jueves, 12 de marzo de 2020

Trail Polas Cabeceiras do Anllóns (08-03-20)

Día de penurias con
resultados favorables


Bastante cedo se houbo que levantar para ir correr a tan preto da casa.

Compartimos coche que tampouco temos que andar gastando e contaminando en exceso. Pois aló fomos, dende o parque de bombeiros e nun só vehículo, Martín Pardo, Roberto Vázquez, Pablo Mella e máis eu. Non paramos de falar para os escasos vinte minutos que nos durou a viaxe. Dorsais, cafés, saúdos, baño, cambiarse de roupa e para a saída.

O trail (31km) semellaba rápido para os 1300m+ que saldrían.

SAÍDA:

Saíuse amodo (cousa rara) e despois de estirar o pelotón polas rúas da Laracha, a entrada nos camiños xa foi máis tranquila.

Aos 3 quilómetros (si, en galego é con"q", non é un erro gramatical) xa se identificaba o grupo dianteiro do resto, polo que fun a rebufo que aínda quedaba moita carreira. 

Foi polo Qm5.5 nunha baixada moi resbaladiza, onde por dúas veces non me vou de cus, pero na última, sinto como o isquio dereito ten gañas de darme un tirón, polo que baixo con máis "delicadeza". Aquí dou conta de Cesar Rodríguez Ventureira, do Running Arteixo que deixarei definitivamente nas primeiras ramplas do cortalumes.

Aquí podemos calcularnos as distancias que nos levamos, sobre todo os do grupo de cabeza, posto que o resto do pelotón xa viaxaba máis lonxe. 

Por diante, David Alonso, Roberto Tuñas e Roberto Vázquez ían moi xuntos, cuns metros de distancia con respecto a Marcos Trelles e este outros tantos multiplicado por dous con respecto a min. 

Claro que as distancias enganan e cando saín do avituallamento 1, a cabeza levábame a recta toda de pista (1Qm). 

Aínda que non baixo ben, no lugar de Seixo, levo diante a poucos metros a Roberto Vázquez e a Trelles. Saltando un pequeno balado, en vez de pisar enriba del, a perna pasa para o outro lado, co conseguinte golpe contra as pedras do balado ca perna atrasada. Un golpe tan tan intenso que me mareo por un intre. Sigo andando e coxeando, pensando na retirada pero, "aquí non me van vir buscar" e continúo pouco a pouco ata que son capaz de trotar de novo. O ritmo é baixo e a dor intensa. A ferida comeza a sangrar. Vexo unha boa "rajada". Pouco a pouco voume mentalizando en, "se a dor non vai a máis, remato igual que non viñemos a Laracha para retirarnos".

Foi en Vilanova cando, ao cruzar a estrada, vexo a todo o grupo dianteiro compacto e que baixaran o ritmo (porque eu non o puiden subir). Foi un visto e non visto. A viaxe facíaa só ata que voltou a carreira a porse costa arriba, subindo ao Mirador de Santa Marta, onde volvo a enchufarme ao grupo, poñéndome incluso á par de Trelles e a poucos metros dos tres mosqueteiros. Chegados arriba, está o avituallamento 2, no que pido un vaso de auga que tomo de golpe. Está fría, moi fría. Tanto que aos poucos minutos noto que o estómago se me revolve de tal forma que un quilómetro máis tarde teño que parar porque algo se producira na parte traseira do meu corpo. Menos mal que levo sempre papel hixiénico. Aquí xa perdín toda esperanza de loitar por algún caixón do podium xeral. Na miña vida me pasara tal cousa. 

Continuei como puiden e dende ese Qm16 ata o 26, levei unha cantareira producida polo  meu estómago. Nin podía comer nin beber e só estaba desexando que isto rematase. 

Pasei o último avituallamento en San Cristovo, onde non parei. Comezaba a sentirme un pouco mellor. Non ollaba participantes nin por diante nin por detrás
.

Á cabeza venme o rápido que deben ir os de diante, posto que o circuíto dábase para iso. 

Foi polo Qm26, no último anaco de desnivel que quedaba para chegar a meta cando vexo de novo a Marcos Trelles ao fondo. Pouco a pouco voume achegando a él ... ata que mira para atrás e me ve (estaba a 40 metros del). Non tardou o percorrido en poñerse cara abaixo e foi coma se o comese a terra. Non se volveu saber máis del. 

En nada estábamos enlazados os do percorrido curto e o longo. Isto fai que me anime e aumente o ritmo e os ánimos que dan as e os participantes fan que dea un pouco máis. Pouco antes de cruzar o río, recordo que me dou un subidón de la virgen e pouco máis fago unha desfeita no paso do río (perdoádeme as e os que alí estabades). Saín do río fresco coma unha troita recén pescada e con moitas ansias de chegar a meta. Aínda tiña esperanzas de que algún de diante "reventase", pero non foi así. 


Chegamos a META por fin.

Visita ao baño, falar un pouco (gustaríame máis), ducha en auga quente (que se agradece moito) e visita á ambulancia para mirar ese corte na tibia. Desinfectar ben e unha grapa que levo de agasallo.

A partir de aquí, marchamos para o comida do día de Patrón de Bombeiros que ben a merecía, aínda que o estómago estaba máis revolto que o mar nun día de temporal. 

Curas no hospital para 7 días. 





CONCLUSIÓNS:
Non viña eu moi motivado. A noite paseina mal e parecía que me custaba levar un ritmo óptimo.

Finalmente o grupo de cabeza non foi moi forte, pero as desgracias varias fixeron que non se poidese facer máis, que creo que podería.

Un quinto posto na xeral e un 1º posto en veteráns A non está nada mal.


