniveis. Non tardo en chegar a RiañoCamp, onde será o meu "fogar" durante os vindeiros días. Aloxado en tenda de campaña e pensión completa, respírase dende o primeiro intre un ambiente de deporte, aventura, natureza e libertade. 

Recollida de dorsal (105) e escoller a tenda para o aloxamento.
En breve comezará a Charla técnica para informarnos das últimas novas da carreira e da etapa 1. 

Logo chegará a cea que teñen preparada nunha carpa estilo "bufé". Chega para cear Jose Angel Díaz Bautista, o do Brutanzos tamén se apuntou a festa e será o meu compañeiro de fatigas durante toda esta fin de semana. 

Ceamos ben e comentamos algunhas cousas da etapa e da carreira. Non tardamos en ir cada un para a súa tenda, xa que ás 6:30 horas hai que estar en pé para almorzar e sair cara Caín en bus, onde está a saída da primeira etapa.

A noite foi movida en canto ao vento. De vez en cando había algún refacho de vento que parecía que ía mandar a tenda e ao que está dentro a uns cantos centros de metros do lugar. Aínda así, o pouco que durmín, creo que se aproveitou (ás 5:10 h xa estaba levantado jajaj).

Bueno, un almorzo con bastantes calorías e cando íamos a subir ao bus, a organización invítanos a ir en coche. Bueno, en coche ... o coche parecía o do Vaquilla, todo rascado, aboiado e con pouca hixiene no interior. Algún presinouse antes de entrar, pero finalmente, chegamos salvos a Caín. 




ETAPA 1:

Con saída en Caín de Valdeón, ascensión por Canal de Mesones, Puertos de Cuba, descendendo pola canle de Capozo, bosque da Farfada en dirección a Cordiñanes de Valdeón. Ascensión pola Vega de Llós e cimera do Frade e descendendo cara Vegadebaño, Soto de Sajambre e Oseja de Sajambre onde está a meta.



En definitiva, e como non coñezo a zona, dividín o perfil en 2 partes ben diferenciadas. Unha, dende a saída ata o primero avituallamento (km14), onde deixaría xa case a metade do desnivel da etapa e outro de aí en diante, que subdibidía en 2 zonas, a primeira dende ese primero avitallamento ata o km25, última cota destacable, e dende aí ata meta. 

Recordo que dende a saída era todo cara arriba, con fortes desniveis positivos e que non se veía o fin. Pouco a pouco fun collendo ritmo e adiantando onde se podía. Ao lonxe aínda veía a Jose Angel, polo que non íamos tan mal. Isto acababa de comezar e iso tíñao moi presente. 

En menos de 6km xa subíramos 1500m+, sen descanso. Agora tocaba baixar, por fin se pode correr un pouco, pero por pouco tempo. Os desniveis negativos son peor que os positivos e xa por dúas veces tropecei. Entre a néboa, vexo un par de corredores e cando me dou conta xa estou ao lado deles. Son un pequeno grupo de corredores onde se atopa Jose Angel. Parece que baixo máis "kamikaze" que eles e, xunto con outros 2 corredores, collemos unha lixeira distancia no descenso. Esa distancia queda en nada pouco antes de chegar ao avituallamento 1, despois de dun bonito percorrido entre árbores. 


Sorprendentemente, vou 5º por este paso, polo que me parece que o ritmo non é o adecuado pensando nos 91 km totais. E menos mal, porque a partir desde punto, o percorrido vólvese "feo" abrupto, sen sendeiro, campo a través, por enriba do "brezo", pendentes pronunciadas e unha calor mortífera. En menos de 2km, volvo a encher outro litro de auga e refrescarme nunha das fontes do percorrido. 

Por diante, xa non se ve a José Angel, por detrás, teño un corredor e o resto, parece que non da signos de vida dende as miñas alturas. Sí veñen a fume de carozo, os cordobeses Angel Merino e José Antonio Cuevas, como equipo masculino, pero estes non me preocupan. 

Despois duns quilómetros levadeiros, volta de novo a picar cara arriba. Por aquí, vou entre os equipos mixtos que teñen a súa propia "guerra". E veña cara arriba, as costas son moi sufridoras pero por fin corono (Peña Parda). A partir de aquí, pinta que todo é cara abaixo ou máis fácil. Xa non o recordo ...

meta 1ª etapa


Segundo avituallamento e dende aquí á meta, serían sobre uns 45 min. O percorrido fáise máis cómodo e por carballeiras. Xa se escoita ao lonxe o spiker e xa se ve a meta. Chegamos. 




cara cando chego a meta

Non estivo mal, pero agora hai que recuperar canto antes e descansar que mañá será outro día. 

Viña co obxectivo do top20 e sería fermoso meterse no top10. A primeira etapa remateina no top6 e as cousas pintaban ben, moi ben. 

Deixei gasolina para os días seguintes e o corpo non quedou "mallado". Agora había que saber como ía o resto de persoal. A recuperación será moi importante.

Imos de volta para o Riaño Camp nun vehículo da organización, polo que se agradece. En Riaño estanos esperando xa Jorge Rente e Lucía (do Toxos e Birras). Escoitamos a charla técnica (eu xa non creo nada do que dí Miguel Heras jajaj). Ceamos todos xuntos e intercambiamos opinións. Mañá será dura a etapa. 

Durmo mellor do esperado pola noite e levántome "fresco". Iso é unha boa sinal. O obxectivo vai ser aguantar o 3º posto veterano. Sairei tranquilo, deixando mecha para a segunda parte da etapa. 


ETAPA 2:

A mesma parafernaria do día anterior. Almozo calórico e bus. Xa hai calor ás 8 da mañá, polo que hai que telo en conta.


