viernes, 10 de mayo de 2024

Ultra Orixes Mondariz (04-05-2024)

 Mondariz, a terra

da auga

Chegou o día de achegarse de novo a Mondariz. A terra de centos de tonos verdes que este ano ía ser pasada por auga (e ben por auga).

Dende que saín da Coruña aló polas sete da tarde do venres, non parou de chover ata ben pasado Pontevedra. A tregua tampouco durou moito, posto que cheguei a Mondariz, de novo, con auga a barrer. 

Bueno, recollida da bolsa de corredor que, por certo, viña cargada cunha camiseta, "buff" e gorra, entre outras cousas. 

Cheguei xusto á charla técnica cando estaban falando do ultra, así que pode dicirse que cheguei puntual. Ao finalizar esta parte, xa me fun a descansar. Dicir que non parou de chover durante toda a noite e que se intuía que a carreira ía ser "pasada por auga" e iso podía ser un parque de atraccións. 

Pois nada, ás 5.00 horas toca o despertador para almorzar algo 👌. Aínda tiven tempo de tirarme de novo ata as 7.00 h. que foi cando comecei a vestirme e prepararme. Coma sempre, algún detalle de última hora que non estaba previsto, pero pouca cousa.

Minutos antes da saída, xa se ven grupos de corredores quencendo, entre eles, José Santiago de Corzos, Jose do Brutanzos, Xosé María da Tribu, ... A min dame tempo de poñerme na liña de saída e punto. 


SAÍDA

Métome no medio do pelotón, pola parte dianteira. Pola miña cabeza pasa o de saír algo "as presas" antes de meternos no sendeiro e que os de diante non se escapen moito. Cando falo "dos de diante", non falo con 6-7 primeiros que para min xogan noutra liga, senón do 7º-8º para abaixo. 

A saída faise rápida, como era de esperar e non tarda en pasarme antes do primeiro km Fernando Arca que, coma a maioría das veces, chega tarde.

Por diante levo unhas referencias de Xosé María "O letrado" que vai cun bo grupo de corredores, Pablo Conde, Pablo Vecino, Xenxo, ...

Por fin chegamos ao km3, cando collemos un primeiro sendeiro que nos pon en fila de a un. Co primeiro desnivel grande, comezo a non sentirme ben, como que non son capaz de coller o ritmo e a respiración ideal. "Será unha cousa pasaxeira"- pensei. Pero non foi así. Intentei "ir indo" facendo CaCo e pensar só en que a carreira é moi longa e pode pasar de todo. Recordo que me pasan algúns corredores pero, aínda así, non son tantos como para non pensar que levo un ritmo bo. 

Polo km10, antes de chegar a Capela de San Xoán do Xisto, está Maneiro grabando e dame algo de ánimos. Sigo sen atoparme. A partir de aquí, recordo chuvia, preciosos sendeiros pegados a regatos cheos de auga, unha chulada de fervenzas onde o ano pasado case non había auga e moito sendeiro que non sabía se eran ríos feitos sendeiros ou sendeiros feitos ríos. 

Mención especial teñen as baixadas polas carballeiras, que eran tobogáns de barro e auga, así como os regatos que levaban máis corrente que algunha fervenza. 

Recordo nun punto de cruzar un deses "regatos" que o corredor que levaba diante (podería ser José Manuel Fernández Vázquez?) case hai que ir buscalo ao mar, menos mal que había un voluntario ao outro lado que lle meteu a man (esaxero algo).

Debeu ser o canguelo, que nada máis pasar para o outro lado, adianteille por unha desas baixadas cheas de barro. Non tardo tamén en pasarlle a Xenxo que non as tiñas todas consigo. 

Bueno, o caso é que era todo auga e cando saías do bosque, nas zonas altas, pegaba o vento, había neboa e chuvia coma se non houbese un mañá. Mi madriña 🙆

Nunha destas, atópome a Pablo Vecino, ao que paso e lle dou ánimos. Parece que non tiña o seu día, pero quedaba moita carreira e tiña que subir ese ánimo. 

E agora xa só recordo chegar a un avituallamento no que me atopo ao letrado que me dí que "por hoxe xa lle chegou", que para. Eu non é que vaia moi ben, pero non son eu de parar se non hai unha lesión grave e non era o caso. O que había era moita auga, pero polo de agora aguantaba dela, e do frío. Sabía que non era o meu día, pero sería un bo adestramento de volume. 

