miércoles, 1 de noviembre de 2017

VI Trail Concello de Arteixo (29-10-2017)

Cambiando de chip

Últimamente sucédeme moi a miúdo que chego ás carreiras sen gañas, cansado e coa mente pensando nunhas metas moi por debaixo das que teño semanas antes. Isto creo que é normal entre todos os corredores. O caso é que cheguei a Arteixo baixo de moral, canso de días anteriores, de non durmir ben, non comer ben, ... todo inflúe (bueno, e que o día anterior fun a carreira de orientación a Abadín).

Despois de saudar a moitos e moitas coñecidas que só nos vemos en "carreritas" como estas, preséntome na liña de saída cunha estratexia distinta á das últimas carreiras. A posición na saída xa indicaba moito ...no medio do pelotón (o nivel anímico non estaba para "fedellar" máis adiante).

Así foi que, unha vez dada a saída, na pequena baixada ao paseo, vexo ao lonxe os purasangues da carreira. Alí ía un grupo selecto de cabalos/castróns/xabaríns/gacelas e demáis animalada, que ían a disputar os primeiros postos, con Martín Lestón "Comepedras" á cabeza, coma un cabalo desbocado, sacándolle metros a ese grupo selecto onde podía observar a Luís Alberto Hernaldo, Jose Angel García do Cas, Rubén Díaz, Iván Brea, Marcos Trelles, Xoán Rodríguez e algún máis que non coñecía o seu nome pero que sabía do seu potencial. Despois ía o grupo perseguidor, no que tamén habería guerra no seu momento e a continuación estaba un grupiño non moi grande onde me atopaba eu. 

Non foi ata adentrarse no monte e aparecer as primeiras costas onde comecei a atoparme ben dentro do que cabía esperar. Pouco a pouco vou adiantando corredores sen aumentar as pulsacións. E falo de pulsacións porque hoxe intentaría ir nun rango de pulsacións durante todo o trail. 

Sobre o km5 xa estaba situado nun grupo de corredores onde creía eu que podían ter similitudes cos meus tempos, polo que me levantou un pouco a moral.

Non tardei en seguir co que consideraba meu ritmo pausado pero constante. Algún quilómetro máis adiante, chego a onde Manu Ramos que despois de intercambiar unhas palabras, quédome co que me dixo ..."xa irán caendo cadáveres, o importante é chegar vivo a Santa Leocadia". Aínda así, eu sigo con ese ritmo nese rango de pulsacións. A continuación vería a Álvaro Iglesias, tamén do Jarnachas, que ía algo desencaxado cando coincidín con él. O adiantar a estos dous corredores, máis que darme folgos, veume á cabeza se non estaría por enriba das miñas posibilidades, ... pero seguín ...

Máis tarde coincido con José Manuel Santos, que despois duns quilómetros xuntos subindo xa Santa Leocadia, e baixándoa, non sei moi ben onde o descolguei, pero si sei que xa non viña conmigo moi preto do Polvorín. Por alí andaban grandes coñecidos do trail, como Bruno Cardama e Oscar Díaz Cerdiño e a súa muller Araceli entre outros, que nesta ocasión estaban axudando co trail e animando aos corredores.

Dende aquí ata o control intermedio non coincido con ninguén (bueno si, coincido con Elena Bujía que estaba mimetizada coa natureza preto do regato). Non tardo en chegar ao avituallamento e nel tómome un pouco de respiro para beber e comer.

Continuando a marcha e xa adentrado outra vez no monte, atópome con Fernando Cancelo. E non é que eu fora "espectacular de ritmo", senón que él ía "escangallado" (demasiados km esta tempada). Non tardo en perdelo de vista por atrás. Isto foi no km18.

No km22 xuntábanse os percorridos longo e curto, e despois dunha pequena parada no avituallamento (que falta me facía), comecei a divertirme un pouco pasando aos corredores da curta (vaia tontería...).

Pero foi no km23.5 ou bastante antes, cando noto un alento que me persegue e intúo que me está a "controlar". Non tarda a miña pobre cabeciña en pensar "este vaime dar un achazo que non o vou nin a sentir". Dito e feito. Foi pasar ao lado do túnel da autoestrada e porse o camiño costa arriba, que foi visto e non visto. Tratábase de Miguel Angel Carmona. Aínda tiven tempo de volver a velo ao lonxe, no km24.5, pasada a ponte por enriba da autoestrada, pero as diferencias xa eran grandes e as miñas forzas pequenas. 

Por fin chegamos ao paseo e agora o caso era aguantar a posición, que por certo, non sabía cal era, pero xa estaba moi contento de cómo transcurriu a miña carreira. Estaba pasándoo fenomenal, cun preciosísimo percorrido, con todo o que se lle pode pedir a un trail.

E mira por onde que coincido con Diego Lanchiñas, que estaba a disputar o trail curto con algún amigo. Pois alá fun a acoplarme para que a chegada se fixese menos pesada. Pero a poucos metros da meta, subín un pouco o ritmo, que para acabar co corpo, mellor que sexa de todo. 

E alí cheguei, á meta en 3:12:36 e no posto 12º da xeral. Non tardei en acoplarme á mesa da froita. Non había laranxa e melón que me chegasen. As nécoras ... para outros. Eu precisaba froita.

E así, sen darme conta e sen poder falar con tanta e tanta xente que me gustaría falar, arranquei sen ducharme pensando que eran as dúas da tarde ... (alabadiño de min que non me acordei de cambiarlle a hora ao reloxio).

Con todo, quédome coa carreira que fixen e coa sensación de participar nun trail cun percorrido chulísimo, onde había de todo o que lle podemos pedir a un trail, subidas, baixadas, sendeiros, desbroces, regatos, ... perfectamente indicado, voluntarios por todos os lugares, fotógrafos, avituallamentos perfectos, spiker, en todo momento a organización pendentes dos corredores. Ufff, sensacional. Esperamos voltar para o vindeiro ano.


Chispum ...




1 comentario: