lunes, 4 de marzo de 2024

Ultra Quiroga Trail Challenge (62 km) 24-02-2024)

 Quiroga nunca defrauda


E este ano intuíase con frío e neve en cotas altas. Comezamos...

Levaba a intención de durmir no coche, pero a última hora quedou cama libre e acopleime ao grupo Couto-Mella. Total, 4 persoas comigo e Salva Moreira


Venres
. O día na Coruña está chuvioso, pero máis auga cae conforme vou tirando cara Quiroga, concretamente ata Lugo, pasóuseme pola cabeza "a onde vou eu con este tempo". Menos mal que dende alí ata Quiroga a cousa foi a menos.

Chego a Quiroga cunha temperatura mellor da esperada. Collo dorsal, charlo ata coas paredes e finalmente atopo a Pablo Mella e Diego Couto. Instalámonos nas habitacións e a cear. Recollemos cedo para poder preparar a roupa e material e meternos na cama. As 6.00 horas daban a saída das ultras e eu tiña pensado despertar ás 3.50 horas. Salva chega para cear con nós, polo que xa estamos todos. 

Sobre as 23 horas xa estaba durmindo e non recordo espertar ata que tocou o reloxo. Unha boa noite, pois non son eu de durmir a noite previa a unha carreira destas. 

Almorzo, vístome e descanso un pouco antes de ir ao baño, parte importante antes da saída dunha carreira.

Con todo xa feito, imos para a saída. O día non está moi apacible. Hai fresco, chove e analizo interiormente a carreira. 

ESTRATEXIA DE CARREIRA (inicial):

Saír tranquilo ata Outeiro, poñer un ritmo vivo ata voltar a Outeiro e finalizar eses últimos 20km con mentalidade gañadora. 

ESTRATEXIA NUTRICIONAL (inicial):

A base de Tailwind endurance, con 60gr de CH por soft. Ata Outeiro serían 3 con medio plátano. Parada en Outeiro para comer sólido e cargar outros 3 soft. Avituallamento Outeiro volta, parada para comida sólida e 1 soft e plátano dende aí á meta. 


SAÍDA:

Intento abstraerme dos corredores que por alí andan para non "picarme", polo que me poño na parte de atrás na liña de saída. Cando saímos para a estrada, xa veño que os primeiros me levan case medio quilómetro de distancia. Non me preocupa, posto que veño facer a miña carreira. 

Como era de esperar, todo vai poñéndose no seu sitio na primera subida, xusto ao saír da estrada principal e coller a pista asfaltada. 

Vou moi abrigado, co chubasqueiro posto por enriba da camisola térmica e mochila, guantes térmicos e maias longas. 

O monte vese con moita auga e en algunha zona, moi esbaradizo. A choiva vai e ven. 

Vou pasando corredores pouco a pouco. Chegamos ao túnel de Montefurado e alí atópome con Maneiro (que ía ao ultra 90K) e Elousa, cos que vou un bo anaco ata que vexo que van de "cháchara" con outro corredor e que vou incómodo co seu ritmo, polo que decido adiantalos e levar un ritmo cómodo para min. 

E así foi pasando a carreira. Pasei Paradaseca sen parar no avituallamento, o mesmo que fixen en Rugando. Dende aquí, a carreira xa vai rota e non sei moi ben como vai a cousa, nin por diante nin por detrás.

Recordo de ir cun corredor durante bastante tempo e que o deixei ir cando tiven que parar de urxencia para necesidades fisiolóxicas (21km-2.37h). Ao lonxe, xa se podían ver as montañas nevadas e pouco a pouco xa se avistaba Outeiro

Subindo cara a aldea, comezan a darme ánimos a xente que alí estaba esperando aos seus e xa me comentan que as distancias ultras se acortan polas condicións adversas nos picos altos.

Chego ao avituallamento onde a organización me confirma que iso é así (acerto 100%), e que a carreira continúa directamente cara Quiroga, cuns 20km para o final.

En verdade, fun demasiado cómodo ata alí, como tiña plantexado e o acortamento me descentra por completo. Entro no avituallamento e vexo moito alboroto de corredores e crúzome con Xosé María, "o letrado", que sae de inmediato. Pensei, "se quedan 20km, pouco necesito", polo que collíns uns anacos de plátano, unhas aceitunas, un puñado de patacas fritas, un soft de Tailwind endurance e arrancando. 