O percorrido sae de Valverde de la Sierra, para ascenser o Pico Espigüete, dirixíndonos a Fuentes Carrionas e Fuente Cobre, para coller os últimos quilómetros en dirección a Boca de Huérgano, onde está a meta.

Saída rápida na que eu vou ao meu ritmo. Hoxe xa participan os corredores de 2 etapas, polo que xa non sei quenes son de unha ou de outra. 



Ao lonxe xa se ve o coloso Pico Espigüete, polo que decido ir con calma. Comeza a ascensión e, como me imaxinaba, comezan a caer os primeiros participantes. Os primeiros xa non se lles ve, pero isto é unha carreira por etapas e do que se trata e de rematar ben nos 91km e non nesta etapa. Sempre levo en mente non "consumir" músculo e ler a carreira. 

Despois de varios sustos por caída de pedras, chegamos pouco a pouco á cima do pico. Tan impresionante coma perigoso a súa cresta. Persoal da organización cada 10 metros para dicirche onde apoiar o pé. Fago a cresta andando, xa que me impón moito respeto. 

Se a subida foi dura, a baixada foi moito máis. Parte do percorrido apoiando as máns e de lado, para non precipitarnos. Aquí fun collendo xente por diante, incluso baixando despacio para non romper cuádriceps, e por atrás ían acercándose tamén. Total, que xusto na base, no avituallamento 1 (km 10,6), parecía aquelo unha romería. Aquí coincidín cos cordobeses Angel Merino e José Antonio Cuevas, o meu veterano perseguidor Unai Biain, e os equipos mixtos de Silvia Trigueros-Victor Pimentel e Sofía García-Salvador Olivas entre outros. Conmigo baixaba Jorge Rente, co que coincidín uns bos quilómetros ata que se foi indo despois do avit.

Despois compaxinamos pista con sendeiro e fora de sendeiro. O track comeza a poñerse "feo", polo medio do brezo, por enriba del, ou mesmo por baixada de regatos secos. Nalgúns tramos, intúo por onde vai. Grazas a deus, levo bastóns e falta que fan. 

Volvo a coincidir, de novo, cos equipos mixtos durante uns bos quilómetros, ata que collo uns centros de metros no Pico de la Rasa. Os bloques de granito, fan que me alegre, como se estivese na costa galega. Comecei a saltar de pedra en pedra, co asombro do resto de corredores que ía adiantando. Algúns, os mallorquíns, decidiron pisar onde eu o facía. Despois desa montaña de pedra, comezamos a pisar non sabemos onde. Buratos, auga, toperas ... pero pouco a pouco íamos indo. Levo a pranta dos pés reventadas. Ata que chegando ao final, vexo un corpo que recoñezo, era José Angel que, pensando que me levaría sobre 45 min, chego a él abraiado. O percorrido era bastante técnico para él e o corpo pedíalle calma. Fomos xuntos ata pasado o avituallamento 3 (km 24,7). Pouco antes, adiantounos coma lóstregos o equipo mixto de Trigueros. E antes de chegar a meta, rompo o bastón, nunha baixada de locos fora de sendeiro (como case toda a etapa). Chegando a meta, no llaneo e faltando menos de 3km, José Angel colle unha lixeira vantaxe para entrar en meta diante miña.

meta 2ª etapa: corredores de 3 etapas e 2 etapas


Uns minutos despois chego eu, moi cansado, pero moi satisfeito coa carreira de hoxe. Todo vai segundo o pensado. 






Ao finalizar, vexo que teño unha gran boza no talón esquerdo, producto do técnico que foi a etapa e o non estar acostumbrado a este tipo de chan. Aquí comeza unha serie de mensaxes cos amigos traileros para buscar a mellor solución. 

Na xeral, vexo que houbo un retirado dos que ía diante miña e que lle meto máis minutos ao veterano que me persigue (Unai Biain), polo que agora só toca rematar a faena e finalizar mañá a carreira, controlando de non mancarse. Tería que recortarme 20 minutos en 20 quilómetros e, tal como me atopo, creo que debería ser imposible, pero nesto das carreiras, hai que ter moito coidado.

Como o que podo, hidrátome e comezamos coa recuperación muscular e buscando o mellor para ese talón. 
Ao final decido, reventar a bocha e deixar que drene toda a noite.
Durmo ben, estou canso. Levántome cedo e comezo a facer a cura. Parece que non está mal. Coloco pel sintética e por enriba, un esparadrapo plegable e axustable. Almorzo e para a liña de saída. 
Jorge déixame os bastóns seus, que os agradezo. Parece que podo pisar ben, pero nas baixadas vou a sufrir. Así que a estratexia será, correr en llano, subir andando rápido apoiado aos bastóns e baixar sen mancarse. 
E alá fomos.

ETAPA 3:
As pernas xa piden papas e os aduptores tamén. Aínda así, estou convencido de facelo ben e que non perderei a cabeza nesta última etapa. 
Na saída atopamos a María Martínez Medina, que participaba na etapa de hoxe e a Chechu Penas, co que compartimos uns bos minutos. 