MATERIAL EN CARREIRA:
- Pantalón e camiseta:  salomon S-LAB
- Zapatillas:                 salomon S-LAB ultra 2
- Calcetíns:                  lurbel
- Outros:                      tubular de obsequio da carreira


COMIDA E BEBIDA:
- Isotónico:                1 soft de Tailwild cola
- Xeles:                      1 amix cafeína
                                    
- Avituallamentos:      1+1 vasos de auga












quito

viernes, 21 de febrero de 2020

Maratón do Castelo (Quiroga) 15-02-2020

Voltamos á festa do trail galego en Quiroga


Coa carreira metida na cabeza dende había semanas, xa que era a primeira do ano e comezaba a atoparme ben, por non dicir moi ben, estaba desexando que chegase o día. 

Cunha accidentada última semana, achégome a Quiroga grazas a David Alonso, un xoven trailero que promete chegar alto. 

Recollida de dorsais, cea con Pablo Mella, Diego Couto, Martín Pardo e para a camper deste último durmir. Antes, preparar a equipación para ter todo listo ao levantarse.

Durmín moi a gusto e almorzamos en hora (cousa rara). O día prestábase en canto ao tempo, non facía moito frío, pero sí me inquietaba unhas molestias que traía dende onte (venres) no biceps femoral. Xa nesta noite pasada estaba a darlle voltas cómo me podía afectar e cal sería a estratexia a levar. 

Xa na liña de saída, e vendo ao persoal, decido retirarme a un segundo plano e levar un ritmo constante que oscilaría entre os 7:00 e 6:50/km. 


SAÍDA:

Coa mente no que quería facer, vexo como co asubío da saída pásanme corredoras e corredores por todos os lado. Cando entramos na primeira costa arriba, levaría máis de 100 participantes diante miña. Claro que, logo se poñen a andar e comeza a facerse tapón. Este último non o esperaba tan grande, pero unha vez en pista ancha, todo volve ao seu sitio.

Continúo "trotón" e mesmo coincido co meu compañeiro Roberto Vázquez e Victor Maneiro. Pasado o avituallamento 1, no que non paro, vou progresando pasiño a pasiño. Antes de chegar ao alto da Torca, atopo a varios corredores do ultra que ían ao seu. Comezamos a baixada cara Outeiro e atópome con David Alonso, que o daba por cabeza de carreira. Parece que os primeiros levan un ritmo demasiado alto e decidiu baixar cómodo. Chegamos xuntos ao avituallamento de Outeiro, do que saiu antes, pero que en nada o volvín a coller. O ritmo que eu levaba non era o que él quería, polo que andivemos intercambiando as posicións durante quilómetros, dependendo de cara onde tirase o camiño. Creo recordar que ante de Rugando adiantamos a un corredor, non estou xa moi seguro.




Chego ao avituallamento de Rugando diante del e decido non parar (posiblemente foi un erro), continúo ao meu e ritmo e entre este avituallamento e o de Paradaseca, quito de diante a 2 corredores. Alguén me dí que vou terceiro. 


Pouco antes do avituallamento de Paradaseca, comezo andar un pouco, para descansar e coller folgos. Paro para comer algo e coller auga, continúo, non queda moito, pero queda bastante ajjaaj. 
Quedaban 5 Km, case todos de baixada, comezo ben, pero pouco a pouco os cuadriceps comezan a resentirse e non baixo cómodo, tanto que o ritmo comeza a baixar.


Pasamos O Castelo e continuamos, non queda prácticamente nada, xa se ve Quiroga ao fondo e o camiño ábrese para entrar nunha pista, moi preto no bucle de volta (o que se repite da saída) e escoito un "Que tal Quito", coñooo, cando miro para atrás, aí estaba David Alonso, todo pancho e case sen despeinarse. Colleume de sorpresa, cando xa estaba saboreando o 3º posto da xeral. Pois nada, vaille dando. Dende aquí, a miña inquietude xa eran os que viñan por detrás, por si acaso traía sorpresa, mentres vía cómo David ía collendo pouco a pouco distancia. Por fin comezo a ver a gasoliñeira e era tempo de volver a mirar atrás, non fora ser, pero non, non se aveciñaba ninguén e así foi como por fin vexo a tan ansiada meta. 



O resto creo que xa non importa, porque todos o sabemos, aproveitar o avituallamento de meta, ducha, charlar, podium e comer. Si, comer ás 17:15 horas da tarde, antes non quería entrar a comida (quizáis outro erro), pero a carreira xa rematara. 



CONCLUSIÓNS:
Contento porque a estratexia funcionou á perfección, baixando en 7 minutos o tempo do ano pasado.
O de quedar sen ese 3º posto, unha anécdota máis, posto que algún ano me saiu ben a min e outros non tan ben. 

MATERIAL EN CARREIRA:
- Pantalón e camiseta:  salomon S-LAB
- Zapatillas:                 salomon S-LAB ultra 2
- Calcetíns:                  recordo do Trail das Bestas (erro)
- Mochila:                    salomon sense ultra 5

                                  * levei 4 softs, 2 cheos de isotónico + 2 con polvos isotónicos que
                                         enchín en Outeiro (mellorable esto)

COMIDA E BEBIDA:
- Isotónico:                Tailwild cola (4 softs)
- Xeles:                      1 overstim-s anti oxydant (verde)
                                 1 energy up caffeine 
                                     * levei máis xeles, o cal inclúe máis peso
- Avituallamentos:      (2) plátano, améndoas, patacas, spetec
                                (4) plátano, laranxa, frutos secos


podium veteranxs A





Quito

jueves, 7 de noviembre de 2019

Trail das Bestas -03-11-2019-

A Escocia galega
fíxose dura

A ver se non me espallo demasiado.

Alí aparecemos o domingo á mañanciña, na área recreativa A Veiga no concello de Muras. Un día de inverno, con choiva, vento e neboa. 