Na saída de Outeiro, non vexo balizas, polo que lle pregunto a un paisano que hai alí e me dí, cara abaixo, e aló fun, con demasiada presa para deixar a todo ese grupo de corredores que había no avituallamento de Outeiro. E tanto me fun que por un momento pensei, "onde van os que saíron diante miña, que non me puideron coller tanto". Ata que desconfiei de min mesmo e parei mirar o track. Si, estaba fora, bastante fora do percorrido. Tocaba voltar a subir e enlazar de novo coa carreira. E sí, aló arriba víanse os corredores. Vaia cagada. Consigo coller de novo a balizaxe, pero bastante por detrás de todo aquel que deixara no avituallamento. 

Tocaba subir ao Alto da Torca, e a neve xa estaba no sendeiro, e canto máis subiamos, máis caía e máis neve había. Aínda que non me gusta a neve, teño que recoñecer que se me deu ben esta subida, adiantando a varios corredores, a un deles, Xenxo, recoñecino días despois nas fotos. Íamos tan abrigados que non recoñecía a ninguén. E cheguei ao "cresteo" da Torca, alí xa pegaba o vento e a ventisca facía dese tramo algo épico. Sen cambiarme de roupa dende a saída, comezaba a estar incómodo e tiña algo de frío, mais sabía que ía ser só ese anaco, no momento que voltásemos ao outro lado da montaña a cousa cambiaría de novo. 

E por fin, comezamos a baixar. Unha baixada que disfrutei, pero que había que ir con cuidado pola neve. Aquí adiantei algún corredor máis. 

Unha vez baixado o cortalumes e meternos á esquerda cara o monte, a baixada por él véxoa complicada, pero quero abrir distancia co corredor que acabo de adiantar, polo que arrisco un pouco e claro, aló fun de fuciños. Despois de levantarme algo contusionado, decido non pasarme e chegar tranquilo á pista. Unha vez nela, vexo un corredor ao fondo e que pouco a pouco o vou collendo. Teño un momento de subidón e non tardo en collelo e pasalo. É Adán Carbo. Sorpréndome un pouco por un lado e penso que, tan mal non debo ir. Non tarda en collerme él de novo na baixada. Consigo irlle ao ritmo durante todo o percorrido do río do Castelo das Eiras e incluso lle adianto no último avituallamento, pero levo unha dor no nocello que non me deixa baixar en condicións e xa no Souto (km39), cando se ve de lonxe Quiroga, doulle paso e espero que a distancia cos de atrás sexa suficiente para conservar a praza. 

Pero non me da chegado Quiroga, paso polos viñedos e miro cara atrás, señal que non vou ben e xa espero algún corredor. Toco de frente cunha das carreiras máis pequenas, que me animan e incluso vexo que moitísima xente me recoñece e me anima polo meu nome, o que me dá un plus para dar todo o que me queda dentro e cando me dou conta, xa estou na estrada principal, no que me atopo aos da andaina. De aquí ao final, non pode collerme ninguén, pensei. E así foi. Xa se escoita o spiker ao lonxe. 

E cheguei por fin á meta, muscularmente moi ben, pero co nocello moi tocado e cunha sensación rara, difícil de explicar, entre orgullo e decepción. 


DATOS:

🏃 43 km   📈 2400m+   📉 2400m-

⌚ 5:19:11h

🏆 2º Veterán A (7º xeral)


💦3 Tailwind endurance+plátano+

      2 geles+aceitunas+patacas fritas

👟 Tomir NNormal 

🛍 Marathon Running Shop


CONCLUSIÓNS:

Imos avanzando progresivamente. Encóntrome mellor que en Terras de Burón. 

A estratexia nutricional foi desastrosa, ao non cumprir co que tiña previsto e ao descentrarme no avituallamento de Outeiro. Aínda así, non sei como aguantei con tan pouca inxesta de hidratos.

A recuperación despois da carreira foi moi boa, sen dores no corpo. 

A nocello hai que fortalecelo un pouco máis e mirar se ten algunha solución. 


Quito








 
   

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario