A Conquista
do Olimpo Celta
Por fín chegou o ano en poder participar nesta carreira. Aínda que non estaba planificada no calendario, tiña a obrigación moral de participar ou axudar, pola relación coa organización. Así foi que me despedín da Festa do Percebe do Roncudo -Corme- ao mediodía, cando xa comezaba a ulir a percebes e a festa rachada.
Ao lío. Chegada ao Pindo con 32ºC e o coche sen aire acondicionado.
Despois da recollida de dorsal, un refresco cos Brigantia Almudena e Dani. Saúdos por aquí e saúdos por acolá. Teño unhas gañas de durmir que non se poden nin expresar, pero con tanto saúdo, só me da tempo a vestirme e pouco máis.
Veño a defrutar deste maxestuoso monte e non morrer no intento, posto que levo varias semanas sen facer físico e moito cansancio mental.
A calor é matador e a carreira sae lanzada. Cando saímos do Pindo e o sendeiro se pon costa arriba, comezo a adiantar ás lebres ata conseguir un ritmo discreto e mantendo a calma. A calor pode facernos unha mala pasada.
Cada pouco vótolle un sorbo de auga da mochila. Preocúpame o calor e os meus temidos calambres.
Pasada a primeira alfombra de control de paso, cántame o rapaz que vou onceavo. Redios !!
A ver se non me estou pasando e eu sen enterarme.
Levaba 1 hora cando hai a división dos percorridos, 10.6 km. Alí canta o voluntario ... "vas quinto".
La cagamos. Se a esas alturas vou nesa posición, agora hai que competir e non desfrutar. Quedaba o peor, pero tamén vendo o panorama, con ninguén á vista por detrás e vendo a dous corredores por diante, había que intentalo, aínda que sabía que non ía ser fácil, nada fácil.
Un escápase e o outro comezo a achegarme a él.
Pasan os quilómetros e cando me dou conta, baixando, estamos 4 corredores en 100 metros. Fun quen de situarme durante uns quilómetros en 3ª posición (polo km 14), pero pasando o Rego de Valdebois unha subida de pulsacións repentina faime descender a velocidade ata estabilizarme de novo. Imos case á par eu e Nava González (rapaz co que levo coincidido varios km, intercambiándonos o 3º e 4º posto provisional).
No 3º avituallamento, antes de subir á Moa, Nava adiántame de novo. Decido descansar un pouco e telo enfocado. Creo que baixo mellor que él. Pero a distancia cara arriba vaise facendo máis grande pouco a pouco. Aquí chega o segundo aviso das pulsacións. Durante 5 minutos non son capaz de estabilizar as pulsacións e, aínda que andando, o corazón late demasiado rápido.
Chagado á cota da Moa, lugar impresionante cunhas vistas infinitas, comeza a baixada pronunciada, cun inicio con cordas. De Nava xa non sei nada. Aínda que intento baixar a ritmo, xa é moita a distancia perdida, pero sigoo intentando.
Non tardarei en darme conta de que xa non hai posibilidade de loitar por unha praza no podium absoluto. Agora comezaremos a pensar en que non nos pillen os de atrás.
A baixada é moi técnica de pedra en pedra, o que fai que acabe desfeito de pernas.
Chego ao último avituallamento no km 25.
Desexando rematar, descanso un pouco, sabedor que estaba en terra de ninguén. Algo de isotónico e auga e arrancando para finalizar a carreira. O ritmo xa era baixo, pero suficiente para non perder posición.
E chegamos á meta cun tempo moi aceptable, tanto polas condicións meteorolóxicas (superiores a 30ºC durante toda a carreira) como polo estado físico no que chegaba.
Case en trance, os amigos e amigas que estaban a esperar en meta axúdanme co avituallamento, estiramentos, bebida, calzado, ...
No hay comentarios:
Publicar un comentario