O maratón da SalomonUltraPirineu debería ser a última carreira do ano, pero xurdiu a posibilidade de ir ao Trail das Bestas a alí estabamos. 

A semana que remataba non foi moi propicia para esto do deporte. Un curso de formación intenso, unido aos ricos xantares e ceas, pouco descanso nocturno e a falta de activación e adestramento fixo que non chegase nas condicións que me gustaría. Na cabeza andaban dúas posibilidades, 1) un plantexamento conservador para dar todo nos últimos 7 km e, 2) o corpo podía estar para 30km. Xa vedes que son contrapostos por completo.

Bueno. Café ás presas, cambiarse e coller dorsal. Xa é hora da saída e para non aburrirvos moito, vou intentar ser breve.

A choiva está facendo acto de presencia, polo que o spiker invítame a que sexa eu o que saque o gando de debaixo da carpa. Aló vou de valente. 10, 9, 8, ..., 3, 2, 1 arrancamos. Como me atopo diante de todo, saio cómodo. Nas primeiras rampas xa se pon en cabeza o "Rei do monte galego", o barbas non tarda en impor o seu ritmo. Tras del varios kamikazes, pola miña cabeza pasaba o de sempre ... "isto está comezando, tranquiliño Quitiño que xa verás como van caendo". 




Efectivamente, polo km 5 cada un xa está no lugar que lle toca polo ritmo que leva. Arca ao seu, un trío moi fortes perseguíndoo (Iván Barreiro, Edgar Franco e Iván Redondo) e a continuación a grupeta na que vou con David Eiroa, Pernas, David Alonso, Victor Dominguez, Pablo Conde, Aitor Franco, Álvaro Iglesias, entre outros. 



Polo de agora, todo vai sobre rodas, en liñas xerais levaba na cabeza levar un ritmo cómodo e a partir do km 30 darlle candela ao corpo, pero ...

Retorzo o nocello tres veces (que recorde), paro mexar unha vez e logo outra. Isto non é normal. Non atopo o ritmo dende o primeiro momento pero aínda así estou diante.




Pouco a pouco vou poñéndome nos postos dianteiros (3º, 4º, 5º e 6º). Vai caendo xente do grupo ata atoparme un bo anaco con David Alonso, Eiroa e Iván Redondo. Cae do grupo Eiroa e súmase Iván Barreiro que ía por diante. Polo km 25 atopo un ritmo bo xunto con Iván Redondo, deixando uns metros por detrás a Iván Barreiro e no que comeza a escaparse por diante David Alonso que vai moi cómodo. Por unha vez penso no 3º ou 4º posto, pero aquí comeza o erro.

Comezo a pensar na carreira cos outros corredores en vez de pensar na miña carreira. Está claro que houbo un desgaste neste punto, no que David Alonso se escapaba por diante, Iván Barreiro se quedaba e Iván Redondo aguantaba. E isto qué fixo? pois que chegara ao km 30 e dixera "ata aquí cheguei". Nese intre ía con Iván Redondo que, logo dunha breve conversa, tira para adiante ao que se une Iván Barreiro. Se quero chegar a meta teño que baixar o ritmo e xa o corpo ía completamente roto, así que bye bye e esperamos que ese pouco ritmo nos vaia levando. E así foi, a duras penas chego a meta. 7 km nos que non me adianta ninguén para sorpresa miña. Entro en meta na 6ª posición, branco coma o leite e co corpo roto completamente. Había tempo que non chegaba tan destrozado.


Logo, o mellor de toda a carreira, a postcarreira (aquí si que non sufrimos). Conversar, xuntarse cos coñecidos e coñecidas e atopar xente nova con quen falar. Este é o espiritu trail. 
Callos, larpeira, cervexa e moita lingua.



Comida de carreira:

Durante as 3 horas 42 minutos de carreira, metinlle:
 - 4 bidóns de isotónico
 - 4 xeles overstims
 - 1 xel victory endurance
 - Un cuarto de laranxa





Para reflexionar:
Unha 6ª posición e grazas, puido ser pior. Aínda que poida ser unha boa posición, creo que debería estar máis arriba, por iso me queda unha sensación agridoce que me fai reflexionar. 

Non chegábamos xa no mellor momento nin estábamos preparados para esta carreira. O cansancio acumulado da tempada, a última semana de curso, non adestrar, non durmir e non comer adecuadamente, deron como froito esta carreira. 

A decisión dende o día de hoxe que estou a escribir esta crónica é que non se compite máis nesta tempada. Descansaremos unhas semanas e miraremos as carreiras do ano que ven.

Temos todo novembro para desfrutar do monte cos amigos e amigas. Quizáis unhas saídas grupais non nos fan nada mal.










lunes, 14 de octubre de 2019

Trail SalomonUltraPirineu 2019 (56km - 2800m+) 05-10-2019


A Salomon Ultra Pirineu chama a atención dende o primeiro momento que escoitas falar dela e da publicidade que ten por detrás. Estos cataláns saben enganchar e saben vender. 

A viaxe comezou xa hai meses e os compañeiros/a que levaba déronme todo feito. JabyRubio, Valen e Moss foron os mestres de ceremonias desta viaxe. Dende o primeiro momento fixemos boa piña e as risas e anécdotas non pararon de sair.

Con 2 días de antelación saímos cara aló. Aclimatarnos aos 1000 metros nos que está situado Bellver de la Cernadya, unha vila preciosa na que o máis pobre da aldea debe ser o máis rico da comarca. Paisaxe de montaña por todos os costados. Dicir que chegar do aeroporto de Barcelona ata esta vila tivemos que sacar a carteira varias veces, algo así como cando estás de borracheira e todos queren pagar e ao final tes que tomar tantas consumicións coma xente hai na cuadrilla. Pois iso, xa non sei se foron 4 ou 5 peaxes, que ven sendo uns 30 euros

As anécdotas foron moitas, así que non me lío.

