miércoles, 27 de julio de 2022

I Trail Costa da Morte (16-07-2022)

Adestramento de calidade


Ata o último minuto estiven pensando en inscribirme. Non estaba planificada esta carreira no calendario pero tamén me "fastidiaba" non participar nunha carreira tan preto da casa. Así que a 2 minutos de pechar as inscricións, aló fun. 

O obxectivo estaría en baixar das 2 horas que intuía a organización para o campión ou campiona, o cal, me parecía bastante esaxerado. 

Tomaríao como un adestramento de calidade, xa que o percorrido ía ser moi moi rápido. 

O día da proba, amanecía con moita neboa, a cal, tiña pinta que estaría por moito tempo con nós. 

Na saída, despois de levarnos en bus dende Malpica a Nariga, comecei a motivarme, a crer nas miñas posibilidades, sobre todo porque coñecía o percorrido.

Despois dun quecemento correcto, dábase a saída. Non dudei en poñerme diante de todo e tirar coma se non houbese un mañá. 

Na cabeza tiña coller a suficiente distancia dende Punta Nariga (saída) ata o porto de Barizo. E dende alí tirar o máximo que poidese (controlando), por si viña algunha "gacela" despistada. O percorrido en sí non tiña grandes desniveis, pero sí era algo técnico nesa primeira parte, que se poñía máis dificultoso ao non estar desbrozado. 
Subindo xa desde Porto de Barizo e antes de coller cara a praia do mesmo lugar, botei a vista atrás para ver a distancia que tiña con respecto aos perseguidores, e sorprendinme que non vín a ningún. A distancia que collín baixando era maior da esperada e eu atopábame moi fresco. Así que puxen ritmo cruceiro, rápido pero cómodo. 
Non foi ata o paso do río en Seiruga cando volvín mirar cara atrás e ver a distancia que podía ter. Ao lonxe, vin unha silueta que podía identificar con Rubén Ortega, un madrileño que veranea en Malpica. A distancia non me preocupaba, xa que me parecía maior da esperada. 
E así foron pasando os quilómetros e o tempo. 

No avituallamento de Beo, aínda me paro a beber un pouco de auga para continuar co bo ritmo. 

Cando me dou conta, intúo que estou a altura das Illas Sisargas que, pola neboa, non veía. E en nada identifico xa a subida cara San Adrián. O sol comeza a saír e a neboa comeza a desaparecer nesta parte. Dende aquí, era onde tiña previsto poñer unha marcha máis se estivese acompañado, pero non era o caso. Incluso decidín beber un pouco da fonte de San Adrián. Na baixada cara Malpica, os aductores nótoos máis do que quixera, polo que decido seguir con ese ritmo que levo.
Miro de novo cara atrás e non vexo rastro dos seguidores, polo que, si non hai nada estrano debería chegar victorioso á meta de Malpica. 

Pasamos a praia de Seaia e dende o seu aparcadoiro volvo mirar cara atrás. Nin rastro. Comezo a ter esa sensación que, supoño, terán os campións das carreiras, unha alegría interna que comeza a saír en forma de risiña pícara no rostro. 





O paseo de Malpica e coa xente paseando e nas terrazas, parece que me levan en volandas e noto que o ritmo se acelera. Por alí andan Victor KmVertical, a alegría xa se me nota na cara e por fin, na recta de meta podo saborear o triunfo deste I Trail Costa da Morte celebrado en Malpica. 







Campión do I Trail Costa da Morte