A saída darase dende Salamón, para subir ao Pico Gilbo e descender cara Riaño, onde está a meta.
A saída xa pica cara arriba polo que mo tomo con calma. Hoxe do que se trata é de chegar. E todo o que se sube, hai que baixalo, e aí estaba o problema. Parecía que ía rompendo ovos, adiantávanme por canto sítio había pero na miña mente estaba só, non facerme máis dano no talón e chegar á meta. O camiño comezaba a poñerse horizontal e aí podía correr, e así o fixen. Un ritmo de trote agradable que facía que todo o que me adiantara baixando, fose voltando para atrás. E cando me din conta, xa estábamos subindo unha das primeras cotas importantes do día, que nada tiña que ver co de días anteriores. E ese ritmo vivo, andando, fai que vaia recuperando posicións e vexo que vou collendo incomprensiblemente a corredores que estaban por diante na clasificición xeral, ou preto miña. Parece que as molestias e feridas son para todos e non só para min. A baixada desta cota é fácil pero para min é perigosa. Vou baixando de puntillas e iso fai que se me vaian cargando outros músculos das pernas, polo que vou controlando o tema. Conmigo ven Jorge Rente que se pon de cháchara con canta persoa pasa. E así foi durante uns bos quilómetros. 

E cando me dou conta, xa estamos no único avituallamento do día (km 14), queda a temida subida ao Pico Gilbo e a súa baixada que é para min o perigoso. E sorpresa de min, vou por diante dos equipos mixtos (que sería o meu ritmo) e diante incluso de Andreu Borrás, que ía diante miña na clasificación xeral. Por un momento, pensei en forzar a máquina para intentar subir un posto, cousa que estaba bastante complicado, xa que me levaba máis de 6 minutos. 

Non tardou él en atacarme pero deixeino ir.
Despois duns quilómetros, e comezando a subir o Gilbo, vexo que se me acerca un corredor por detrás, que non era outro que outra vez Andreu que se perdera nun cruce. Aínda que lle invitei a pasar, non o fixo e xa vin eu que o que quería xa era chegar a meta sen complicacións. E aí estábamos, subindo o Gilbo e facendo cu
me. Xa só tocaba baixalo con precaución e cruzar a mítica ponte de Riaño e chegar a meta. 

Na baixada levei un susto, un gran susto, case me despeño despois de tropezar cunha pedra. Aínda que ía andando, os reflexos salváronme dunha caída que podía ser mortal (sí, así o quero deixar escrito). Despois duns segundo parado polo susto e no cal tamén se parou Andreu, continuamos a baixada que cada vez se facía máis amable. Xa nun precioso sendeiro, atopo a Pablo Negro que me faría un pequeno video baixando de puntillas. Grazas fenónemo.

E pouco a pouco vou restando metro á etapa e como aínda había gasolina, pois seguín moi ao límite, ata que tamén atrapamos a Toni Coll, que estaba de 3º na xeral. 

E chegamos ao llano e aquí póñome a velocidade cruceiro ata meta. A unha media entre 4:45 e 5:15 ata meta, vou deixando pouco a pouco a Andreu e a Toni. Claro que en tan pouco percorrido, pouco poido restar ao tempo que me levan, pero gústame chegar forte a meta sempre que podo.
 
Subimos as escaleiras e aquí finaliza a carreira. Conseguimos con creces o obxectivo co que chegábamos. 



meta 3ª etapa

 
CLASIFICACIÓN XERAL




podium veterano masculino x3 etapas


galega e galegos con "chapa"






jueves, 12 de marzo de 2020

Trail Polas Cabeceiras do Anllóns (08-03-20)

Día de penurias con
resultados favorables


Bastante cedo se houbo que levantar para ir correr a tan preto da casa.

Compartimos coche que tampouco temos que andar gastando e contaminando en exceso. Pois aló fomos, dende o parque de bombeiros e nun só vehículo, Martín Pardo, Roberto Vázquez, Pablo Mella e máis eu. Non paramos de falar para os escasos vinte minutos que nos durou a viaxe. Dorsais, cafés, saúdos, baño, cambiarse de roupa e para a saída.

O trail (31km) semellaba rápido para os 1300m+ que saldrían.

SAÍDA:

Saíuse amodo (cousa rara) e despois de estirar o pelotón polas rúas da Laracha, a entrada nos camiños xa foi máis tranquila.

Aos 3 quilómetros (si, en galego é con"q", non é un erro gramatical) xa se identificaba o grupo dianteiro do resto, polo que fun a rebufo que aínda quedaba moita carreira. 

Foi polo Qm5.5 nunha baixada moi resbaladiza, onde por dúas veces non me vou de cus, pero na última, sinto como o isquio dereito ten gañas de darme un tirón, polo que baixo con máis "delicadeza". Aquí dou conta de Cesar Rodríguez Ventureira, do Running Arteixo que deixarei definitivamente nas primeiras ramplas do cortalumes.

Aquí podemos calcularnos as distancias que nos levamos, sobre todo os do grupo de cabeza, posto que o resto do pelotón xa viaxaba máis lonxe. 

Por diante, David Alonso, Roberto Tuñas e Roberto Vázquez ían moi xuntos, cuns metros de distancia con respecto a Marcos Trelles e este outros tantos multiplicado por dous con respecto a min. 

Claro que as distancias enganan e cando saín do avituallamento 1, a cabeza levábame a recta toda de pista (1Qm). 

Aínda que non baixo ben, no lugar de Seixo, levo diante a poucos metros a Roberto Vázquez e a Trelles. Saltando un pequeno balado, en vez de pisar enriba del, a perna pasa para o outro lado, co conseguinte golpe contra as pedras do balado ca perna atrasada. Un golpe tan tan intenso que me mareo por un intre. Sigo andando e coxeando, pensando na retirada pero, "aquí non me van vir buscar" e continúo pouco a pouco ata que son capaz de trotar de novo. O ritmo é baixo e a dor intensa. A ferida comeza a sangrar. Vexo unha boa "rajada". Pouco a pouco voume mentalizando en, "se a dor non vai a máis, remato igual que non viñemos a Laracha para retirarnos".