Venres á tarde, recollida de dorsais e "mercadillo" do corredor en Bagá, centro neurálxico da carreira e ónde comezaban e finalizaban as probas raíñas da Ultra e da Sky. Aquí quedamos con dous grandes corredores como son Esther e Iván Redondo (PakitaTrail ou Os Pakitos, como lle chaman algúns). Pasamos unha tarde estupenda pero a carreira comezaba moi cedo e había que arrancar para Bellver, cear á hora do bocadillo e meterse na cama á hora da cea, non sen antes preparar mochila e material para a carreira. A saída do trail dábase ás 6 da mañá, co cal sobre as 5:15 horas queríamos estar na saída e polo tanto había que levantarse ás 4:00 para almorzar e pasar polo WC.

O planning foi levado a raxatabla. Ás 5:15 xa estabamos na liña de saída. O que escribe levaba "dorsal amateur-PRO" (cágate lorito) que ven sendo algo así como dorsal preferente e podía sair no caixón dianteiro (esto debíase a que tomaban como referencia determinados puntos ITRA). O resto do equipo pasou á zona "dos comunes", zona á que me fun eu tamén durante un bo anaco antes da saída, aburrido de estar case só debaixo do arco de saída. 

Os nervios palpábanse entre as corredoras (moitísimas) e corredores. 

A CARREIRA:
Sitúome na liña de saída, xusto ao lado de Tofol Castañer (un dos claros favoritos e pertencente ao equipo Salomon Spain) e seguidamente de Oihana Cortazar (favorita feminina). Por alí tamén andaba Samuel Dávila (Inverse) e André Rodrigues (Prozis). Todos/a coñecidos das revistas de trail e das redes sociais e claros favoritos que, a posteriori así foi. 

O sair diante nestas carreiras é importante, máis que nada para adaptar o ritmo e ter menos posibilidades de caer pola multitude. Pero non pasaron dous quilómetros (nunha estrada asfaltada e ancha para sair da vila de Bellver) cando comezaron a pasarme por ambos lados xente coma foguetes. Eu ía a un ritmo de 5:10-5:30 e non daba crédito. Así foi que cando veu a primeira pendente esa xente xa ía andando en zonas que aínda se podía correr. E claro, entre tanta multitude de xente é máis difícil adiantar (935 inscritos). E non só iso, por estos lares, é moi raro que te deixen adiantar aínda que leves mellor ritmo, senón que "te buscas a vida" para adiantar. Non me preocupou moito esta situación, posto que tiña a estratexia clara dende había días (continúa máis abaixo).

A ESTRATEXIA:
Dividín a carreira en 3 partes:
1.- Dende a saída ata o punto máis alto da carreira, aló polo km18 ou incluso ata o avituallamento 2 (km24). Obxectivo: 3 horas. Non mancarse nas baixadas e tomalo con tranquilidade pero sen perder moitas posicións. 

2.- Iría dende o avit2 ata o avit4 (km 44). Nesta parte da carreira tiña previsto aguantar un ritmo constante sen sufrir e ir consumindo km pensando na última parte.

3.- Iría dende o km44 ata meta (km56). Aquí era onde comezaba a carreira para mín. Tiña que chegar con pernas suficientes para facer un trail rápido de 12km, sabedor que, a partir dese km44 non todo o mundo é consciente de que falta aínda moita carreira e é onde sufre. 

CONTINUAMOS COA CARREIRA:
A partir do km4 cando comezan as primeiras costas, comezo a adiantar de forma constante e sen forzar a unha cantidade de corredores e corredoras, sempre que o terreo mo permite. Xusto pasado o Mirador de Cap del Ras, onde se anchéa de novo a carreira ao entrar nunha pista, a distancia co grupo que nos precede é grande. No meu mini grupo imos un inglés, un francés, eu (un galego) e ... bueno, que non é un chiste vamos, e un pouco máis atrás varios corredores máis. Nun punto aparecen balizas por dous lados, unhas que tiran máis adiante cara abaixo e outras á esquerda que tiran un pouco cara arriba. O inglés colle cara a esquerda preguntando algo (eu "nin papa" do que dí, pero sigo tras del, e o francés fai o mesmo. Máis atrás vemos que o grupo perseguidor tamén nos sigue, así que decido meterme diante e impor o meu ritmo. 

Non as teño todas conmigo e pregunto si realmente é por aquí, o cal o inglés "balbucea" algo e o francés tamén se pregunta o mesmo ca min. Non tardamos en quedar sós. O grupo de atrás debeu dar volta. Nun cruce vexo unha sinal por atrás. Paro e vexo que está indicando en sentido contrario, polo que estamos nun track equivocado. Damos volta a fume de carozo. Eu paro a facer as primeiras necesidades de carreira. Ao chegar ao punto problemático vexo que está un voluntario e que puxera unha sinal de "X". Bueno, xa era tarde. Non sei nin o que perdín, nin a cantidade de xente que me volveu a adiantar. Incluso pensei en ver aos meus compañeiros Valen e JabyRubio. Aproveito a adiantar coma un "foghete" pola pista abaixo e chego por fin ao primeiro avituallamento. Estaba no km10 e eu xa estaba con 12 e pico. Bueno, encho de auga e para adiante. A cantidade de xente que había no avituallamento xa me dicía que estaba bastante atrás. 

