viernes, 5 de junio de 2015

Raid Gallaecia (series mundiais)

"Unha experiencia incrible nun entorno espectacular"

"Daba gusto atopar amigos e coñecidos en todos os lugares, aparecían de debaixo das pedras"

Tres semanas despois, decido realizar a crónica da aventura. Non o fixen antes por cansancio?? porque quizáis tiña demasidas cousas que contar?? Algo de todo, de ahí que esta sexa máis resumida, para non cansar ao personal.

A Istoria en sí iniciou aló por xaneiro, pero comezarei dende o sábado antes á carreira, onde nos desprazamos a Arzúa, para organizar todo o material e alimento para a gran aventura. Aínda que pareza incrible, fixo falta todo o domingo e o sábado pola tarde ata ben entrada a noite para tal organización. Non sabedes a cantidade de material necesario, organiza-lo e distribui-lo entre a caixa da bicicleta e a bolsa (bueno, e tamén porque andivemos mirando para as moscas).







Lúns a primeirísima hora, xa con todo cargado na furgoneta, arrancamos cara Cuntis, ás 9:15 temos o "check-in " e a proba de cordas. Vívese en toda a vila un ambiente internacional de competición. Idiomas e acentos distintos entrelázanse nas conversacións.
  

Martes, pouco antes das 9:00 da mañá, na pequena praza, vívese algo realmente bonito, algo especial, entre coñecidos falamos de algo único que temos que aproveitar. O obxectivo é finalizar a carreira, sen que problemas mecánicos e sobre todo físicos nos "chafen" esta experiencia. Adestramos para elo, así que con precaución e con sentidiño e sorte, deberíamos chegar ao obxectivo final, que non é outro que chegar á Praza do Obradoiro, onde está situada a meta.

Unha vez dada a saída ás 9:00 recordo que a nosa extratexia foi diferente ao resto da maioría dos equipos, comezando a picar balizas en sentido descendente (ao revés que a maioría de equipos). A orientación era boa, e sorprendeunos despois de ver os vídeos da proba como algún case afoga, cando nós mollámonos ata un pouco máis arriba da cintura. Todo ía ben e correctamente como tiñamos pensado, ata a última baliza desta sección. Aquí atragantóusenos bastante ata que conseguimos chegar á estrada ao outro lado do río. Despois foi de novo coser e cantar, pero xa perderamos bastante tempo no camiño.





De volta na praza de saída en Cuntis, arrancaríamos en Btt co fin de sección en Barrantes. Pero entre medias, teríamos unha orientación específica a pé, concretamente no monte da Escusa. O mapa de Btt complícase un pouco, posto que non estamos habituados aos mapas 1:50.000. 








No pavillón de Barrantes esperábannos as nosas bolsas. Estabamos desexando cambiarnos e comer algo quente, que non era moita cousa, posto que levábamos comida deshidratada que nada ten que ver coa "normal". Ás 20:30 h. saímos todos pertrechados cara o kaiak. Naquel momento, aínda que o sabíamos, non éramos conscientes de que tocaba remar toda a noite.  O rumbo estaba claro, sur da Illa de Arousa.
A marexada que atopamos era "boecha", polo que íamos mollados de arriba a abaixo. Xa no sur da illa e noite pechada, decidimos non facer a orientación a pé que alí había e continuar no kaiak, desta vez rodeando a illa polo oeste. No pescozo da illa (zona norte da illa), fixemos un pequeno parón para cambiarnos, beber e comer, para transportar os kaiaks pola estrada ata o porto. A partir de aquí cambiouse a marexada pola correntada, e todo isto, esquivando bateas. De repente, comezan a saltar muxos, que digo saltar, máis ben atacarnos, na cara, no peito, entran nas piraguas, temos que apagar os focos por uns minutos se non queremos naufragar por unha manada de muxos. Non tardamos en chegar a Vilagarcía de Arousa, onde nos esperaba unha pequena orientación a pé. Vennos ben para cambiarnos e coller calor. Unha vez feita, volvemos á piragua, rumbo á Illa de Cortegada, a cal bordearemos tamén polo seu lado oeste. Unha moi mala sorte, fixo que perdésemos buscando unha das balizas ... un mundo. Aquí pasou a anécdota que mellor recordo desta aventura, pero só se contará en persoa (canto rimos despois mi madriña).

As horas pasaban e a meta desta sección aínda estaba lonxe. O río traía unha forte corrente e o cansancio era evidente. Xa se estaba facendo de día e estabamos a punto de chegar. Ás 8 da mañá, arribamos en Pontecesures. Aínda que non estaba prevista, algúns metémonos unha ducha, xa non sei se estaba fría ou quente, pero fixo que despertásemos un pouco. Montamos a bici, comemos e arreando para a seguinte sección (tocaba btt). 

Pontecesures-Baiñas.
Esta quizáis foi a etapa máis rápida que fixemos. O obxectivo era entrar na sección de kaiak, que tiña hora de corte ás 17 h. Chegamos 15 minutos antes. A alegría fixo que nos despistásemos no tempo e cando nos demos conta, perderamos na transición máis do previsto. Embarcaríamos nas piraguas no encoro da Fervenza para baixar o Xallas. Había máis marexada e estaba peor o tempo no encoro que na etapa da Illa de Arousa. Cal foi a sorpresa nosa que cando chegamos á primeira baliza desta sección, a organización páranos por seguridade e non poderemos continuar polo río. Tócanos ir a patas ao cambio de sección, sito na praia do Ézaro.