Foi en Vilanova cando, ao cruzar a estrada, vexo a todo o grupo dianteiro compacto e que baixaran o ritmo (porque eu non o puiden subir). Foi un visto e non visto. A viaxe facíaa só ata que voltou a carreira a porse costa arriba, subindo ao Mirador de Santa Marta, onde volvo a enchufarme ao grupo, poñéndome incluso á par de Trelles e a poucos metros dos tres mosqueteiros. Chegados arriba, está o avituallamento 2, no que pido un vaso de auga que tomo de golpe. Está fría, moi fría. Tanto que aos poucos minutos noto que o estómago se me revolve de tal forma que un quilómetro máis tarde teño que parar porque algo se producira na parte traseira do meu corpo. Menos mal que levo sempre papel hixiénico. Aquí xa perdín toda esperanza de loitar por algún caixón do podium xeral. Na miña vida me pasara tal cousa. 

Continuei como puiden e dende ese Qm16 ata o 26, levei unha cantareira producida polo  meu estómago. Nin podía comer nin beber e só estaba desexando que isto rematase. 

Pasei o último avituallamento en San Cristovo, onde non parei. Comezaba a sentirme un pouco mellor. Non ollaba participantes nin por diante nin por detrás
.

Á cabeza venme o rápido que deben ir os de diante, posto que o circuíto dábase para iso. 

Foi polo Qm26, no último anaco de desnivel que quedaba para chegar a meta cando vexo de novo a Marcos Trelles ao fondo. Pouco a pouco voume achegando a él ... ata que mira para atrás e me ve (estaba a 40 metros del). Non tardou o percorrido en poñerse cara abaixo e foi coma se o comese a terra. Non se volveu saber máis del. 

En nada estábamos enlazados os do percorrido curto e o longo. Isto fai que me anime e aumente o ritmo e os ánimos que dan as e os participantes fan que dea un pouco máis. Pouco antes de cruzar o río, recordo que me dou un subidón de la virgen e pouco máis fago unha desfeita no paso do río (perdoádeme as e os que alí estabades). Saín do río fresco coma unha troita recén pescada e con moitas ansias de chegar a meta. Aínda tiña esperanzas de que algún de diante "reventase", pero non foi así. 


Chegamos a META por fin.

Visita ao baño, falar un pouco (gustaríame máis), ducha en auga quente (que se agradece moito) e visita á ambulancia para mirar ese corte na tibia. Desinfectar ben e unha grapa que levo de agasallo.

A partir de aquí, marchamos para o comida do día de Patrón de Bombeiros que ben a merecía, aínda que o estómago estaba máis revolto que o mar nun día de temporal. 

Curas no hospital para 7 días. 





CONCLUSIÓNS:
Non viña eu moi motivado. A noite paseina mal e parecía que me custaba levar un ritmo óptimo.

Finalmente o grupo de cabeza non foi moi forte, pero as desgracias varias fixeron que non se poidese facer máis, que creo que podería.

Un quinto posto na xeral e un 1º posto en veteráns A non está nada mal.


MATERIAL EN CARREIRA:
- Pantalón e camiseta:  salomon S-LAB
- Zapatillas:                 salomon S-LAB ultra 2
- Calcetíns:                  lurbel
- Outros:                      tubular de obsequio da carreira


COMIDA E BEBIDA:
- Isotónico:                1 soft de Tailwild cola
- Xeles:                      1 amix cafeína
                                    
- Avituallamentos:      1+1 vasos de auga












quito

viernes, 21 de febrero de 2020

Maratón do Castelo (Quiroga) 15-02-2020

Voltamos á festa do trail galego en Quiroga


Coa carreira metida na cabeza dende había semanas, xa que era a primeira do ano e comezaba a atoparme ben, por non dicir moi ben, estaba desexando que chegase o día. 

Cunha accidentada última semana, achégome a Quiroga grazas a David Alonso, un xoven trailero que promete chegar alto. 

Recollida de dorsais, cea con Pablo Mella, Diego Couto, Martín Pardo e para a camper deste último durmir. Antes, preparar a equipación para ter todo listo ao levantarse.

Durmín moi a gusto e almorzamos en hora (cousa rara). O día prestábase en canto ao tempo, non facía moito frío, pero sí me inquietaba unhas molestias que traía dende onte (venres) no biceps femoral. Xa nesta noite pasada estaba a darlle voltas cómo me podía afectar e cal sería a estratexia a levar. 

Xa na liña de saída, e vendo ao persoal, decido retirarme a un segundo plano e levar un ritmo constante que oscilaría entre os 7:00 e 6:50/km. 


SAÍDA:

Coa mente no que quería facer, vexo como co asubío da saída pásanme corredoras e corredores por todos os lado. Cando entramos na primeira costa arriba, levaría máis de 100 participantes diante miña. Claro que, logo se poñen a andar e comeza a facerse tapón. Este último non o esperaba tan grande, pero unha vez en pista ancha, todo volve ao seu sitio.

Continúo "trotón" e mesmo coincido co meu compañeiro Roberto Vázquez e Victor Maneiro. Pasado o avituallamento 1, no que non paro, vou progresando pasiño a pasiño. Antes de chegar ao alto da Torca, atopo a varios corredores do ultra que ían ao seu. Comezamos a baixada cara Outeiro e atópome con David Alonso, que o daba por cabeza de carreira. Parece que os primeiros levan un ritmo demasiado alto e decidiu baixar cómodo. Chegamos xuntos ao avituallamento de Outeiro, do que saiu antes, pero que en nada o volvín a coller. O ritmo que eu levaba non era o que él quería, polo que andivemos intercambiando as posicións durante quilómetros, dependendo de cara onde tirase o camiño. Creo recordar que ante de Rugando adiantamos a un corredor, non estou xa moi seguro.