Despois de un bo avituallamento coa axuda de Maneiro (este home está en todo) e de Susiño, saio cara arriba, pensando no que me esperaba a partir de agora. Un poucos metros máis arriba, paro mexar e pásame xa con outra cara Pablo Vecino que, pouco a pouco, me vai deixando atrás. Neste punto da carreira, comezo a notar o xemelgo da perna dereita algo cargado, pero continuo. Máis arriba, atopamos outro avituallamento, onde está Edy Fabeiro, o cal me dí que se corta un tramo por estar moi perigoso. Efectivamente, viña pensando niso subindo cara alí e coas condicións climatolóxicas que me estaba atopando. Xusto neste punto, chega Ramón Barreiro do Vértice, que me pasa coma se nada. Eu xa ía tocado, bastante tocado, pero é que él case viña en bañador e coma se nada. Cara abaixo xa o perdo de vista entre a néboa. 


E é xusto no km30 cando o xemelgo comeza a queixarse con moita máis intensidade. Non tardará tampouco en aparecer de novo Xenxo, que me adianta e ao que vou controlando uns metros por detrás. Pola cabeza comeza a pasarme a idea de que tal como estou e a climatoloxía, ao mellor hoxe hai que deixar a faena sen rematar. Tamén se me pasa pola cabeza como imos pasar o lago coa chea de auga que vemos polo percorrido. De vez en cando, hai que tirar do gps para ver por onde vai a carreira, xa que as balizas aparecen e desaparecen entre a néboa, vento e choiva. Ao lonxe vemo un par de "quads", que paran ao lado de Xenxo e onde paro eu tamén. "Carreira neutralizada por non poder pasar o lago nesas condicións". Paréceme ben. Nós continuamos correndo para que non nos colla o frío. Isto foi no km37, aínda quedaban 3km para chegar ao avituallamento do lago Piñeiro. Xenxo tira un pouco máis rápido, eu vou ao que me dá o xemelgo. 

Unha vez chegados ao avituallamento de Lago Piñeiro, vemos a un corredor morto de frío, ao cal axudamos para que non nos quedase alí. Manta térmica e manta de lá e recollido onde non pegaba o vento. Mentres todo isto sucedía, houbo que amarrarse aos toldos, posto que marchaban co vento. Un deles rompeu, polo que entre os que estábamos alí, recollemos o que rompera e amarramos o outro que era o que nos daba algo de abrigo. Foron chegando outros corredores, Luís Candal e Elosúa entre outros. Practicamente todos fomos collendo roupa de abrigo que levábamos nas mochilas. 

Por fín chegan os todoterreo. Os máis frioleros primeiro. E aló marchamos en coche para a meta, despois de cambiar de vehículo na estrada que nos conducía a Mondariz. 

Unha aventura en toda regra. 

Os 15-20 primeiros corredores saímos en todoterreo dende o lago Piñiero, ao resto, foron capaces de desvialos cara o percorrido do maratón. 

E así foi como unha vez duchados, nos xuntamos todos no pavillón deportivo, saboreamos os callos e demáis comida que alí había e charlamos das nosas cousas durante un bo tempo. A importancia dos 3º tempos nestas carreiras valóroos moitísimo. 

Quedeime incluso á cerimonia de premios. Non había presa en chegar a casa. 

E colorín colorao, ata o ano que ben.


DATOS:

🏃 40,7 km 📈2400m+ 📉 1835m- (neutralizados).

⌚ 5.20.00 h. (neutralizados con 3.36.24 h.)

🏆 --


💦 3 tailwind endurance sabor neutro + 3*500ml H2O

🍬 3 geles infisport + 3 sandwich nocilla + aceitunas + 3 🍌

👟 Tomir 1.0 de Marathon Running Shop, a miña tenda especializada en A Coruña




CONCLUSIÓNS:

Quizáis sexa unha das carreiras máis atractivas do panorama galego que, este ano, era campionato galego de ultras. 

Non chegaba a esta carreira con carga suficiente, aínda así tomeino como un adestramento longo. Ao comezar, decidín forzar un pouco nos primeiros km para logo ir ao meu ritmo. Ao chegar ao primeiro punto de cronometraxe xa vin que as condicións miñas e climatolóxicas me ían levar máis aló das 8 horas, polo que a carreira comezou a ser de supervivencia (para todos). 

A día de hoxe aínda non sei se estou recuperado da helicobacter pylori, pero si sei que desta non tiven que parar (soamente orinar unha vez). 

Cousas a mellorar: meter máis "vaselina" na entreperna, atopar un mellor chuvasqueiro e acondicionar mellor a alimentación na mochila e cinturón (saber onde levo as cousas). 


Quito