Viña agora unha das partes máis temidas da carreira, uns 11km con 1164m+ e chegando aos 2500 de altura. Sigo adiantando postos e comeza a facerse de día. Chegado a un collado, podemos ver o amencer xa por enriba das nubes. Unha preciosidade de vista. O camiño faise perigoso por momentos e xusto ao chegar aos 2000m+ sufro unha especie de mareo espontáneo, polo que decido andar despaciño na subida. En canto se pon horizontal o sendeiro comezo de novo a trotar. E así chegamos á cima e comezamos o descenso, moi rápido por certo e perigoso por momentos. Cando me dou conta xa estou no avituallamento 2 (Agulló).  Encho de auga, un anaco de laranxa, outro de plátano e unha presa de cacahuetes. Un avituallamento rápido e saímos del por unha pista ancha. A carreira vai moi estirada, pero sempre tendo unha referencia por diante. Pouco a pouco vou clavando obxectivos e vanse cumprindo. 

Baixando polo km30 e indo nun grupo de 4 corredores, un deles tropeza e dá coa cabeza contra unha pedra. Queda medio "liló" axudámoslle a incorporarse e facémoslle unha valoración. Dóelle a cabeza polo lado dereito, mais ten un corno no lado esquerdo. Quéixase do cóbado esquerdo, máis ten o hombro dese lado completamente magullado. Decide seguir e aos 20 metros volve caer. Parece que anda medio aturdido, continuamos andando un pouco ata que o compañeiro decide que se queda con él e nós continuamos a baixada. 

Pouco antes de chegar ao avit3 (Estana), unha corredora cae de bruces no bosque. Axúdolle a incorporarse e ver cómo está. Nun principio dime que ben e que continúe, ata que a vexo chorar. Volvo a querer axudala pero cun berro vótame dalí a fume de carozo (tiña xenio carallo). 

Saímos do avit. de Estana. Parece que imos un gran número de corredores xuntos. Creo que levan mellor ritmo ca min por eso me collen e me pasan no avituallamento, mais en carrreira non vexo que ninguén me adiante. 

Comezo a baixada cara Martinet (avit4), nalgunhas zonas algo rota e noutras podendo voar. 

Aquí sí comezan a adiantarme varios corredores. Ao chegar ao avituallamento, vexo que deben ser da zona, posto que coñecen a moita xente que alí se congrega. Saímos do avit. rápido, queda o último empurrón e o que en teoría debía explotar o que me quedase dentro. Saio trotón, aínda con tranquilidade, comendo e bebendo o plantexado. Nunha destas, tropezo e voume cun xeonllo a unha pedra. Aínda que é doloroso e vou coxeando un bo anaco, consigo recuperar e recuperar ao corredor que perseguía, polo que soamente foi un susto. 

"Os da comarca" adiántanme con facilidade no terreo á beira do río, terreo prácticamente chan. Van a bo ritmo. 

Polo km46, e despois de parar de novo por unha pedra na zapatilla, decido votarlle o último xel e comezar a marcar un punto máis no ritmo que levaba. Parece que da resultado. Cando o perfil se pon en positivo, vou acercándome aos corredores de diante. Comezo a coller ao "miuras" da comarca que, despois de sair da civilización e meterse no bosque costa arriba, parece que flaquean. Polo km50 do caza ao francés que se confundira comigo aló polo km9 (logo falo del) e pouco a pouco vou avanzando nos postos. Unha forte subida antes do avit5 (Nas) favoréceme e adiante a 3 dun tiro, simplemente andando.

Avit5 (Nas), 5km para meta. Encho medio litro de auga e poño o "modo automático". Comezo a pensar no estilo da zancada e ela soa vai collendo o ritmo desexado. Nótome rápido, aínda que un cuadriceps avísame de posibles calambres. Vou estable pero sen baixar o pistón. Sigo adiantando aos da "comarca" e algún máis que vai reventado. Comeza a baixada cara Bellver e aínda me da tempo de pasar á que sería 2ª feminina absoluta, a xermana Kerstin Engelmann-Pilger que vai rota pero que lle quedan pouco menos de 3km. Xa se ve ao fondo a meta, e tamén 2 corredores máis aos que poño por obxectivo. Collo a un deles que xa non pode máis e o outro dase conta de que veño e da todo o que pode por chegar a meta. Acaba exhausto. 

Agora chego eu. Feliz coma unha perdíz e pensando que fixen unha moi boa carreira.

Hidrátome e saúdo aos corredores que alí estaban. Recibo felicitacións de varios deles que me felicitan polo último tramo. Sospeito que son os que adiantei despois do avit. de Martinet (o da comarca).

CHEGA O POST-META:
Despois de tirarme no céspede que invitaba a elo e debaixo dunha árbore que daba unha boa sombra é cando collo o teléfono e vexo infinidade de whatsapps, messenger, tuíteres, ... dando a noraboa pola carreira. Parece que a xente estivo seguindo a carreira. Eso gústame. 

É pois cando vou mirar a clasificación e non dou entrado na aplicación nin na web. Decido preguntar a estas e estos amigos e dinme que quedei no top20 e 5º veterano. Non mo creo e decido preguntar a máis que me confirman o dito. Súbeseme polo corpo un escalofrío que me fai sentir moi ben e orgulloso da carreira. Nin mo imaxinaba. 

O whatsapp tamén me sirve para poñerme en contacto cos meus compañeiros e compañeira de fatigas. Javi e Valen preguntan cómo é o percorrido que lles queda. Van ben, tanto que ao final clavaron o tempo que tiñan previsto. Esperei por eles no avituallamento de meta, onde conversei con moitos atletas chegados de todas as partes do mundo. 

Chegan Valen e Javi e despois de que comesen algo e se hidratasen, agora sí, imos ducharnos e tomar as cervexas da recompensa. Temos que esperar a Moss e darlle un bo recibimento. E así foi, voltamos á meta e alí compinchámonos co spiker que lle deu unha entrada triunfal. Despois viñeron as conversas e fotos con Tofol Castañer e claro está, despois viñeron máis cervexas e cea, todo relacionado coa maravillosa experiencia desta SalomonUltraPirineu2019.