Chego ao avituallamento de Rugando diante del e decido non parar (posiblemente foi un erro), continúo ao meu e ritmo e entre este avituallamento e o de Paradaseca, quito de diante a 2 corredores. Alguén me dí que vou terceiro. 


Pouco antes do avituallamento de Paradaseca, comezo andar un pouco, para descansar e coller folgos. Paro para comer algo e coller auga, continúo, non queda moito, pero queda bastante ajjaaj. 
Quedaban 5 Km, case todos de baixada, comezo ben, pero pouco a pouco os cuadriceps comezan a resentirse e non baixo cómodo, tanto que o ritmo comeza a baixar.


Pasamos O Castelo e continuamos, non queda prácticamente nada, xa se ve Quiroga ao fondo e o camiño ábrese para entrar nunha pista, moi preto no bucle de volta (o que se repite da saída) e escoito un "Que tal Quito", coñooo, cando miro para atrás, aí estaba David Alonso, todo pancho e case sen despeinarse. Colleume de sorpresa, cando xa estaba saboreando o 3º posto da xeral. Pois nada, vaille dando. Dende aquí, a miña inquietude xa eran os que viñan por detrás, por si acaso traía sorpresa, mentres vía cómo David ía collendo pouco a pouco distancia. Por fin comezo a ver a gasoliñeira e era tempo de volver a mirar atrás, non fora ser, pero non, non se aveciñaba ninguén e así foi como por fin vexo a tan ansiada meta. 



O resto creo que xa non importa, porque todos o sabemos, aproveitar o avituallamento de meta, ducha, charlar, podium e comer. Si, comer ás 17:15 horas da tarde, antes non quería entrar a comida (quizáis outro erro), pero a carreira xa rematara. 



CONCLUSIÓNS:
Contento porque a estratexia funcionou á perfección, baixando en 7 minutos o tempo do ano pasado.
O de quedar sen ese 3º posto, unha anécdota máis, posto que algún ano me saiu ben a min e outros non tan ben. 

MATERIAL EN CARREIRA:
- Pantalón e camiseta:  salomon S-LAB
- Zapatillas:                 salomon S-LAB ultra 2
- Calcetíns:                  recordo do Trail das Bestas (erro)
- Mochila:                    salomon sense ultra 5

                                  * levei 4 softs, 2 cheos de isotónico + 2 con polvos isotónicos que
                                         enchín en Outeiro (mellorable esto)

COMIDA E BEBIDA:
- Isotónico:                Tailwild cola (4 softs)
- Xeles:                      1 overstim-s anti oxydant (verde)
                                 1 energy up caffeine 
                                     * levei máis xeles, o cal inclúe máis peso
- Avituallamentos:      (2) plátano, améndoas, patacas, spetec
                                (4) plátano, laranxa, frutos secos


podium veteranxs A





Quito

jueves, 7 de noviembre de 2019

Trail das Bestas -03-11-2019-

A Escocia galega
fíxose dura

A ver se non me espallo demasiado.

Alí aparecemos o domingo á mañanciña, na área recreativa A Veiga no concello de Muras. Un día de inverno, con choiva, vento e neboa. 

O maratón da SalomonUltraPirineu debería ser a última carreira do ano, pero xurdiu a posibilidade de ir ao Trail das Bestas a alí estabamos. 

A semana que remataba non foi moi propicia para esto do deporte. Un curso de formación intenso, unido aos ricos xantares e ceas, pouco descanso nocturno e a falta de activación e adestramento fixo que non chegase nas condicións que me gustaría. Na cabeza andaban dúas posibilidades, 1) un plantexamento conservador para dar todo nos últimos 7 km e, 2) o corpo podía estar para 30km. Xa vedes que son contrapostos por completo.

Bueno. Café ás presas, cambiarse e coller dorsal. Xa é hora da saída e para non aburrirvos moito, vou intentar ser breve.

A choiva está facendo acto de presencia, polo que o spiker invítame a que sexa eu o que saque o gando de debaixo da carpa. Aló vou de valente. 10, 9, 8, ..., 3, 2, 1 arrancamos. Como me atopo diante de todo, saio cómodo. Nas primeiras rampas xa se pon en cabeza o "Rei do monte galego", o barbas non tarda en impor o seu ritmo. Tras del varios kamikazes, pola miña cabeza pasaba o de sempre ... "isto está comezando, tranquiliño Quitiño que xa verás como van caendo". 




Efectivamente, polo km 5 cada un xa está no lugar que lle toca polo ritmo que leva. Arca ao seu, un trío moi fortes perseguíndoo (Iván Barreiro, Edgar Franco e Iván Redondo) e a continuación a grupeta na que vou con David Eiroa, Pernas, David Alonso, Victor Dominguez, Pablo Conde, Aitor Franco, Álvaro Iglesias, entre outros. 



Polo de agora, todo vai sobre rodas, en liñas xerais levaba na cabeza levar un ritmo cómodo e a partir do km 30 darlle candela ao corpo, pero ...

Retorzo o nocello tres veces (que recorde), paro mexar unha vez e logo outra. Isto non é normal. Non atopo o ritmo dende o primeiro momento pero aínda así estou diante.




