Carreira rápida por fora e
dura por dentro
Levanteime con poucas gañas de correr, quizáis porque tiven que pedirlle a un compañeiro de traballo se me viña facer unhas horas para correr esta carreira que, case era un compromiso coa organización.
Estaba inscrito no trail curto que, pouco tiña de curto cos seus 18 km e 1000m+.
As gañas de volver a correr (despois da OCC de Chamonix levo prácticamente parado) comezaron a vir en canto comecei a ver á xente enfundada con roupa deportiva e cun dorsal.
SAÍDA
Na saída, púxenme no medio do groso, xa que a intención (sen adestrar) era máis ben facer bulto e ir cómodo, disfrutando do percorrido.
A saída polo que vin dende atrás, foi moi rápida, cun grupo dunhas 12 persoas que saíron a fume de carozo. Pola miña posición, adiantáronme por todos os lados, pero xa antes de chegar ao km 2, moitos deses participantes xa non lles chegaba o alento. Foi na entrada ao monte, cando comecei a adiantar xente sen querelo. Ía moi cómodo, pero quizáis esa xente saíu moi por enriba das súas posibilidades.
Foi sobre o km 3 cando collo a un gran corredor, Oscar Díaz Cerviño que, ou ben viu que saíra moi rápido, ou ben non se atopaba ben.
Un pouco máis tarde (km catro e pico), antes de cruzar a autopista, tamén me cruzo con Luciano Carretero que se pasara de largo nun cruce e viña de volta. Non tardou en volverme a pasar.
Pasada a autopista, recordo ir collendo corredores moi de cando en vez e non é ata o km 9 cando me dín que debo ir sobre a 12º posición, algo que me extraña bastante visto o tranquiliño que vou e sen saber nada da cabeza nin de todo o persoal que podía ir diante (pensei que iría sobre o posto 20º).
Pouco a pouco vou vendo algún corredor que se vai quedando e coincido un bo anaco con Pablo Ferreiro (Toxos&Birras) e Cesar Rodríguez (Running Arteixo), xusto na baixada da liña eléctrica preto do polvorín. E así, sen querer, tamén volve aparecer Luciano que andaba a buscar a zapatilla entre o barro (non era o seu día).
Foi, dende o km 10, tal e como tiña previsto, cando a carreira comezaba. É dicir, quedaban 8 km para exprimirse e onde estaba o desnivel da carreira. Aquí fun deixando a Cesar e máis tarde a Pablo, para chegar ao alto de Santa Leocadia cuns segundos de vantaxe sobre eles. Agora viña a temida baixada e a sorpresa miña foi atoparme entre medias a José Santiago (Os Corzos de Ortegal) que ía desfondado. Non foi ata a segunda subida, a da Carracoba, cando o fun deixando (km 12.8).
Xusto antes de chegar á cota, sabía que podía aguantar esa posición ata meta. Era todo baixada e non moi técnica, cun bo tramo de asfalto.
Na ponte da autopista mirei cara atrás e vin que non viña ninguén, polo que sería difícil que neses pouco máis de 2 km á meta me puidese adiantar alguén. Iso sí, e así o recoñezo, pensei que aínda podía caer algún máis, polo que puxen a velocidade de cruceiro que me deixaban os meus xemelgos (xa avisaran non había moito) pero nin rastro dos corredores de diante. E así cheguei á meta, fresco e moi contento co resultado sabendo do pouco ou nulo traballo que levaba.
5º posto na xeral
1º veterán
DATOS⏲ 1:50:12 h
🏆 1º veterán (5º absoluto)
💓 150 ppm
💧 2 tailwind té machá (cafeína)
👟 vectiv infinite TheNortFace
Quito