O FRANCÉS:
Fago unha mención especial porque él (o corredor francés) foi un dos que se "equivocou" comigo no km9 collendo o trazado da ultra. Dende aí, fomos coincidindo en carreira e compartindo algún quilómetro (máis ben moitos quilómetros).

Sempre era eu o que o collía e adiantaba en moitas ocasións, e él adiantábame nos avituallamentos, cando eu paraba por algunha pedra na zapatilla, cando paraba abonar a terra e esas cousas ... Tiven que ser un pesadelo para él.

Tal foi a nosa atracción que pensei que estábamos abonados a rematar xuntos, pero houbo un punto de inflexión, o km49-50 onde, cando mirei para atrás non o vín e xa decidín non esperar por él. Era tamén de dorsal amateur-PRO, Mathieu Leclercq. Nunca pensei en rematar diante del. Levaba sempre un ritmo constante, tanto nas subidas como nas baixadas, parecía un corredor experimentado nestas carreiras.

CONCLUSIÓN DA CARREIRA:
Carreira moi rápida. Notei a altura a partir dos 2000m+, cun lixeiro mareo durante uns minutos. 

O de adestrar a ras do mar non axuda moito. Levaba ben plantexada a carreira así como a comida e bebida.

A balizaxe quizáis me sorprendeu polo distanciadas das balizas e nalgún caso custaba ver. 

A saída moi chula pero quizáis a meta algo descafeinada, ao estar apartada da vila e non sentir esa "euforia" de chegada con xente ao redor, como puido ser en Bagá (creo)






MATERIAL EN CARREIRA:
Zapatillas: Salomon S-Lab ultra 2
Camiseta e pantalón: Salomon S-Lab
Mochila: Salomon sense ultra 5
Calcetins: Kalenji 




























viernes, 21 de junio de 2019

Trail de Vilatuxe 2019 (09-06-2019)

A serra do Candán
nas terras de Lalín

Pois aló fomos, descubrir novas serras, novos camiños e novos sendeiros. 

Nesta ocasión, tocou ir con Manu Ramos e Moncho Muíños. A compañía non podía ser mellor. 

As sensacións non son as que me gustaría levar, pero si estamos inscritos e podemos ir, facémola aínda que sexa andando. Non foi o caso, pero unha forte dor nos sóleos e no lombo, non eran as mellores cartas que podía levar. 

Despois de que o gps nos levase ao sitio, parece que chegamos con algo de tempo (case temos que montar nós a saída). Deu tempo para votarlle unha pequena sonata no coche.

Aínda que chegamos con tempo, coma sempre, á hora da saída andamos con presas (que si me falta unha cousa, que si me falta outra, ...). 

Pois aí estamos por fin, na SAÍDA:

Con grandes traileros xa na primeira liña e saudando a diestro e siniestro a corredoras e corredores, poñémonos en segunda liña que é a que debo coller tal e como me atopo de físico e ánimos. Na foto, un amigo virtual (Kike) que por fin nos vemos "en directo".

Dase a saída, e aquelo parece un día de rebaixas, xente adiantando por onde pode mentres intento ver o chan para non esnaquizarme xa na primeira pedra. A saída é cara arriba e decido levar un ritmo moi suave pero constante. Non tardamos, e digo tardamos porque me acoplo a Manu Ramos, en adiantar pouco a pouco posicións desas e deses que tanta presa tiñan nos primeiros segundos de carreira. Pouco a pouco o pelotón vai facéndose lineal e a alongarse. O ritmo dianteiro debe ser terrible.


Entre a xente que atopo hai varios indios (parece que é a tribu máis extendida nestos momentos polos montes galegos). Nas baixadas parece que me atopo algo mellor e avanzo un pouco, pero vou perdendo fuelle nas subidas. 

Tras varios quilómetros, atopo a José Ángel Bautista (sobre o km 8), que me sorprende collelo, aínda que unha vez intercambiado palabras, dime que o ritmo dianteiro era moi forte. Imos nun grupiño pequeno durante varios km. 


Aínda que chego diante no avituallamento onde estaban as "nenas pandereiteiras", co desnivel José Ángel comeza a impoñer un ritmo máis forte que non quero seguir. Pouco a pouco vai desaparecendo no horizonte. Eu vou adiantando algún que outro corredor e vou perdendo de vista aos que me preceden, polo que o ritmo tampouco é malo. Pouco a pouco voume sentindo mellor.


Chego ao avituallamento de Zobra, onde paro para encher de auga e meterme algo na boca. Dende aquí era onde dicía eu que comezaba a carreira. Aínda que a primeira parte non foi o ben que quería, tampouco foi tan mal.

E así foi, sobre o km 22 e o 26, vou collendo a Estivel, Luís Calvo, Alberto Iglesias. Pero é que antes destes km foi Iván Pimentel, Barral, Picos, ...

Chego ao avituallamento da Moa onde encho de auga. E dende aquí, algo sucede no corpo que me atopo cómodo correndo e con gañas. Como se tomara a poción máxica de Asterix e Obelix, comezo a voar. Sobre o km 28 vexo no outro lado do monte (uns 800m) un grupo de 3-4 persoas e decido ir a por eles. O que me sucede moitas veces a min (que me collen faltando poucos km para meta) hoxe pode darse á inversa. Cada paso que avanzo, mellor me atopo e cando me dou conta, vexo que estou a 50 metros dun corredor que coñezo, era Montilla (era polo km 32). Aí xa ía desbocado, polo que o pasei coma un foguete, pero é que uns 50m diante del ía Carlos Bardanca e Eduardo Sotelo, que tamén os pasei no aire. Estaba convencido que podía levar ese ritmo ata o final e así foi.
Chego a meta en 3:42:06 e top 10.

Remato moi contento pola carreira e como rematei. Aínda hoxe estou pensando qué foi o que me dou esa sensación de voar nos últimos quilómetros. 

Por suposto, quedamos a tomar as cervexas, aos podiums e a rica paella que nos tiña preparada a organización nese lugar tan fermoso que é a carballeira e a praia fluvial. Para repetir, tanto polo percorrido como pola organización, como polo ambiente e polo lugar.

De volta aínda tivemos tempo de comentar as xogadas e parar en Ordes tomar uns cafés. 
Un día extraordinario.







martes, 28 de mayo de 2019

Travesía do Xalo (05-05-2019) #Dezanosdemonte

Un ano máis fomos á festa do Xalo.

Tiña boas sensacións durante toda a semana e o domingo presetábase ben. Aínda que menos corredores que outros anos, a carreira non defraudaría e sobre todo nos primeiros postos estaría a cousa interesante. Unha incógnita de qué pasaría cos Fernandos (Arca e Cancelo) que viñan de facer o ultra do Lor. Eu apostaba por Carlos Bardanca seguido de Moncho Muíños. 

SAÍDA:
E comezou a carreira. Por diante teríamos 18km con 1200m+ e unha incógnita de por onde pasaba o percorrido. Co que me dicía o corpo, decidín ir ao meu ritmo e a ver qué pasaba. Xa nas primeiras rampas fórmase un grupo de 10-12 corredores que toman a inciativa e no primeiro xiro á dereita (cando collemos por debaixo la liña eléctrica) distingo a Carlos Bardanca, Moncho Muíños, Luciano e Diego Bermúdez entre outros. Diante miña levaba a Manu Ramos cun ritmo constante. Pouco antes de coroar por aí e antes da baixada cara a aldea do Xalo, parece que me sinto mellor cun ritmo un pouco máis alegre, polo que adelanto a Manu e déixome ir logo cara abaixo, posto que xa ían sacando distancias o equipo dianteiro.

A subida ao monte Xalo faise dura e bonita á vez. Atópome ben e vou collendo ritmo e posicións. Algún que outro corredor vai caendo pero será na pronunciada baixada do Petón, onde adianto a Luciano e vou collendo distancias visuais cos que vexo por diante. Será nunha das pistas onde logo distinguir a Moncho, Bardanca e outro acompañante. Supoñño e espero que sexa o grupo de cabeza. 

Pouco a pouco vóulle restando metros, sobre todo ao 3º acompañante do grupo, que parece que vai cedendo distancia con respecto a Moncho e Carlos. Por detrás non vexo rastro de ninguén. Aínda que atopo ben, a cabeza dime "tranquilo que queda moita carreira" e tendo moi presente aínda o que sucedeu no maratón do Castelo (Quiroga). 

Será sobre o km 10 cando dou caza a Alberto Carou que era o que me precedía. Do dúo dianteiro nen rastro. 

Nin rastro ata a subida de Star Wars que, ao levantar a cabeza, vexo aos dous magníficos a nada, un metros por diante miña. Volve a pasarme pola cabeza o de "tranquilo que queda moita carreira" e "esa non é a túa carreira", así que continuo co ritmo que levaba e intento manter a calma. 

E, efectivamente, ao chegar a pista e en plano, na pista que levará despois á urbanización do Xalo, a distancia era considerable, tanto que case chegando á urbanización, levaba a Bardanca a uns 150 metros e de Moncho nin rastro. Parece que dera o achazo definitivo. Por detrás, non vía rastro de ninguén, polo que na cabeza xa ía pensando nese 3º posto que me enchía de ilusión.
Xa descendendo cara Castelo, no último tramo por debaixo da liña eléctrica, logro ver a Bardanca que xa parecía imposible collelo. Pero para sorpresa miña, volvo a ver a Moncho e Carlos nun bonito lugar, na subida dos pinos antes de coller camiño directo á polideportiva de Castelo. Alí as distancias estaban clara. Moncho case coroando ese tramo, Carlos a media subida e eu comezando a mesma. Se esas eran as distancias e os tempos, soamente tiña que coller a distancia visual no medio e arriba, para saber o que me esperaba por detrás. E así foi, pero cando cheguei ao final do tramo non atopei a ninguén no mesmo, así que ata meta sen mancarse. A alegría corría polo corpo ata a entrada en meta. 3º posto e subida ao caixón do Xalo. 


Despois da ducha e conversas cos corredores e corredoras, chegou o turno do cativo da casa. Participou na súa carreira e, aínda que non quería, ao final pasouno bomba e disfrutou do churrasco en familia. O que máis lle emocionou foi ver a Jose Touriñán co que sacou unha foto. 





E ata aquí a crónica da X Travesía do Xalo que, aínda que tarde, fíxena como deus manda.


   

  


                                                                 






miércoles, 10 de abril de 2019

ToxizaGranTrail 42km 07-04-2019

Mondoñedo converteuse
na capital da tribus galaicas

Vou colléndolle gusto ao de ir durmir ao lugar da carreira (para as que vou, tampouco é moito pedir). Un ambiente trailero, onde da gusto ver a toda esa xente tola que adoece por ir escarallar o corpo ao monte e encherse ben de barro (si xa, se fose para ir traballar non ía ninguén ...).


Bueno, que nos acercamos recoller o dorsal e xa fomos quedando para ir cear, unha cea con mestre de ceremonias e todo, o gran Victor Maneiro fixo de Toro Sentado e montou unha cea entre amigos na que xa fomos entrando en conversa.


Non tardamos en liscar cada un para o seu aloxamento. No meu caso para o Albergue Montero, xunto con Dani Rodríguez. Dicir que durmín estupéndamente, nunhas instalacións novas e moi acolledoras, ademáis de bonitas. Pero a eso das 4:30 da mañá, parece que xa durmira dabondo, posto que a cabeciña comezou a dar voltas e reviravoltas.

Ás 6:20 horas xa comezou a levantarse a xente da distancia maratón e eu con eles. Vestirse rápido e tomar o almorzo. Unha cousa rápida e para a saída. Aínda que ninguén dicía estar nervioso, todos íamos falando coma cacatúas Tina Formoso, Miguel Lestón,e compañía, ... En fin, que se notaba.

Xa na saída apareceu o resto de ganado variado que ía correr a maratón, ademáis da prensa audiovisual con Xosé María á cabeza. Por alí estaban as tribus chegadas de todos os montes de Galiza, ademáis de moito Indio, estaban os Brutanzos, os dos montes de Vilatuxe e máis para aló, Bestarruzas, os de Boimorto, os dos montes de Viveiro, ... Ah, e por suposto os Brigantias.  Todos revoltos, coma irmás que somos.

As 8 da mañá dase a SAIDA.
Un pequeno percorrido polas rúas da Mondoñedo para sair do urbán e meterse nos montes. O grupo vaise estirando e xa nas primeiras costas xa se vai posicionando cada un acorde ao ritmo que leva. Aquí comeza a miña historia.

Jose e Iván Brea van cun ritmo máis alegre e uns metros dun pequeno grupo de corredores onde me atopo. As costas son curtas pero algunha xa algo esixentes, polo que decido (bueno, xa traía decidido) ir ao meu ritmo, que faltaba moita carreira. Na 8º-9º posición fun un bo anaco, ata que comeza algunha baixada curta, na que parece que avanzo máis que algún corredor de diante. Comeza outra boa subida que a fago con Xan e Roberto García (compañeiro de profesión). Aí fomos un bo anaco falando e esas cousas. Éramos o 3º grupo (5º, 6º e 7º). Moi preto viña un bestarruza facendo a goma e outro máis por detrás del.

Chega un momento, nunha costa que parece que vou cómodo cunha marcha máis, polo que se vai quedando Xan. Cada vez a paisaxe vaise volvendo máis fermosa, pero tamén hai máis neboa. Parece que comezamos a acercarnos (Roberto máis eu) aos 2 corredores que van diante nosa. No primeiro avituallamento, damos caza a un deles. 

Despois, iremos pouco a pouco comendo distancia ao seguinte. Pasada unha das cotas (onde había xentes das tribus da zona berrando coma se non houbese mañá) xa somos un trío. Máis adiante, o da comarca para, para atar a zapatilla e xa non volvemos saber máis del.

Comeza a primeira baixada complicada, onde caio por primeira vez (xan no km 3.7 torcera un nocello), e non tarda en caer tamén Roberto. Dende aquí comezo a sacarlle distancia e en pouco tempo xa non o vexo detrás. O fermoso bosque faime desfrutar da carreira e parece que vou máis alegre. Non vexo xente por detrás nin por ... coño, por diante, alí van Jose e Iván, uns metros por diante, subindo unha costa imposible polo medio dunha carballeira.

Eles tamén se decatan da miña presenza. Pola cabeza pásaseme que teño que facer a miña carreira e non picar con outros ritmos. Tiña moi presente o sucedido no Trail do Castelo -Quiroga-, onde petei no km30. Aquí non podía pasar o mesmo, polo que, ata o de agora ía todo como foi plantexado.

Aínda que me aproximo un pouco máis a eles, decido deixar esa distancia e seguir ao ritmo que levo, posto que queda moita carreira aínda.

No avituallamento do km 18.5 a distancia que me levan é pouco menos dun minuto.

Encho de auga, un anaco de laranxa e outro de plátano e a seguir.

E así será ata moi moi pasada a carreira, só, sen rastro nin por diante nin por detrás. Algunhas veces disfrutando da fermosa natureza que por aquí hai e outras, sufrindo coma todos.



Será no km32, cando xusto antes de chegar á última cota da carreira, vexo a Iván ao lonxe, desgastado e sen o ritmo que soe levar en carreira. Saco unha referencia, 1´20´´ subindo. Por detrás, por detrás non hai rastro de ninguén por ningures. Chegamos á baixada, esa parede que como tropeces xa chegas a Mondoñedo pero a rolos. Si, esa baixada que comezaba pouco antes do km33. Aínda queda un mundo, e baixando Iván é máis rápido ca min, así que mellor será conservar o que temos que xa é moito. E así foi ata Mondoñedo, conservando patas e levando un ritmo de cruceiro suficiente como para que os que viñesen atrás o tivesen difícil.

Xa se ve Mondoñedo, e incluso se escoita a macroverbena que montaron na fin de semana. Avituallamos de auga e rematamos co último xel. E veña volta para aquí e volta para aló. Estamos en Mondoñedo pero non hai forma de ver a meta. Por fin unha voluntaria me di que nada, que collo no cruce á esquerda e todo recto e xa estou. Vale. Collo o cruce á dereita, todo recto e ... a dereita, a esquerda, outra vez á dereita, subimos un pouco, collemos á dereita, a esquerda outra vez, dereita, ... xa non recordo máis. Dalí a un bo anaco, por fin comezo a recoñecer as rúas, xa se escoita o son da meta, por fin. Xa vexo o arco de meta e entro na preciosa praza. Súbeseme algo polo corpo, debe ser a alegría e a satisfacción de cumprir co estipulado e conseguir con elo un posto no podium desta gran carreira. A alegría percorre o corpo. 3º clasificado. Ou yeeeaa!!!