Mondoñedo converteuse
na capital da tribus galaicas
Vou colléndolle gusto ao de ir durmir ao lugar da carreira (para as que vou, tampouco é moito pedir). Un ambiente trailero, onde da gusto ver a toda esa xente tola que adoece por ir escarallar o corpo ao monte e encherse ben de barro (si xa, se fose para ir traballar non ía ninguén ...).
Non tardamos en liscar cada un para o seu aloxamento. No meu caso para o Albergue Montero, xunto con Dani Rodríguez. Dicir que durmín estupéndamente, nunhas instalacións novas e moi acolledoras, ademáis de bonitas. Pero a eso das 4:30 da mañá, parece que xa durmira dabondo, posto que a cabeciña comezou a dar voltas e reviravoltas.
Ás 6:20 horas xa comezou a levantarse a xente da distancia maratón e eu con eles. Vestirse rápido e tomar o almorzo. Unha cousa rápida e para a saída. Aínda que ninguén dicía estar nervioso, todos íamos falando coma cacatúas Tina Formoso, Miguel Lestón,e compañía, ... En fin, que se notaba.
Xa na saída apareceu o resto de ganado variado que ía correr a maratón, ademáis da prensa audiovisual con Xosé María á cabeza. Por alí estaban as tribus chegadas de todos os montes de Galiza, ademáis de moito Indio, estaban os Brutanzos, os dos montes de Vilatuxe e máis para aló, Bestarruzas, os de Boimorto, os dos montes de Viveiro, ... Ah, e por suposto os Brigantias. Todos revoltos, coma irmás que somos.
As 8 da mañá dase a SAIDA.
Un pequeno percorrido polas rúas da Mondoñedo para sair do urbán e meterse nos montes. O grupo vaise estirando e xa nas primeiras costas xa se vai posicionando cada un acorde ao ritmo que leva. Aquí comeza a miña historia.
Jose e Iván Brea van cun ritmo máis alegre e uns metros dun pequeno grupo de corredores onde me atopo. As costas son curtas pero algunha xa algo esixentes, polo que decido (bueno, xa traía decidido) ir ao meu ritmo, que faltaba moita carreira. Na 8º-9º posición fun un bo anaco, ata que comeza algunha baixada curta, na que parece que avanzo máis que algún corredor de diante. Comeza outra boa subida que a fago con Xan e Roberto García (compañeiro de profesión). Aí fomos un bo anaco falando e esas cousas. Éramos o 3º grupo (5º, 6º e 7º). Moi preto viña un bestarruza facendo a goma e outro máis por detrás del.
Chega un momento, nunha costa que parece que vou cómodo cunha marcha máis, polo que se vai quedando Xan. Cada vez a paisaxe vaise volvendo máis fermosa, pero tamén hai máis neboa. Parece que comezamos a acercarnos (Roberto máis eu) aos 2 corredores que van diante nosa. No primeiro avituallamento, damos caza a un deles.
Despois, iremos pouco a pouco comendo distancia ao seguinte. Pasada unha das cotas (onde había xentes das tribus da zona berrando coma se non houbese mañá) xa somos un trío. Máis adiante, o da comarca para, para atar a zapatilla e xa non volvemos saber máis del.
Comeza a primeira baixada complicada, onde caio por primeira vez (xan no km 3.7 torcera un nocello), e non tarda en caer tamén Roberto. Dende aquí comezo a sacarlle distancia e en pouco tempo xa non o vexo detrás. O fermoso bosque faime desfrutar da carreira e parece que vou máis alegre. Non vexo xente por detrás nin por ... coño, por diante, alí van Jose e Iván, uns metros por diante, subindo unha costa imposible polo medio dunha carballeira.
Eles tamén se decatan da miña presenza. Pola cabeza pásaseme que teño que facer a miña carreira e non picar con outros ritmos. Tiña moi presente o sucedido no Trail do Castelo -Quiroga-, onde petei no km30. Aquí non podía pasar o mesmo, polo que, ata o de agora ía todo como foi plantexado.
Aínda que me aproximo un pouco máis a eles, decido deixar esa distancia e seguir ao ritmo que levo, posto que queda moita carreira aínda.
No avituallamento do km 18.5 a distancia que me levan é pouco menos dun minuto.
Encho de auga, un anaco de laranxa e outro de plátano e a seguir.
E así será ata moi moi pasada a carreira, só, sen rastro nin por diante nin por detrás. Algunhas veces disfrutando da fermosa natureza que por aquí hai e outras, sufrindo coma todos.
Será no km32, cando xusto antes de chegar á última cota da carreira, vexo a Iván ao lonxe, desgastado e sen o ritmo que soe levar en carreira. Saco unha referencia, 1´20´´ subindo. Por detrás, por detrás non hai rastro de ninguén por ningures. Chegamos á baixada, esa parede que como tropeces xa chegas a Mondoñedo pero a rolos. Si, esa baixada que comezaba pouco antes do km33. Aínda queda un mundo, e baixando Iván é máis rápido ca min, así que mellor será conservar o que temos que xa é moito. E así foi ata Mondoñedo, conservando patas e levando un ritmo de cruceiro suficiente como para que os que viñesen atrás o tivesen difícil.
Xa se ve Mondoñedo, e incluso se escoita a macroverbena que montaron na fin de semana. Avituallamos de auga e rematamos co último xel. E veña volta para aquí e volta para aló. Estamos en Mondoñedo pero non hai forma de ver a meta. Por fin unha voluntaria me di que nada, que collo no cruce á esquerda e todo recto e xa estou. Vale. Collo o cruce á dereita, todo recto e ... a dereita, a esquerda, outra vez á dereita, subimos un pouco, collemos á dereita, a esquerda outra vez, dereita, ... xa non recordo máis. Dalí a un bo anaco, por fin comezo a recoñecer as rúas, xa se escoita o son da meta, por fin. Xa vexo o arco de meta e entro na preciosa praza. Súbeseme algo polo corpo, debe ser a alegría e a satisfacción de cumprir co estipulado e conseguir con elo un posto no podium desta gran carreira. A alegría percorre o corpo. 3º clasificado. Ou yeeeaa!!!