Fair Play no
Carballo Trail Race
Con gañas de participar na primeira carreira do 2019. Non era outra que o trail de Carballo.
Custoume levantarme tan cedo, pero máis me custou sair do coche para ir recoller o dorsal co termómetro marcando 0ºC.
![]() |
regalo dun amigo |
Recollida de dorsal, encontro con amigos e a prepararse para a saída. E desos amigos, houbo un que se acordou de min antes de sair da casa.
E xa sen tempo, meterse no autobús dirección á praia de Razo e directos ao bar para tomarlle algo quente cos veciños (Pelé, Dani e Adrián). Alí dou tempo a falar e a rir un pouco antes de voltar salir ao exterior.
Xa non quedaba nada, todo o mundo preparado no areal para que se dese a saída e así foi, un visto e non visto. Chegar e sair.
Esos primeiros metros había que facelos con cabeza, posto que podían pasar factura ao longo dos 29 km. Cun vistazo rápido á cabeza do pelotón, xa me din conta ónde tiña que estar neses primeiros metros. E sen entrar en calor, xa veu a primeira costa do día. Aquí xa se comezaba a ver quen era de asfalto e quen era de monte. O pelotón comeza a estirarse e xa se comeza a diferenciar o grupo de adiante (moi nutrido) e o resto do pelotón. Eu fago por estar no grupo de cabeza.
Comezamos a subida cara Santa Mariña que xa vai poñendo a cada un no seu sitio, polo menos nun primeiro momento. Por aquí recordo adiantar a Victor Cousillas, que creo que saiu algo forte e estaba a recuperar un pouco. Eu intento levar un ritmo alegre pero non asfixiante, aínda que vaia perdendo de vista por diante a algún corredor. E o que eu pensaba que era a subida a Santa Mariña, convértese na subida a Monte Neme (literal), non hai descanso e si un longo cortalumes no que visualizo a menos corredores por diante dos que me gustaría, pero sigo co meu ritmo, sabedor do que queda e do que podo dar. Por aquí adianto a Victor de Km Vertical que animo a que me siga, pero non accede.
Xa polo que queda da canteira de Monte Neme, vexo que me vou acercando a algún corredor nos falsos chans e collo algún nalgunha baixada. Cando me dou conta, nunha das poucas zonas técnicas, paso coma un lóstrego a 4 corredores (e eu que non son bo baixador). E xa chegando abaixo, levo un ritmo moi similar a un corredor alto e esbelto que non coñecía (ata que rematamos e fun collendo datos ;)). O ritmo que levaba era bo e adapteime a él. Xuntos entramos no tunel por debaixo da estrada que, por certo, que calorciño había alí. E xa, sen darno conta, estábamos na meta do trail curto, no que vexo de refilón ao amigo Pi Fraga e un pouco máis adiante a Laura, a muller de Carlos Bardanca á que lle pregunto cantos van diante, contestándome -sodes os dous primeiros. Mmmmm, non pode ser, posto que Carlos saiu diante miña e non o adiantei por ningún lado. Pensei, unha de dúas; ou vai moi rápido e xa non o viu pasar (era o máis probable) ou que estivese apuntado no trail curto pero, se fose así, qué facía Laura despois da meta do curto. Algo non cadraba.
![]() |
aquí o momento dos temblores |
Bueno, dende aquí, fun ás veces con Aitor (que era así como se chamaba o corredor que ía diante miña) e ás veces deixábame caer un pouco. Por atrás a distancia parecía que se ía facendo máis grande ata o punto de non ver a ninguén nuns centos de metros. Pero esto ía cambiar. Xa chegando ao avituallamento intermedio (o dos piratas), sentín como temblaba o chan, ao principio non lle dín importancia (sería que me faltaba osíxeno na cabeza), pero pouco a pouco noto máis temblores, coma cando se pon a trotar un cabalo percherón. Ñoooo, que raro, e dóuseme por mirar cara atrás. Alí viña Carlos Bardanca que sabe demos de ónde saiu e viña coa directa posta. Pensei, este tivo que perderse nalgún sitio e ven recuperando a marchas forzadas.
Esto fai que me active un pouco e me anime, e os metros que me levaba Aitor, papeillos nuns 100 metros, ou máis ben xusto no precioso tramo do río. De boas a primeiras, alí estábamos, un grupo de tres corredores en cabeza e xa pasado o quilómetro 20.
O ritmo aumentou considerablemente e pola miña cabeza xa pasaba que aí estaba o podium, a non ser que pasase algo extraordinario. Por detrás non se vía xentío algún.
Collemos un pouco de asfalto nunha pequena aldea de "catro casas" para meternos de novo nun camiño á esquerda. Un camiño cheo de auga e barro no que de repente, vemos unha bifurcación e facémonos unha pregunta.
- E por ónde é?, será polo camiño (esquerda) pero o camiño fáise máis pechado.. Voltamos de volta. -Será polo río (o camiño parecía un río). A auga estaba xeada, e alí nos metemos como poidemos, pero nada. Volvemos atrás. Un para cada lado. Pero nada. Comezan a chegar corredores e entre todos imos mirando. Decidimos chamar á organización para, polo menos, nos saquen dalí. E nese intre, un dos 8-9 que alí estábamos, berra que atopou unha baliza ao lonxe. Pois nada, resolto o problema para nós pero, e todos os que veñen detrás??. Avisada a organización, esta fixo todo o posible por arranxalo canto antes.
Unha simple baliza leva pode levar ao traste un evento, pero así son estas cousas.

Imos ver logo: - Carlos, como tí te perdeche antes e nos colleches e levabas mellor ritmo, ti vas quedar primeiro. Decidido. E polo que a min respecta, Aitor vas quedar segundo que foches por diante case toda a carreira ou ías tirando de mín. Así que, así foi.
Tíñades que ver as caras da xente que seguía a carreira. Non entendían nada do que estaba pasando. Tan preto da meta e non había ataques, cun ritmo trotón. E cando avistamos a meta, coa xente aplaudindo e animando aos seus, e os seus que non reaccionaban. E así chegamos, xuntos pero un pasiño máis diante que todos.
E é que este deporte, ademáis de competir, moitas veces (non digo sempre) é un deporte de amigos e cabaleiros, amigas e doncelas.
Pola miña parte, moi moi contento coa carreira, tanto polas sensacións físicas como a lectura que fixen da carreira.
Deu tempo a falar co resto de corredores, de rir e de papar uns deliciosos callos con pan de Carballo, por suposto.
P.D. Para os curiosos, vendo o track do gps, estivemos 7 minutos clavados buscando a saída do atolladero.
Clasificación
No hay comentarios:
Publicar un comentario