Pouco a pouco vou poñéndome nos postos dianteiros (3º, 4º, 5º e 6º). Vai caendo xente do grupo ata atoparme un bo anaco con David Alonso, Eiroa e Iván Redondo. Cae do grupo Eiroa e súmase Iván Barreiro que ía por diante. Polo km 25 atopo un ritmo bo xunto con Iván Redondo, deixando uns metros por detrás a Iván Barreiro e no que comeza a escaparse por diante David Alonso que vai moi cómodo. Por unha vez penso no 3º ou 4º posto, pero aquí comeza o erro.

Comezo a pensar na carreira cos outros corredores en vez de pensar na miña carreira. Está claro que houbo un desgaste neste punto, no que David Alonso se escapaba por diante, Iván Barreiro se quedaba e Iván Redondo aguantaba. E isto qué fixo? pois que chegara ao km 30 e dixera "ata aquí cheguei". Nese intre ía con Iván Redondo que, logo dunha breve conversa, tira para adiante ao que se une Iván Barreiro. Se quero chegar a meta teño que baixar o ritmo e xa o corpo ía completamente roto, así que bye bye e esperamos que ese pouco ritmo nos vaia levando. E así foi, a duras penas chego a meta. 7 km nos que non me adianta ninguén para sorpresa miña. Entro en meta na 6ª posición, branco coma o leite e co corpo roto completamente. Había tempo que non chegaba tan destrozado.


Logo, o mellor de toda a carreira, a postcarreira (aquí si que non sufrimos). Conversar, xuntarse cos coñecidos e coñecidas e atopar xente nova con quen falar. Este é o espiritu trail. 
Callos, larpeira, cervexa e moita lingua.



Comida de carreira:

Durante as 3 horas 42 minutos de carreira, metinlle:
 - 4 bidóns de isotónico
 - 4 xeles overstims
 - 1 xel victory endurance
 - Un cuarto de laranxa





Para reflexionar:
Unha 6ª posición e grazas, puido ser pior. Aínda que poida ser unha boa posición, creo que debería estar máis arriba, por iso me queda unha sensación agridoce que me fai reflexionar. 

Non chegábamos xa no mellor momento nin estábamos preparados para esta carreira. O cansancio acumulado da tempada, a última semana de curso, non adestrar, non durmir e non comer adecuadamente, deron como froito esta carreira. 

A decisión dende o día de hoxe que estou a escribir esta crónica é que non se compite máis nesta tempada. Descansaremos unhas semanas e miraremos as carreiras do ano que ven.

Temos todo novembro para desfrutar do monte cos amigos e amigas. Quizáis unhas saídas grupais non nos fan nada mal.










lunes, 14 de octubre de 2019

Trail SalomonUltraPirineu 2019 (56km - 2800m+) 05-10-2019


A Salomon Ultra Pirineu chama a atención dende o primeiro momento que escoitas falar dela e da publicidade que ten por detrás. Estos cataláns saben enganchar e saben vender. 

A viaxe comezou xa hai meses e os compañeiros/a que levaba déronme todo feito. JabyRubio, Valen e Moss foron os mestres de ceremonias desta viaxe. Dende o primeiro momento fixemos boa piña e as risas e anécdotas non pararon de sair.

Con 2 días de antelación saímos cara aló. Aclimatarnos aos 1000 metros nos que está situado Bellver de la Cernadya, unha vila preciosa na que o máis pobre da aldea debe ser o máis rico da comarca. Paisaxe de montaña por todos os costados. Dicir que chegar do aeroporto de Barcelona ata esta vila tivemos que sacar a carteira varias veces, algo así como cando estás de borracheira e todos queren pagar e ao final tes que tomar tantas consumicións coma xente hai na cuadrilla. Pois iso, xa non sei se foron 4 ou 5 peaxes, que ven sendo uns 30 euros

As anécdotas foron moitas, así que non me lío.

Venres á tarde, recollida de dorsais e "mercadillo" do corredor en Bagá, centro neurálxico da carreira e ónde comezaban e finalizaban as probas raíñas da Ultra e da Sky. Aquí quedamos con dous grandes corredores como son Esther e Iván Redondo (PakitaTrail ou Os Pakitos, como lle chaman algúns). Pasamos unha tarde estupenda pero a carreira comezaba moi cedo e había que arrancar para Bellver, cear á hora do bocadillo e meterse na cama á hora da cea, non sen antes preparar mochila e material para a carreira. A saída do trail dábase ás 6 da mañá, co cal sobre as 5:15 horas queríamos estar na saída e polo tanto había que levantarse ás 4:00 para almorzar e pasar polo WC.

O planning foi levado a raxatabla. Ás 5:15 xa estabamos na liña de saída. O que escribe levaba "dorsal amateur-PRO" (cágate lorito) que ven sendo algo así como dorsal preferente e podía sair no caixón dianteiro (esto debíase a que tomaban como referencia determinados puntos ITRA). O resto do equipo pasou á zona "dos comunes", zona á que me fun eu tamén durante un bo anaco antes da saída, aburrido de estar case só debaixo do arco de saída. 

Os nervios palpábanse entre as corredoras (moitísimas) e corredores. 

A CARREIRA:
Sitúome na liña de saída, xusto ao lado de Tofol Castañer (un dos claros favoritos e pertencente ao equipo Salomon Spain) e seguidamente de Oihana Cortazar (favorita feminina). Por alí tamén andaba Samuel Dávila (Inverse) e André Rodrigues (Prozis). Todos/a coñecidos das revistas de trail e das redes sociais e claros favoritos que, a posteriori así foi. 

