sábado, 9 de febrero de 2019

Carballo Trail Race (03-02-2019)

Fair Play no
Carballo Trail Race


Con gañas de participar na primeira carreira do 2019. Non era outra que o trail de Carballo.
Custoume levantarme tan cedo, pero máis me custou sair do coche para ir recoller o dorsal co termómetro marcando 0ºC.

regalo dun amigo
Recollida de dorsal, encontro con amigos e a prepararse para a saída. E desos amigos, houbo un que se acordou de min antes de sair da casa.

E xa sen tempo, meterse no autobús dirección á praia de Razo e directos ao bar para tomarlle algo quente cos veciños (Pelé, Dani e Adrián). Alí dou tempo a falar e a rir un pouco antes de voltar salir ao exterior.

Xa non quedaba nada, todo o mundo preparado no areal para que se dese a saída e así foi, un visto e non visto. Chegar e sair.

Esos primeiros metros había que facelos con cabeza, posto que podían pasar factura ao longo dos 29 km. Cun vistazo rápido á cabeza do pelotón, xa me din conta ónde tiña que estar neses primeiros metros. E sen entrar en calor, xa veu a primeira costa do día. Aquí xa se comezaba a ver quen era de asfalto e quen era de monte. O pelotón comeza a estirarse e xa se comeza a diferenciar o grupo de adiante (moi nutrido) e o resto do pelotón. Eu fago por estar no grupo de cabeza.

Comezamos a subida cara Santa Mariña que xa vai poñendo a cada un no seu sitio, polo menos nun primeiro momento. Por aquí recordo adiantar a Victor Cousillas, que creo que saiu algo forte e estaba a recuperar un pouco. Eu intento levar un ritmo alegre pero non asfixiante, aínda que vaia perdendo de vista por diante a algún corredor. E o que eu pensaba que era a subida a Santa Mariña, convértese na subida a Monte Neme (literal), non hai descanso e si un longo cortalumes no que visualizo a menos corredores por diante dos que me gustaría, pero sigo co meu ritmo, sabedor do que queda e do que podo dar. Por aquí adianto a Victor de Km Vertical que animo a que me siga, pero non accede.

Xa polo que queda da canteira de Monte Neme, vexo que me vou acercando a algún corredor nos falsos chans e collo algún nalgunha baixada. Cando me dou conta, nunha das poucas zonas técnicas, paso coma un lóstrego a 4 corredores (e eu que non son bo baixador). E xa chegando abaixo, levo un ritmo moi similar a un corredor alto e esbelto que non coñecía (ata que rematamos e fun collendo datos ;)). O ritmo que levaba era bo e adapteime a él. Xuntos entramos no tunel por debaixo da estrada que, por certo, que calorciño había alí. E xa, sen darno conta, estábamos na meta do trail curto, no que vexo de refilón ao amigo Pi Fraga e un pouco máis adiante a Laura, a muller de Carlos Bardanca á que lle pregunto cantos van diante, contestándome -sodes os dous primeiros. Mmmmm, non pode ser, posto que Carlos saiu diante miña e non o adiantei por ningún lado. Pensei, unha de dúas; ou vai moi rápido e xa non o viu pasar (era o máis probable) ou que estivese apuntado no trail curto pero, se fose así, qué facía Laura despois da meta do curto. Algo non cadraba.

aquí o momento dos temblores
Bueno, dende aquí, fun ás veces con Aitor (que era así como se chamaba o corredor que ía diante miña) e ás veces deixábame caer un pouco. Por atrás a distancia parecía que se ía facendo máis grande ata o punto de non ver a ninguén nuns centos de metros. Pero esto ía cambiar. Xa chegando ao avituallamento intermedio (o dos piratas), sentín como temblaba o chan, ao principio non lle dín importancia (sería que me faltaba osíxeno na cabeza), pero pouco a pouco noto máis temblores, coma cando se pon a trotar un cabalo percherón. Ñoooo, que raro, e dóuseme por mirar cara atrás. Alí viña Carlos Bardanca que sabe demos de ónde saiu e viña coa directa posta. Pensei, este tivo que perderse nalgún sitio e ven recuperando a marchas forzadas.

Esto fai que me active un pouco e me anime, e os metros que me levaba Aitor, papeillos nuns 100 metros, ou máis ben xusto no precioso tramo do río. De boas a primeiras, alí estábamos, un grupo de tres corredores en cabeza e xa pasado o quilómetro 20.

O ritmo aumentou considerablemente e pola miña cabeza xa pasaba que aí estaba o podium, a non ser que pasase algo extraordinario. Por detrás non se vía xentío algún.

Collemos un pouco de asfalto nunha pequena aldea de "catro casas" para meternos de novo nun camiño á esquerda. Un camiño cheo de auga e barro no que de repente, vemos  unha bifurcación e facémonos unha pregunta.

- E por ónde é?, será polo camiño (esquerda) pero o camiño fáise máis pechado.. Voltamos de volta. -Será polo río (o camiño parecía un río). A auga estaba xeada, e alí nos metemos como poidemos, pero nada. Volvemos atrás. Un para cada lado. Pero nada. Comezan a chegar corredores e entre todos imos mirando. Decidimos chamar á organización para, polo menos, nos saquen dalí. E nese intre, un dos 8-9 que alí estábamos, berra que atopou unha baliza ao lonxe. Pois nada, resolto o problema para nós pero, e todos os que veñen detrás??. Avisada a organización, esta fixo todo o posible por arranxalo canto antes.

Unha simple baliza leva pode levar ao traste un evento, pero así son estas cousas.

Pois nada, en grupeta, fixen unha pregunta en voz alta ... - e agora cómo facemos?, ao que alomenos un contestou, - home, os tres que íades diante arrancade diante. Pero a carreira xa perdera o espiritu competitivo. Con frío, mollados e desgañados, sobre todo Carlos Bardanca, decidimos entre todos ir neutralizados ata o final da carreira. Non houbo negativa por parte de ningún, polo que aló fomos en grupeta. Ritmo suave e falando entre nós. Agora o problema podía estar en cómo facemos o podium, posto que podium terá que haber. E como xa dixen non había espiritu de competición, entre os tres que íamos primeiros fomos decidindo. Bueno, quen menos decidiu foi Carlos que, quen o coñeza xa sabedes que é de poucas palabras (jajaj).

Imos ver logo: - Carlos, como tí te perdeche antes e nos colleches e levabas mellor ritmo, ti vas quedar primeiro. Decidido. E polo que a min respecta, Aitor vas quedar segundo que foches por diante case toda a carreira ou ías tirando de mín. Así que, así foi.

Tíñades que ver as caras da xente que seguía a carreira. Non entendían nada do que estaba pasando. Tan preto da meta e non había ataques, cun ritmo trotón. E cando avistamos a meta, coa xente aplaudindo e animando aos seus, e os seus que non reaccionaban. E así chegamos, xuntos pero un pasiño máis diante que todos.

E é que este deporte, ademáis de competir, moitas veces (non digo sempre) é un deporte de amigos e cabaleiros, amigas e doncelas.

Pola miña parte, moi moi contento coa carreira, tanto polas sensacións físicas como a lectura que fixen da carreira.

Deu tempo a falar co resto de corredores, de rir e de papar uns deliciosos callos con pan de Carballo, por suposto.


P.D. Para os curiosos, vendo o track do gps, estivemos 7 minutos clavados buscando a saída do atolladero. 


Clasificación























No hay comentarios:

Publicar un comentario