A estratexia fallou. Pero se é por seguridade, admítese. Mirando as horas, o cansancio e o mermado do equipo, decidimos non facer o trekking do Monte Pindo e descansar as 3 horas obligatorias, para sair sobre as 3 da mañá en bicicleta e ter o tempo suficiente para facer a sección de trekking entre Fisterra e Muxía. 





Ás 3 da mañá xa estabamos arrancando. De novo, volvemos a errar co mapa de bici en 1:50.000. Pillounos unha choiva na parte alta do Pindo que nos puxo pingando. Traballo nos costou chegar á baliza do monte de Cee. Xa se estaba facendo de día, ás 8:30 chegamos ao porto de Fisterra

Vemos que poucos equipos levamos diante, 3 ou 4. Quizáis moitos decidiron facer a sección do Monte Pindo, pero nós, coñecedores desta terra, sabíamos que esta era a etapa que marcaría un antes e un despois no raid. Despois de almorzar, que falta nos facía, arrancamos cara Faro Fisterra, lugar onde se atopaba a primeira baliza desta sección, despois foi todo moi ben, intentando sairnos o máximo posible das zonas de area e sendeiros con mal firme, posto que serían moitos quilómetros e os pés íano pagar caro.

Estabamos desexando chegar á Praia de Nemiñalugar onde tiñamos previsto comer. E vaia se comemos, pedimos unhas tapas de guiso, e aproveitamos para comer un xeado, que ben merecido o tíñamos. Sorprendeunos non cruzarnos con ningún equipo. Pasamos Faro Touriñán, e intentamos dende aquí ir pola mesma curva de nivel, para non coller a subida da Praia de Moreira, a cal coñezo, polo que decidimos ir pola parte de arriba da aldea. Error, o camiño debuxado no mapa non existe. Esto fainos perder moito tempo e sair campo a través do desaguisado. Así que a xogada volveu a fallar. Continuamos bastante ben, ata que nun momento xa non recordo a zona (quedeime durmido andando) e menos mal que Diego se vai orientando ben polo Camiño dos Faros.

Xa vemos Muxía, o que non esperabamos era ter o ambiente de recibimento que tíñamos alí. Dicir que por todo o camiño había xente coñecida que nos estaba a seguir. Non podo poñer nomes, porque son moitísimos, e quizáis me esquecera de algún. 

Falar un pouco, cambiarse, comer algo, lavarse, e seguinte sección. Toca btt Muxía-Ponte do Porto, para adentrarse nun bucle en Camariñas e facer un trekking polo cemiterio dos ingleses. Como nos "empanemos" de novo co mapa, non chegamos, polo que decidimos non facer dito bucle e en Ponte do Porto coller cara Vimianzo e Negreira, fin desta etapa. Tal era o cansancio que en Cereixo, paramos a durmir 30 minutos. O lugar non sei se era o propio ou non, pero durmimos no cemiterio.

Unha vez chegados a Vimianzo e pasados pola baliza que había no castelo, xa cos bares abertos, almorzamos de lo lindo. Non sei os kilos de pasteis que tomamos, pero o pasteleiro fixo o día con nós. Que ben sentou. 

Antes de chegar a Negreira, volvemos a durmir 20 minutos nun monte, eran as 2 da tarde. Aquí tivemos outra anécdota cun home e un fouciño, non digo máis. 

E chegamos a Negreira, cunha calor de espanto. E con esa calor e cunha fonte preto, que mellor que votarse un lavado completo. Había que estar limpo e fresco, que ía sendo hora. 
Quedaba a última etapa que nos levaría á Praza do Obradoiro. Un trekking longo cunha orientación específica no Monte Pedroso, xa na entrada á cidade de Compostela. Saíndo de Negreira xa sabíamos que íamos chegar. Eran as 18:30 h. do venres. Os ánimos reflexábanse nas nosas caras.




Tiñamos previsto chegar sobre ás 5 da mañá ao Obradoiro, pero a música da festa e a vista da cidade, fixo que os ánimos se levantasen e só pensar en que podíamos durmir nunha cama esa noite, fixo que apurásemos o que podíamos nese intre. E chegamos. Un silencio sepulcral en todas as rúas, e comezamos a chegar á praza do obradoiro e o silencio fíxose festa, festa rachada. Alí estaban esperando un cento de amigos, cantando, apraudindo e dándonos os derradeiros ánimos desta etapa. Mi madriña a que armaron ás 3 da mañá. Orgulloso desta xente. E alí estaba o meu fillo e a miña muller, ás 3 da mañá. A emoción percorreu todo o corpo e toda a Praza do Obradoiro.








E aquí remata esta primeira aventura ... ... ...











2 comentarios:

  1. Enhorabuena Quito. Gran relato de una gran aventura. Espero verte pronto y que cuentes la anécdota de la Illa. Un Abrazo.

    ResponderEliminar
  2. Muchas gracias Alberto. Seguro que nos reímos un poco, o bastante de esa anécdota y de otras.

    ResponderEliminar