O sair diante nestas carreiras é importante, máis que nada para adaptar o ritmo e ter menos posibilidades de caer pola multitude. Pero non pasaron dous quilómetros (nunha estrada asfaltada e ancha para sair da vila de Bellver) cando comezaron a pasarme por ambos lados xente coma foguetes. Eu ía a un ritmo de 5:10-5:30 e non daba crédito. Así foi que cando veu a primeira pendente esa xente xa ía andando en zonas que aínda se podía correr. E claro, entre tanta multitude de xente é máis difícil adiantar (935 inscritos). E non só iso, por estos lares, é moi raro que te deixen adiantar aínda que leves mellor ritmo, senón que "te buscas a vida" para adiantar. Non me preocupou moito esta situación, posto que tiña a estratexia clara dende había días (continúa máis abaixo).

A ESTRATEXIA:
Dividín a carreira en 3 partes:
1.- Dende a saída ata o punto máis alto da carreira, aló polo km18 ou incluso ata o avituallamento 2 (km24). Obxectivo: 3 horas. Non mancarse nas baixadas e tomalo con tranquilidade pero sen perder moitas posicións. 

2.- Iría dende o avit2 ata o avit4 (km 44). Nesta parte da carreira tiña previsto aguantar un ritmo constante sen sufrir e ir consumindo km pensando na última parte.

3.- Iría dende o km44 ata meta (km56). Aquí era onde comezaba a carreira para mín. Tiña que chegar con pernas suficientes para facer un trail rápido de 12km, sabedor que, a partir dese km44 non todo o mundo é consciente de que falta aínda moita carreira e é onde sufre. 

CONTINUAMOS COA CARREIRA:
A partir do km4 cando comezan as primeiras costas, comezo a adiantar de forma constante e sen forzar a unha cantidade de corredores e corredoras, sempre que o terreo mo permite. Xusto pasado o Mirador de Cap del Ras, onde se anchéa de novo a carreira ao entrar nunha pista, a distancia co grupo que nos precede é grande. No meu mini grupo imos un inglés, un francés, eu (un galego) e ... bueno, que non é un chiste vamos, e un pouco máis atrás varios corredores máis. Nun punto aparecen balizas por dous lados, unhas que tiran máis adiante cara abaixo e outras á esquerda que tiran un pouco cara arriba. O inglés colle cara a esquerda preguntando algo (eu "nin papa" do que dí, pero sigo tras del, e o francés fai o mesmo. Máis atrás vemos que o grupo perseguidor tamén nos sigue, así que decido meterme diante e impor o meu ritmo. 

Non as teño todas conmigo e pregunto si realmente é por aquí, o cal o inglés "balbucea" algo e o francés tamén se pregunta o mesmo ca min. Non tardamos en quedar sós. O grupo de atrás debeu dar volta. Nun cruce vexo unha sinal por atrás. Paro e vexo que está indicando en sentido contrario, polo que estamos nun track equivocado. Damos volta a fume de carozo. Eu paro a facer as primeiras necesidades de carreira. Ao chegar ao punto problemático vexo que está un voluntario e que puxera unha sinal de "X". Bueno, xa era tarde. Non sei nin o que perdín, nin a cantidade de xente que me volveu a adiantar. Incluso pensei en ver aos meus compañeiros Valen e JabyRubio. Aproveito a adiantar coma un "foghete" pola pista abaixo e chego por fin ao primeiro avituallamento. Estaba no km10 e eu xa estaba con 12 e pico. Bueno, encho de auga e para adiante. A cantidade de xente que había no avituallamento xa me dicía que estaba bastante atrás. 

Viña agora unha das partes máis temidas da carreira, uns 11km con 1164m+ e chegando aos 2500 de altura. Sigo adiantando postos e comeza a facerse de día. Chegado a un collado, podemos ver o amencer xa por enriba das nubes. Unha preciosidade de vista. O camiño faise perigoso por momentos e xusto ao chegar aos 2000m+ sufro unha especie de mareo espontáneo, polo que decido andar despaciño na subida. En canto se pon horizontal o sendeiro comezo de novo a trotar. E así chegamos á cima e comezamos o descenso, moi rápido por certo e perigoso por momentos. Cando me dou conta xa estou no avituallamento 2 (Agulló).  Encho de auga, un anaco de laranxa, outro de plátano e unha presa de cacahuetes. Un avituallamento rápido e saímos del por unha pista ancha. A carreira vai moi estirada, pero sempre tendo unha referencia por diante. Pouco a pouco vou clavando obxectivos e vanse cumprindo. 

Baixando polo km30 e indo nun grupo de 4 corredores, un deles tropeza e dá coa cabeza contra unha pedra. Queda medio "liló" axudámoslle a incorporarse e facémoslle unha valoración. Dóelle a cabeza polo lado dereito, mais ten un corno no lado esquerdo. Quéixase do cóbado esquerdo, máis ten o hombro dese lado completamente magullado. Decide seguir e aos 20 metros volve caer. Parece que anda medio aturdido, continuamos andando un pouco ata que o compañeiro decide que se queda con él e nós continuamos a baixada. 

Pouco antes de chegar ao avit3 (Estana), unha corredora cae de bruces no bosque. Axúdolle a incorporarse e ver cómo está. Nun principio dime que ben e que continúe, ata que a vexo chorar. Volvo a querer axudala pero cun berro vótame dalí a fume de carozo (tiña xenio carallo). 

Saímos do avit. de Estana. Parece que imos un gran número de corredores xuntos. Creo que levan mellor ritmo ca min por eso me collen e me pasan no avituallamento, mais en carrreira non vexo que ninguén me adiante. 

Comezo a baixada cara Martinet (avit4), nalgunhas zonas algo rota e noutras podendo voar. 

