jueves, 7 de noviembre de 2019

Trail das Bestas -03-11-2019-

A Escocia galega
fíxose dura

A ver se non me espallo demasiado.

Alí aparecemos o domingo á mañanciña, na área recreativa A Veiga no concello de Muras. Un día de inverno, con choiva, vento e neboa. 

O maratón da SalomonUltraPirineu debería ser a última carreira do ano, pero xurdiu a posibilidade de ir ao Trail das Bestas a alí estabamos. 

A semana que remataba non foi moi propicia para esto do deporte. Un curso de formación intenso, unido aos ricos xantares e ceas, pouco descanso nocturno e a falta de activación e adestramento fixo que non chegase nas condicións que me gustaría. Na cabeza andaban dúas posibilidades, 1) un plantexamento conservador para dar todo nos últimos 7 km e, 2) o corpo podía estar para 30km. Xa vedes que son contrapostos por completo.

Bueno. Café ás presas, cambiarse e coller dorsal. Xa é hora da saída e para non aburrirvos moito, vou intentar ser breve.

A choiva está facendo acto de presencia, polo que o spiker invítame a que sexa eu o que saque o gando de debaixo da carpa. Aló vou de valente. 10, 9, 8, ..., 3, 2, 1 arrancamos. Como me atopo diante de todo, saio cómodo. Nas primeiras rampas xa se pon en cabeza o "Rei do monte galego", o barbas non tarda en impor o seu ritmo. Tras del varios kamikazes, pola miña cabeza pasaba o de sempre ... "isto está comezando, tranquiliño Quitiño que xa verás como van caendo". 




Efectivamente, polo km 5 cada un xa está no lugar que lle toca polo ritmo que leva. Arca ao seu, un trío moi fortes perseguíndoo (Iván Barreiro, Edgar Franco e Iván Redondo) e a continuación a grupeta na que vou con David Eiroa, Pernas, David Alonso, Victor Dominguez, Pablo Conde, Aitor Franco, Álvaro Iglesias, entre outros. 



Polo de agora, todo vai sobre rodas, en liñas xerais levaba na cabeza levar un ritmo cómodo e a partir do km 30 darlle candela ao corpo, pero ...

Retorzo o nocello tres veces (que recorde), paro mexar unha vez e logo outra. Isto non é normal. Non atopo o ritmo dende o primeiro momento pero aínda así estou diante.




Pouco a pouco vou poñéndome nos postos dianteiros (3º, 4º, 5º e 6º). Vai caendo xente do grupo ata atoparme un bo anaco con David Alonso, Eiroa e Iván Redondo. Cae do grupo Eiroa e súmase Iván Barreiro que ía por diante. Polo km 25 atopo un ritmo bo xunto con Iván Redondo, deixando uns metros por detrás a Iván Barreiro e no que comeza a escaparse por diante David Alonso que vai moi cómodo. Por unha vez penso no 3º ou 4º posto, pero aquí comeza o erro.

Comezo a pensar na carreira cos outros corredores en vez de pensar na miña carreira. Está claro que houbo un desgaste neste punto, no que David Alonso se escapaba por diante, Iván Barreiro se quedaba e Iván Redondo aguantaba. E isto qué fixo? pois que chegara ao km 30 e dixera "ata aquí cheguei". Nese intre ía con Iván Redondo que, logo dunha breve conversa, tira para adiante ao que se une Iván Barreiro. Se quero chegar a meta teño que baixar o ritmo e xa o corpo ía completamente roto, así que bye bye e esperamos que ese pouco ritmo nos vaia levando. E así foi, a duras penas chego a meta. 7 km nos que non me adianta ninguén para sorpresa miña. Entro en meta na 6ª posición, branco coma o leite e co corpo roto completamente. Había tempo que non chegaba tan destrozado.


Logo, o mellor de toda a carreira, a postcarreira (aquí si que non sufrimos). Conversar, xuntarse cos coñecidos e coñecidas e atopar xente nova con quen falar. Este é o espiritu trail. 
Callos, larpeira, cervexa e moita lingua.



Comida de carreira:

Durante as 3 horas 42 minutos de carreira, metinlle:
 - 4 bidóns de isotónico
 - 4 xeles overstims
 - 1 xel victory endurance
 - Un cuarto de laranxa





Para reflexionar:
Unha 6ª posición e grazas, puido ser pior. Aínda que poida ser unha boa posición, creo que debería estar máis arriba, por iso me queda unha sensación agridoce que me fai reflexionar. 

Non chegábamos xa no mellor momento nin estábamos preparados para esta carreira. O cansancio acumulado da tempada, a última semana de curso, non adestrar, non durmir e non comer adecuadamente, deron como froito esta carreira. 

A decisión dende o día de hoxe que estou a escribir esta crónica é que non se compite máis nesta tempada. Descansaremos unhas semanas e miraremos as carreiras do ano que ven.

Temos todo novembro para desfrutar do monte cos amigos e amigas. Quizáis unhas saídas grupais non nos fan nada mal.