Aquí sí comezan a adiantarme varios corredores. Ao chegar ao avituallamento, vexo que deben ser da zona, posto que coñecen a moita xente que alí se congrega. Saímos do avit. rápido, queda o último empurrón e o que en teoría debía explotar o que me quedase dentro. Saio trotón, aínda con tranquilidade, comendo e bebendo o plantexado. Nunha destas, tropezo e voume cun xeonllo a unha pedra. Aínda que é doloroso e vou coxeando un bo anaco, consigo recuperar e recuperar ao corredor que perseguía, polo que soamente foi un susto. 

"Os da comarca" adiántanme con facilidade no terreo á beira do río, terreo prácticamente chan. Van a bo ritmo. 

Polo km46, e despois de parar de novo por unha pedra na zapatilla, decido votarlle o último xel e comezar a marcar un punto máis no ritmo que levaba. Parece que da resultado. Cando o perfil se pon en positivo, vou acercándome aos corredores de diante. Comezo a coller ao "miuras" da comarca que, despois de sair da civilización e meterse no bosque costa arriba, parece que flaquean. Polo km50 do caza ao francés que se confundira comigo aló polo km9 (logo falo del) e pouco a pouco vou avanzando nos postos. Unha forte subida antes do avit5 (Nas) favoréceme e adiante a 3 dun tiro, simplemente andando.

Avit5 (Nas), 5km para meta. Encho medio litro de auga e poño o "modo automático". Comezo a pensar no estilo da zancada e ela soa vai collendo o ritmo desexado. Nótome rápido, aínda que un cuadriceps avísame de posibles calambres. Vou estable pero sen baixar o pistón. Sigo adiantando aos da "comarca" e algún máis que vai reventado. Comeza a baixada cara Bellver e aínda me da tempo de pasar á que sería 2ª feminina absoluta, a xermana Kerstin Engelmann-Pilger que vai rota pero que lle quedan pouco menos de 3km. Xa se ve ao fondo a meta, e tamén 2 corredores máis aos que poño por obxectivo. Collo a un deles que xa non pode máis e o outro dase conta de que veño e da todo o que pode por chegar a meta. Acaba exhausto. 

Agora chego eu. Feliz coma unha perdíz e pensando que fixen unha moi boa carreira.

Hidrátome e saúdo aos corredores que alí estaban. Recibo felicitacións de varios deles que me felicitan polo último tramo. Sospeito que son os que adiantei despois do avit. de Martinet (o da comarca).

CHEGA O POST-META:
Despois de tirarme no céspede que invitaba a elo e debaixo dunha árbore que daba unha boa sombra é cando collo o teléfono e vexo infinidade de whatsapps, messenger, tuíteres, ... dando a noraboa pola carreira. Parece que a xente estivo seguindo a carreira. Eso gústame. 

É pois cando vou mirar a clasificación e non dou entrado na aplicación nin na web. Decido preguntar a estas e estos amigos e dinme que quedei no top20 e 5º veterano. Non mo creo e decido preguntar a máis que me confirman o dito. Súbeseme polo corpo un escalofrío que me fai sentir moi ben e orgulloso da carreira. Nin mo imaxinaba. 

O whatsapp tamén me sirve para poñerme en contacto cos meus compañeiros e compañeira de fatigas. Javi e Valen preguntan cómo é o percorrido que lles queda. Van ben, tanto que ao final clavaron o tempo que tiñan previsto. Esperei por eles no avituallamento de meta, onde conversei con moitos atletas chegados de todas as partes do mundo. 

Chegan Valen e Javi e despois de que comesen algo e se hidratasen, agora sí, imos ducharnos e tomar as cervexas da recompensa. Temos que esperar a Moss e darlle un bo recibimento. E así foi, voltamos á meta e alí compinchámonos co spiker que lle deu unha entrada triunfal. Despois viñeron as conversas e fotos con Tofol Castañer e claro está, despois viñeron máis cervexas e cea, todo relacionado coa maravillosa experiencia desta SalomonUltraPirineu2019.


O FRANCÉS:
Fago unha mención especial porque él (o corredor francés) foi un dos que se "equivocou" comigo no km9 collendo o trazado da ultra. Dende aí, fomos coincidindo en carreira e compartindo algún quilómetro (máis ben moitos quilómetros).

Sempre era eu o que o collía e adiantaba en moitas ocasións, e él adiantábame nos avituallamentos, cando eu paraba por algunha pedra na zapatilla, cando paraba abonar a terra e esas cousas ... Tiven que ser un pesadelo para él.

Tal foi a nosa atracción que pensei que estábamos abonados a rematar xuntos, pero houbo un punto de inflexión, o km49-50 onde, cando mirei para atrás non o vín e xa decidín non esperar por él. Era tamén de dorsal amateur-PRO, Mathieu Leclercq. Nunca pensei en rematar diante del. Levaba sempre un ritmo constante, tanto nas subidas como nas baixadas, parecía un corredor experimentado nestas carreiras.

CONCLUSIÓN DA CARREIRA:
Carreira moi rápida. Notei a altura a partir dos 2000m+, cun lixeiro mareo durante uns minutos. 

O de adestrar a ras do mar non axuda moito. Levaba ben plantexada a carreira así como a comida e bebida.

A balizaxe quizáis me sorprendeu polo distanciadas das balizas e nalgún caso custaba ver. 

A saída moi chula pero quizáis a meta algo descafeinada, ao estar apartada da vila e non sentir esa "euforia" de chegada con xente ao redor, como puido ser en Bagá (creo)






MATERIAL EN CARREIRA:
Zapatillas: Salomon S-Lab ultra 2
Camiseta e pantalón: Salomon S-Lab
Mochila: Salomon sense ultra 5
Calcetins: Kalenji